Visualizacións de páxina totais

25 de xuño de 2010

ESCULTURA



















Ata o 25 de xullo de 2010 permanecerá a exposición de Pepe Galán na sala Kiosko Afonso da Coruña. A mostra, unha colección de setenta e seis obras, algunhas de gran formato, e dous vídeos documentais sobre obra pública, pretende establecer, segundo os organizadores, unha «reflexión sobre a luz nos tecidos en volume, o colmado e o baleiro nos metais, ou pezas resultantes da combinación e/ou manipulación, como parabrisas de automóbiles e camións, etcétera». A idea final configura o obxecto artístico, que ademais da integración na súa propia realidade presaxia outro tipo de conceptos reflectidos en secuencias tanto territoriais coma históricas.

O plástico coruñés, nado en 1955, pese a que apareceu no campo artístico con incursións na serigrafía e o gravado, decantouse finalmente pola escultura abstracta primeiro, se ben despois concentrouse no conceptual. Un dos fundadores de La Galga e Gruporzán, en 1984 comeza a quebrar os xéneros e afonda sobre novos contrastes establecendo unha relación entre o interior e o exterior. Nos noventa irrompe co aceiro cortén, en busca de novos conceptos e grandes dimensións. De aí saen A copa do sol, na contorna da torre de Hércules, Vieiros de seu, en Lugo, e a serie Fendas, etcétera.

Manuel Rivas reflicte (no catálogo da exposición: Galán: a manufactura mítica) que a obra de Galán «non foi, senón que é. Non se deixa mirar, non se deixa posuír. Ou non lle basta con ser mirada. Apreixa a mirada de quen mira para liberar significado ao tempo que libera a quen a mira (...) Pepe Galán foi algo máis ca un combatente da arte da biodiversidade contra a biodiversidade. Incluso cando florecen as ferruxes en cores de begonia, semellando que el anda polos arredores, cos petos cheos do pole que desprenden as grúas e unha maleta chea de terra de Betanzos».