Visualizacións de páxina totais

11 de set. de 2014

Salvador Allende












Corenta e un anos despois do golpe de Estado promovido polo capital estadounidense (en comandita coa socialdemocracia chilena) e executado polos seus axentes (CIA, Pinochet), ningún tribunal internacional asumiu o seu tratamento como crime de lesa humanidade.
Esa é a democracia da que se gaban a meirande parte dos representantes dos patróns internacionais das finanzas que gobernan realmente o mundo.
En 1973, en Chile había un goberno democrático. Pero, entre outras medidas, nacionalizou o cobre. Para que? Para que os beneficios quedasen en Chile e non en mans estadounidenses e dalgúns comisionistas chilenos que non contemplaban un goberno de unidade popular. E que aconteceu entón? Que a socialdemocracia chilena, na oposición, organizou unha folga brutal do transporte, financiada polos EE UU. O país quedou desasistido, sen abastecementos. E esa socialdemocracia, eses políticos, representantes do imperialismo financeiro, creou as condicións para que as forzas armadas (funcionarios, en teoría a disposición da sociedade, das súas normas institucionais) mudasen de bando, como mercenarios, apuntándose ao gañador e que máis pagaba: EE UU (nin sequera dubidaron en asasinar ao xeneral Carlos Prats, xefe das Forzas Armadas chilenas, leal ao presidente e á soberanía popular).
Iso foi o que aconteceu en Chile a grandes trazos. Polo miúdo foi algo máis terrible. Pareceuse moito ao acontecido en España en 1936, cando outro mercenario crebou cos dereitos constitucionais daquela sociedade da que dependía o seu salario.
Non se deben esquecer estes feitos. Como tampouco permitir que suceda algo semellante, que pode acontecer en calquera momento no caso de que os representantes da especulación perdan o poder democraticamente. Nese caso está por ver canto tempo respectarían a soberanía popular, da que tanto se senten lexitimados cando realizan recortes a través de decretos ou cando lexislan o que lles parece (o que lles ordenan os seus patróns) baixo a prerrogativa da posesión da maioría.
Por iso, a este tipo de políticos demócratas, que representan á mafia máis poderosa do mundo (crea conflitos, provoca guerras, destrúe sociedades, fabrica e vende armas de destrución masiva, etcétera), non lles interesa investir en educación: necesitan da formalidade dos votos para ser cribles, que non acadarían se o mundo fose unha comunidade consciente e solidaria. Velaí o caso estadounidense: calquera psicópata ben relacionado, por exemplo, pode acceder á chave que poña fin á historia da humanidade cun só clic.





 





8 de set. de 2014

‘Willy’ Toledo












Debín ser unha das escasas persoas que se tomaron a molestia de ler esa extensa diatriba que cuestiona, como mínimo, a integridade dos dirixentes de Podemos.
Sen entrar en todas e cada unha das cuestións que vostede utiliza para pór en dúbida a honorabilidade dos voceiros da apenas nada formación política allea ao formalismo insolidario imperante, engadirei as seguintes consideracións:
A esquerda real que vostede preconiza (obreira, de crase, organizadora das masas, etcétera) non existe en Europa (agás pequenos redutos con escasa influencia). Porque, fóra do PP-PSOE (dereita pura e dura), representantes da especulación financeira, non hai nada organizado (Esquerda Unida vai camiño de se parecer ao PSOE).
Polo tanto, para debater sobre qué é a esquerda, como vostede se pregunta, como mínimo débense atender a aquelas formacións non ligadas directamente aos representantes da insolidariedade, isto é, PP-PSOE. De momento, e ata que non se demostre o contrario, a nivel estatal están Podemos, Alternativa Galega de Esquerda, Bildu, etcétera. A partir de aquí podería comezar o debate para confluír nunhas eleccións xerais conxuntas, en pé de igualdade, para lograr eses oito ou dez millóns de votos necesarios para gobernar e mudar a forma de Estado.
Sen entrar en máis disquisicións, acabarei co apartado estatutario de Podemos. Vostede alude á existencia dunha forte estrutura para mudar, no seu caso, aos seus líderes: a asemblea decidiría o cambio sempre que a nova dirección acadase a mesma porcentaxe conseguida pola primeira, máis un voto. Aparentemente semella unha manobra para dificultar a entrada dunha posible oposición con distintos criterios ca dos fundadores. E é certo. Na práctica, o que se pretende é que un grupo de infiltrados non quebre as directrices para as que foi creada esta formación política. Nin máis nin menos. Moito máis difícil é superar eses dous terzos necesarios no Parlamento español para mudar a propia Constitución e a forma de Estado.
Finalmente, preguntarlle por qué lle ten tanto medo ás novas opcións solidarias. Por que non poden acadar o poder e rebentalo todo se é o desexo democrático da sociedade?