Visualizacións de páxina totais

27 de dec. de 2012

2013: Un ano máis










Para 2013 e anos sucesivos, queremos a fin da escravitude; que ninguén dirixa as nosas vidas, agás nós mesmos; queremos traballar ao noso aire, onde nos sintamos máis a gusto; queremos durmir a perna solta, espertar cando nos pareza; queremos estar vivos, alegres por transitar por este mundo sen complexos; queremos, en definitiva, que o planeta deixe de ter dúas varas de medir.


Está claro que é moito pedir. É como coidar que os reis magos atendan as nosas demandas. O pesimismo parece que pesa máis. Non é fácil contaxiarse dun optimismo que non se perfila por ningún dos puntos cardinais. O sistema métrico decimal traga con todo canto atopa ao seu paso. O poder ordena e manda, converte a sociedade formalizada en complemento da súa loucura. E, finalmente, o statu quo rebenta, esnaquízase e acaba con todo, ou case todo... (porque de quedar algo, aproveitarano para comezar de novo coa mesma leria).

Con todo, por non fuxir directamente e acubillarnos en calquera fenda fóra do espazo formalizado, quédanos aínda unha pequena físgoa de inocencia pola que considerar que, pese a estes dous milenios mal aproveitados, talvez o sistema métrico decimal perda a súa preponderancia e caia nun pozo sen fondo que deveña noutra alternativa máis doada para a convivencia en xeral.

Haberá que velo, ou escoitalo, como na canción, que anunciaba a chegada do día no que a tortilla se volva: «que os pobres coman pan e os ricos merda ao cadrado».

En calquera caso, conformaríamos coa desaparición das desigualdades.

Non só en teoría. Realmente. Na práctica.


Imaxe de TVE