Visualizacións de páxina totais

17 de set. de 2010

RELIXIÓN, CARNE DE CANÓN DOS FEBLES






Nesta época espacial que estamos vivindo deberíamos chancearnos máis, tanto dos demais coma de nós mesmos, e baleirar de contido ese singular espazo sagrado integrado dende o principio dos tempos nos miolos dos denominados seres humanos.


A denominada alma, o espírito xerador de premios ou castigos nese tránsito final descoñecido, proporciona todo tipo de suxestivos negocios a aqueles que absorben a confusión a golpe de creación de necesidades. Como a necesidade é proclive a disolver estadios, crear fronteiras invisibles, confundir a realidade, o máis leve para que un corpo vivo, cativo, reteña súa escravitude en vida, é apoderarse dun chisco dese algo singular aparentemente inexistente, pero que promove unha certa homoxeneidade no circuíto cerebral de proximidade cara a un compromiso para satisfacer as penurias recreadas a través dun estimulante premio maior da redención e mellora noutra vida ou paraíso (pese ao descoñecemento real sobre tal estadía).





















Hai unha pregunta retórica que é indispensable realizar e alguén debería respondela: Que é a intelixencia? Eu non o sei. Non o sei, porque observo moitas cousas que a miña propia ética non entende. Por exemplo, vexo que un Estado aconfesional subvenciona maioritariamente un determinado credo. Para que? Para que non se mova ninguén? Para que ninguén pense? Non o sei. Pódoo imaxinar, pero descoñezo por qué se fai.

E son moitos os exemplos que se poderían expor, unha longa lista, que deixaría torto o aparello dactilográfico.

En fin, maldita relixión! A bandeira da relixión levou ao mundo a todo tipo de guerras, a malas artes, á escravitude. Xa no século XX, a bandeira da relixión levou ao presidente Salvador Allende ao patíbulo (11 de setembro de 1973). A bandeira da relixión levou aos EE UU a Iraq e a Afganistán. A bandeira da relixión propiciou o intento público da queima dun dos denominados libros sagrados, que contraditoriamente infundiu terror aos gobernantes estadounidenses. Contraditoriamente, digo, porque tales gobernantes non piden permiso para invadir a sangue e fogo canto beneficie aos seus intereses.

O que non levou nunca a bandeira da relixión (con Corán ou con Biblia) foi o respecto e a liberdade.

Insisto, a relixión impórtame unha figa!