Visualizacións de páxina totais

18 de out. de 2013

Revista de Prensa ||| Venres 18 de outubro de 2013








Rajoy mente, Montoro mente, Guindos mente, Sáenz de Santamaría mente, Cospedal mente, Carlos Floriano mente, Ruiz-Gallardón mente, Ana Mato mente, Xosé Ignacio Wert mente, Fátima Báñez mente... A relación do PP coa mentira é a do toxicómano coa droga. Vive para ela, arredor dela, só pensa na dose próxima. Por iso os salarios non baixan, nin desfalece a igualdade de oportunidades, nin se recortan as pensións, nin Bárcenas traballou canda nós, nin hai 7.000 mamografías en lista de espera (sete mil), nin existe o copago dentro ou fóra das instalacións hospitalarias, nin se envía aos dependentes ao ‘morredoiro’. Se fose necesario asegurar que é día cando evidentemente é noite, xuraríamos ante a Biblia que fai un sol de carallo. Todo depende do que aperte o mono e podémoslle asegurar que o mono aperta. Cando Rajoy di en Xapón que Fukushima non supón risco radioactivo algún mentres entre os seus zapatos corre un líquido fosforescente, non é por capricho. Leva, entre viaxes e mudas horarias, máis de 48 horas sen mentir. A ver qué drogadicto aguanta iso. Os ministros e os responsables do partido pásanse as mentiras uns a outros coma quen pasa unha papeliña por debaixo da mesa. Pero gardan as máis puras para os propios. De aí que moitas destas mentiras estean adulteradas, cortadas e que soen a chiste. Pero valen para saír do paso ao modo en que un grolo de colonia pode aprazar a inxestión de coñac ou a cabicha da noite anterior axuda a resistir ata que abran os bares. Hai subsecretarios e directores xerais que ao non ter a oportunidade de mentir ante as cámaras, o que dobra a eficacia do estupefaciente, retíranse ao retrete e dinse as mentiras a si mesmos, fronte ao espello, como quen desaparece un anaco para meterse unhas raias.