Visualizacións de páxina totais

6 de xuño de 2013

Nova contribución de Fílmika Galaika

-->







Quen foi Alexandre Bóveda? Pois un galego do século pasado, que naceu en Ourense e se estableceu en Pontevedra, xa con traballo como funcionario do Estado.
Centrámonos no período negro de ‘Hespanha’ (como a definían os arredistas). Nese tempo en que tanto Cataluña coma Euzkadi pretendían, como mínimo, gozar da súa propia autonomía nun marco federal do Estado.
Vale, pois, seguindo a Bóveda, propúxose que Galiza non fose menos ca vascos e cataláns. E con moita teima logrou que o galeguismo se agrupase nun partido baixo o nome de Partido Galeguista.
O PG, que contaba nas súas fileiras con persoeiros coma Castelao, participou nas eleccións xerais de febreiro de 1936 englobado na Fronte Popular (que gañou as eleccións), malia a escasa simpatía que Bóveda lles tiña ás organizacións de esquerda españolas. A promesa de que unha vez gañadas as eleccións se aprobaría o Estatuto contribuíu ao cambio de actitude de Bóveda.
O caso é que pouco despois de mudar o Goberno en Madrid, e deposto o monarca, un xeneral ben coñecido rompeu a baralla e esmagou a democracia das furnas. A Bóveda, que non saíra de Pontevedra, prendérono. E logo dun xuízo sumarísimo foi condenado a morte.
Esta é a grandes trazos a historia de Alexandre Bóveda. En ‘A fazaña da liberdade’, traballo de Fílmika Galaika, hai moita máis información sobre Bóveda. Xosé Manuel Beiras, Xusto Beramendi, Bautista Álvarez, Xavier Vence, Avelino Pousa (falecido), Isaac Díaz Pardo (falecido), Uxío Diéguez, etcétera, completan noventa minutos de contribucións á figura dun galeguista liberal que axudou a pór as bases dunha Galiza solidaria e soberana que hoxe aínda está por construír.

Nas imaxes, Seném Outeiro, á esquerda, e Roi Carballido, responsables da produtora coruñesa




4 de xuño de 2013

ALEXANDRE BÓVEDA IGLESIAS










Nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 (se ben aparece rexistrado o día 7), iniciouse no estudo da lingua francesa mentres lía O catecismo do labrego ou as páxinas de O tío Marcos da Portela, de Lamas Carvajal. A denominada xeración de Vicente Risco, pero sobre todo a revista Nós complementaron a súa aprendizaxe incitándoo a envorcarse sobre os problemas de Galiza. Ao aparecer La Zarpa, xornal de Basilio Álvarez, Alexandre Bóveda, docente no Colexio Villar, publicou alí o seu primeiro artigo sobre o ferrocarril Ourense-Zamora.
Viaxa a Madrid para opositar a unha das dez prazas convocadas para xefes de contabilidade da Facenda do Estado. Acada o número e retorna a Galiza, rexeitando o posto que Calvo Sotelo lle ofrecía no seu proxectado Comité de Intervención de Cambios para deter a crise da peseta. Funcionario público na Delegación de Facenda de Pontevedra, asiste asiduamente ao faladoiro que no Café Méndez Núñez presiden Castelao e Losada Diéguez, ademais de actuar como tenor na Coral Polifónica da cidade do Lérez. Daniel de la Sota, presidente da comisión xestora de Pontevedra, encargoulle a confección dun novo padrón provincial con liberdade absoluta para apreciar os signos de riqueza e modificar o reparto de cédulas en canto á cobranza, labor que lle ocasionou moitas inimizades. Segundo referiu Castelao, Bóveda converteuse, ao pouco da súa estancia en Pontevedra, no «motor de explosión» do grupo galeguista.
Proxecto de Estatuto. En 1930 é requirido polo Seminario de Estudos Galegos para colaborar no proxecto de Estatuto de Galiza. Encargouse principalmente do aspecto económico do mesmo. Bóveda recolleu, actualizándoo, o plan imaxinado para Galiza por Sánchez Villamarín (1868). Tivo en conta o aproveitable da Constitución Federal redactada por Eduardo Chao, ministro da Primeira República, así como as bases para unha autonomía de Galiza, de Brañas. Acolleu as contribucións de Murguía (1889) e todos aqueles bosquexos referidos, malia que minimamente, á liberación de Galiza (Liga, 1899; Solidaridad e Acción Gallega, 1907-1910, respectivamente; Irmandades da Fala e Xuntanzas Nacionalistas de Lugo, Compostela, Monforte, A Coruña e Pontevedra). O seu traballo imprimiuse xunto co Anteproxecto de Estatuto.
A principios de xaneiro de 1931 quedou formalmente constituído o Partido Galeguista (PG). Alexandre Bóveda redacta o título V do Programa ‘de Aición’, que atende ao réxime fiscal, e intervén na discusión do punto terceiro, redactado por Filgueira Valverde e que non definía con claridade a intención social de moitos galeguistas (a cuarta Asemblea do Partido [1934] daríalle a razón a Bóveda ao converterse aquel asunto nun dos motivos de bipartición do Partido Galeguista, con dereitas e esquerdas). Elixido secretario de organización do consello directivo do partido, comezou creando e instruíndo grupos (acadarían os trescentos), insuflándolles a conciencia de que, para o galeguismo, a política constituía só un medio de devolver os dereitos á liberdade que o propio pobo tiña (‘a política, pro máis alá da política!’, acostumaba a dicir).
Na XI Asemblea do Partido Galeguista (Compostela, 1932), Bóveda tivo ocasión de presentar o froito do seu labor: dos 15 grupos con 600 afiliados existentes en 1931, pasárase a un centenar de grupos con 30.000 afiliados. Cando Castelao defendeu ante o Congreso a proposición de lei daquela propiedade rural (presentada nas Cortes o 23 de febreiro de 1932), dicía, aludindo ao malogrado loitador: «Un insigne home da nosa terra, que debería ter cadeira aquí, infórmanos de que a pequena propiedade rural debe ser considerada como instrumento de traballo aos efectos da tributación, e polo tanto eses minifundios merecen ser clasificados como inembargables, ademais de declarados exentos de todo imposto...» (publicado no Diario de Sesiones, 1932). Contrariamente a Filgueira, secretario técnico do Partido Galeguista, e para quen este debería ser considerado como «unha minoría directora», Bóveda defende que «a aspiración dos grupos organizados ha ser, fundamentalmente, a adhesión ao servizo das masas de mariñeiros e labregos, que constitúen a maioría (dous terzos) da poboación activa de Galiza».
A partir deste momento, a actividade de Alexandre Bóveda dirixiuse cara ao Estatuto, necesidade que defende nas páxinas de A Nosa Terra, en mitins e conferencias. Facíase necesaria a Carta Autónoma de Galiza, adecuada á Constitución do Estado. Foi elixido membro da Comisión Redactora do Estatuto, que ao longo de seis meses se discutiu en Compostela. Á Asemblea final dos días 17, 18 e 19 de xaneiro de 1932 concorreron cantas forzas económicas, políticas, sociais e culturais quixeron. A este respecto, escribe Castelao en Sempre en Galiza (páxina 71): «Tan enorme entusiasmo produciu a Asemblea que poderíamos ir axiña ao plebiscito coa plena seguridade de gañalo». E o mesmo autor atribúe «ao talento luminoso de Bóveda» o impresionante triunfo da sesión final da Asemblea. O seu discurso consagrouno case por enteiro ao título III do Estatuto (‘A Facenda Rexional’), deducindo que a masa de bens de uso público, dereitos, impostos, herdanzas intestadas e cantas outras participacións se lle conceden, por compensación do custe dos servizos que o Estado debe transferirlle á Rexión Autónoma, previa avaliación renovada cada lustro, serían suficientes para soster unha economía galega. O máis salientable, sen embargo, derivaba de que as entidades galegas controlarían as Xuntas de Aranceis e Valoracións, así como o Consello de Economía Nacional e cantos outros organismos fosen creados para a regulamentación do comercio de exportación e importación. Bóveda tratou en varias ocasións sobre os defectos estruturais do solo galego, especialmente a cuestión referente ao minifundismo. Falou do crédito en todas as súas formas nunha economía de mercado. Do estímulo, dentro do Estatuto, dos investimentos agrícolas. Dos recursos fixos e renovables da terra. Etcétera.
«O problema da autonomía de Galiza», dixo Bóveda, «non é só un problema de dignidade colectiva, de dereito natural, de reivindicación histórica. Non. Fundamentalmente é un problema de comenencia económica [...] En Galiza téñense vertido millóns do presuposto xeral, sen utilidade para ninguén, non xa no rexional, nin sequera no individual [...] A conclusión é esta: a Autonomía non ficará implantada por unha lei, nin sequera por unha votación. De verdade quedará arraigada polos feitos cando as xentes se convenzan por si mesmas de que os seus cartiños serven para o desenvolvemento práctico do país, para a mellora familiar, para o progreso de Galiza. Progreso efectivo, visible, palpable, que obrigue á honestidade recíproca: do Estado e do contribuínte...».
Ao día seguinte da conversión do Estatuto en proxecto plebiscitario, toda a prensa galega fixo ampla referencia á importancia do acto. García Martí escribía en El Eco de Santiago: «Era hora de que o patriotismo pregoado con aire de mitin non quedara niso: en vaguidades de palabra, por fervorosa que fose, ao bo tuntún, senón que callara en técnicas de mellor goberno. E iso aconteceu onte, precisa e xustamente, nesta Compostela dos grandes acontecementos históricos cos que non os diminúe: a aprobación dunha Autonomía codificada, que don Alexandre Bóveda soubo explicar, con argumentos reais...».
O Partido Radical (‘lerrouxista-emilianista’), por medio do avogado Vicente Sierra, salientou artigos de contestación en Diario de Pontevedra e Faro de Vigo expondo a súa propia tese e tachando de anómalas as cifras de tributación manexadas por Bóveda. Bóveda, con desvantaxe, respondeulles en El Pueblo Gallego e convidou a Sierra a un debate público. Sierra aceptou, sinalando como lugar o Teatro Príncipe de Pontevedra, pero ao acto só compareceu Alexandre Bóveda, que realizou o seu informe (El Pueblo Gallego, 19 de febreiro de 1933). Requirido por varias institucións para a exposición de aspectos xerais ou parciais do Estatuto, interesa sobre todo salientar a conferencia que Bóveda ditou ante a patronal de Vigo, presentando como cuestión esencialmente fiscal o problema de Galiza. Pero a máis aguda polémica sostívoa con Calvo Sotelo (cando xa os inimigos de toda a manifestación republicana tiñan adoptado o enfrontamento directo), o xefe da oposición ao republicanismo e emprendedor dunha campaña de rexa oposición, que ambicionaba a candidatura de deputado por Ourense, que afiou as súas armas contra o Estatuto galego (pronunciou un intencionado discurso en Vigo e publicou un extenso artigo en Faro de Vigo, xornal que non acolleu a réplica de Alexandre Bóveda).
Desterro e morte. Decretado o estado de guerra en todo o territorio peninsular (1934), Alexandre Bóveda sufriu desterro en Cádiz durante dous anos, ao tempo que Castelao facíao en Badaxoz. Tamén nestas datas realízase o trato entre o Partido Galeguista e Esquerda Republicana coas seguintes bases sumarias: autodeterminación política de Galiza, republicanización do país galego e dignificación da súa vida política.
De volta do desterro, xurde a primeira discordancia entre Castelao e Bóveda sobre a táctica a seguir ante as eleccións de febreiro de 1936. Castelao consideraba que o trato entre republicanos e galeguistas (do que fisicamente estivera ausente pola falta de licenza do ministro da Gobernación) quedaba superado pola Fronte Popular, e que «agora debemos loitar xuntos, porque entramos non só na republicanización de cheo de Galiza, senón principalmente na preparación final da autodeterminación, xa que o trato obrigará a todos os seus compoñentes a traballar e votar no plebiscito que se celebre despois das eleccións. Por conseguinte, eu préstome, por primeira vez, a ir na candidatura da Fronte por Pontevedra, e ti, Alexandre, debes figurar na de Ourense». Bóveda preguntábase: «Indo, como nas Constituíntes, os nosos candidatos polas minorías, non conseguiríamos o mesmo, incluso axudando á candidatura da Fronte Popular, cando lle discutan postos aos republicanos e socialistas inimigos do Estatuto?». A cuestión quedou gabiada na xunta xeral do Partido Galeguista convocada en Compostela, coa escisión do galeguismo político, e acordouse que funcionase o pacto só nas provincias que lles ofrecesen postos na candidatura maioritaria. Castelao resultou electo por Pontevedra, e Bóveda por Ourense, malia que só legalmente. Na súa obra Sempre en Galiza (páxina 184), Castelao escribe: «Despois da loita electoral en Galiza [...] a nosa entrada no Congreso de Deputados, como aliados de Esquerda Republicana, produciunos unha enorme decepción. Alí rexían artimañas as artimañas e cuquerías de antano, e todos falaban nunha linguaxe convencional, de seta pervertida e caduca. Abondaran dous anos de ausencia para que non coñecéramos a ninguén, sendo os mesmos das Cortes Constituíntes. Alí fun testemuño do ‘pucheirazo’ máis escandaloso que inventou a picaresca caciquil de España, repartíndose o censo de Ourense entre Calvo Sotelo e os republicanos...». Ante tal falsificación de actas. Bóveda rexeitou o cargo que se lle ofrecía e retornou a Pontevedra. Xa en plena loita electoral contra o xefe dereitista tiña afirmado: «Eu non teño inconveniente en declarar que vería con moito gusto que o señor Calvo Sotelo, meu admirado inimigo, fose por elección deputado por Galiza. Por dúas cousas, entre outras: a primeira, por ver se, representándoa, se decide traballar a prol dela contra as inxustizas que lle veñen do Madrid dos seus amores; a segunda, para que, posto en razón, como facendista, cidadán, bo católico e tamén galego, aínda que o sexa soamente de rexistro civil, en vez de pintar [...] a nosa terra como unha pobre rexión, ironicamente sometida a unha autonomía que a faría desgraciada...».
A consecuencia da sublevación militar de xullo de 1936, Alexandre Bóveda sufriu prisión en diversos lugares (Goberno Civil de Pontevedra, Pontecaldelas, Caldas, etc.) e, logo de térselle instruído un xuízo sumarísimo, foi condenado á pena de morte e executado o 17 de agosto de 1936.
Celso Emilio Ferreiro recordouno nestes versos: Ti convocache ó día dende a tebra, / amigo morto polo ferro airado, / cando chegou Caín, cando a pavura / cubriu de noite ao pobo sin guieiros.Mesmo dedicáronlle poemas, entre outros, Emilio Pita, Salvador García-Bodaño, Manuel María e G. Sánchez Guisande. [GeG]

Fílmika Galaika presenta hoxe 
no Teatro Principal de Pontevedra o documental  
A Fazaña da liberdade