Visualizacións de páxina totais

20 de maio de 2011

Cara a atrás








Segundo a Academia da Lingua Española, o vocábulo ‘política’, na súa acepción 11º, é a «arte ou traza coa que se conduce un asunto ou se empregan os medios para acadar unha determinada fin». A homónima galega, recoñece directamente o termo como a «arte de gobernar e promulgar leis e regulamentos para manter a tranquilidade e seguridade públicas, e conservar a orde e os bos costumes». Isto é, pódese prohibir calquera cousa con tal de conservar a orde e os denominados ‘bos costumes’.

Pero o máis salientable entre ambas as dúas academias da comunicación é que se trata dunha ‘arte’. E para iso entramos novamente na construción de palabras e fixámonos de que arte significa, na española, na cuarta acepción, «maña, astucia», e a galega, na sétima, como sinónimo, amplíaa algo máis: «artimaña, astucia, estrataxema, maña».

Semella que se quere agochar o termo no máis fondo da súa característica, pero finalmente aparece con toda a súa crueza: política ou político = artimaña, astucia, estrataxema, maña, etcétera.

Hai que votar a algún destes persoeiros que empregan a artimaña ou a estrataxema como medio para acadar o fin de ditar normas que prohiban e suxeiten coa orde e bos costumes aos cidadáns? E que son os bos costumes? Os costumes dunha sociedade caduca, trasnoitada e chea de hipocrisía que mentres di que non está mamando o si? A orde dos uniformados suxeitos a unhas leis promulgadas por outros uniformados de toga que responden ao lexislado polas artes dos políticos que obedecen ao capital financeiro e non xustamente ao pobo?

Como se entende isto?

Xa sei que eu non son ninguén. Son un máis desa cadea de inconformistas aos que lles encantaría requisar as igrexas e instalar nelas discotecas ou bibliotecas, calquera cousa menos comerlle o cerebro á humanidade coa maldita relixión. Abolir o exército e instaurar asembleas autónomas e independentes por toda a xeografía europea. Algo así como «esta é a nosa casa e aquí gobernan os seus moradores», por exemplo.

Pero aos astutos non lles concedo nin unha mirada.

19 de maio de 2011

‘Violentos anos dez’







‘Ata que escampe’, que é o que parece querer dicir realmente o nome deste grupo que se define a si mesmo como de serie ‘B’, malia que eles confesan que é debido a outra cuestión, editou en 2011 o CD ‘Violentos anos dez’.

Sábese que Miguel Mosquera Fociños (guitarra, voz e coros) é natural de Lalín. O resto do elenco compóñeno Xoán Lois G. Carlín (baixo eléctrico, contrabaixo, piano, teclados, maracas e coros), Samuel Solleiro (banxo, guitarras, harmónicas, slide, xilofono, pandeireta e coros) e Álex Charlón (voz e coros).

Como pouco, a relevancia deste elenco musical débese ao seu CD ‘Galicia es una mierda’, traballo controvertido, que fai pensar, pero que eles defenden intencionadamente.

‘Violentos anos dez’ gravouse nos estudos Abrigueiro (Friol, Lugo), son dez pezas que mostran unha tónica semellante aos seus anteriores traballos, se ben algo máis coidada e apoiada por novos instrumentos. ‘Festa malandrómica’ chama a atención, soa como unha fenda no deserto, que xa é difícil. Pero tendo en conta como se creou este grupo, nada sorprendente.

«O mundo arderá», din. «É o momento de parar o xogo de forzas centrípetas (‘Galicia es una mierta’) e centrífugas (‘A grande evasión’) e debuxar algunhas outras constelacións», concretan. E finalizan o seu carrusel cun «bailaremos ás noites no ‘ghetto’ e será importante. Estamos por todas partes e somos invisibles dende os avións».

Voltas lle dan á cousa. E retranca teñen bastante.

Máis información no seu blog: http://ataqueescampe.blogspot.com/

Pódese contactar co grupo a través do seguinte correo electrónico: ataqueescampe@gmail.com














Ataque Escampe nunha imaxe da REGUEIFA (http://aregueifanetlabel.blogspot.com/)

ATAQUE ESCAMPE - Violentos anos dez (2011).zip



Rebelión!







En pé de guerra está a xuventude madrileña, que é mirada con lupa polos políticos. Consignas como: ‘Se votar valese para algo, estaría prohibido’ ou ‘Se non nos deixades soñar, non vos deixaremos durmir’ mostran a cara máis revolucionaria dunha nova sociedade na que só se fixan as prohibicións: prohibido isto, prohibido estoutro. Prohíbese todo. Castígase todo. E mentres vese como os ‘prohibidores’ viven como ministros ou bispos, coas súas dietas e quilometraxes a tres mil euros o cuarto diario.

Isto é o que acontece nestes días nos que todo indica que a indignación dá paso á rebelión.

A cousa iniciouse, malia que fose a pé cambiado, en países musulmáns (Tunisia, Alxeria, Exipto...), pero semella que no denominado mundo occidental esa indignación trasladouse directamente cara á rebelión.

E o exemplo é hoxe Madrid. Os mozos, que non queren falar de violencia, pretenden establecer unhas coordenadas coas que iniciar unha realidade que na actualidade é ficción. Consideran que os políticos se dedican a todo menos a defender os intereses xerais da sociedade. E entenden tamén que a sociedade é, en definitiva, quen debe procurar a súa propia identidade a través das iniciativas populares sensibles ás súas propias certezas con fórmulas tan imaxinativas como o decidan os argumentos de cambio fronte ao conservadorismo imperante nas sociedades dos tres mil dólares por cuarto.

Apoiemos, entón, aos mozos madrileños, como aos de Compostela, de Lugo ou da Coruña se son quen de mostrar, sen violencia, a súa oposición a un sistema corrupto e esmagado pola dinámica da función política.

Apoiemos a estes xoves, porque xustamente aínda o son, que non dubidan en presentar a súa épica batalla enfrontándose a todo un sistema pechado a sol e sombra, que permite escasas fendas para poder sobrevivir de acordo coa dignidade propia que se lle merece ao ser humano.

E aos políticos, merda para eles.














Imaxe de RTVE

17 de maio de 2011

Día das Letras Galegas







En febreiro de 1990, seis anos antes da súa morte, Manuel Carballido conversou con Lois Pereiro, testemuña recollida polo semanario A Nosa Terra, que publicamos xustamente no seu Día das Letras Galegas propiciado polo actual patrón da Academia Galega Xosé Luís Méndez Ferrín, que estamos seguros tamén querería para Galiza non só un día, senón os 365 días do ano.

A páxina web da Academia Galega (a estas alturas debería ter xa prescindido do vocábulo ‘real’) dispón dunha ampla biografía de Lois Pereiro a través do seguinte enlace: http://www.realacademiagalega.org/letters/ViewHonoredFigureWork.do?year=2011