Visualizacións de páxina totais

1 de feb. de 2011

Cabodano do seu nacemento


No cabodano do nacemento de Daniel Rodríguez Castelao recorremos á GEG para ilustrar de xeito amplo o que foi a traxectoria do relevante persoeiro galego que proclamou a posibilidade de que Galiza fose un país soberano capaz de convivir en pé de igualdade con España a través dun eixo no que se incluiría Portugal (confederación de nacións ibéricas), Europa e o mundo.


Seguindo a Luís Seoane na faceta artística de Castelao, cómpre salientar que o seu realismo popular non era o realismo dalgúns españois de entón, caso de Xoán Ramón Jiménez, que equivalía a «pedestrismo, suciedade o feísmo», dado o escaso contacto co pobo, desfigurándoo precisamente por esa falta de verdadeiro coñecemento. Pese a todo, o ideal de Castelao como pintor estábase a cumprir: «Cando poida pintarei as sinfonías da nosa paisaxe e se teño vida morrerei como paisaxista». E novamente escribiu: «A nova cor trunfa enteiramente na escenografía e non polo que ten de popular. O emprego das cores puras, sempre con valentía e con ese espírito de síntese que é característica do chamado ‘mal gusto’ do pobo, que para moitos xa vén sendo o gusto máis exquisito. Velaí a canteira. Os pintores temos que ir ao pobo como van os músicos».




Castelao gabou aos pintores cubistas e abstractos nas páxinas de Do meu diario, a Picasso, a Bracque, a Kupka e a Theo van Doesburg, e sinalou, fronte a eles, aos «filisteos do academicismo», destacando que o «eterno que vive agochado no instinto popular» deberá ser semente dunha nova arte galega. Castelao non atopou eco na súa xeración, polo menos entre outros artistas, e foron os pintores da xeración seguinte, e os escritores case contemporáneos a estes, quen atoparon sentido aos eloxios que Castelao tributou ás novas escolas europeas e ao seu ideal de pintura para a Galiza ideal, idílica, coa que el soñaba. Moitos anos despois, cando parecía ter abandonado a pintura, limitándose só ao debuxo satírico, por razóns física, a súa cegueira circunstancial e a súa case cegueira permanente, e xa no seu desterro de Bos Aires, na súa segunda época, pintou algúns cadros de breves dimensións con temas nos que acusaba o seu panteísmo, escenas de faunos e persoeiros mitolóxicos na paisaxe galega recordada (unha paisaxe de carballos e sotos xurdidos da súa morriña galega de desterrado).




Castelao, que realizou, máis que defendeu, unha especie de popularismo na arte e que atopara nos artista de Europa oriental, que en París se mostraban entón a través do ballet ruso de Diaghilev, con pintores como Larionov e a Gontcharova, ou na música con compositores como Béla Bartók, que «son artistas que se deixaron ir, conscientes ou inconscientes polos mandados da Terra atópanse co xenio», no desterro deixouse levar polos temas dos pintores de Múnic de 1900. Pero continuaba pensando, e manifestábao nas súas conversas, que o tema e a técnica popular conservadas pola artesanía podían ser unha fonte insubstituíble de ensino para o artista galego do futuro, tal como pensara, dicía el, na década dos vinte. A segunda época de Castelao xurdiu coa guerra civil española. Cos extraordinarios debuxos que lle inspiraron os sucesos políticos de entón e os da guerra. Neses debuxos atendeu máis ao claroscuro dramático ca a liña definidora e a súa ironía nas lendas resulta cortante, afirmativa, equiparable á de Goya, un dos pintores ibéricos que el admiraba máis (o outro foi Murillo), precisamente polo amor ao popular do pintor aragonés e polos debuxos e gravados que integran unha parte relevante da súa obra. Como nos debuxos de Nós ou en Cincuenta homes por dez reás o pé é inseparable do debuxo, pero nos novos álbums de Castelao Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos (este último publicado en Nova York) acadan un desgarro semellante ao acadado por Goya nos seus e os iguala na calidade da denuncia. Bastan dúas ou tres palabras para significar e salientar a escena debuxada, e as figuras aparecen moi modeladas pola augada nos contrastes de sombra e luz. Estas estampas foron populares en Europa e América e aínda nalgún país oriental e foron reproducidas moitas veces durante algúns anos. Despois delas debuxou a súa serie de augadas dos negros da Habana, nas súas danzas típicas, acusando un notable naturalismo no seu estilo, como se neste caso se compracese na fidelidade da representación tanto ou máis que no seu carácter expresivo.




Xa en Bos Aires, en 1940, realizou a serie de grandes debuxos de cegos situados na paisaxe de Galiza. Retorna ao tema permanente na súa vida unido á súa angustia, pero aquí o realismo da súa obra ao óleo se acentúa e se comprace en detalles que lle serven seguramente para ofrecer maior verosimilitude na evocación da escena. En Bos Aires quere fixar minuciosamente o seu recordo de Galiza, probar ata qué punto a leva canda el. Ao mesmo tempo debuxa estampas alusivas á situación da súa terra para diversas sociedades galegas de Bos Aires, ilustra o libro de poemas de Emilio Pita Jacobusland e os de outros escritores de sona para a Editorial Atlántica daquela cidade, cuxa sección editorial dirixe entón Rafael Dieste. Unha obra salientable que abrangue as dúas etapas de Castelao, nas que xorde do seu traballo de escenógrafo e figurinista. A solicitude de Valle Inclán, en 1931, realizou os decorados e figurinos para Divinas palabras, logrando gran éxito en Madrid, non só pola evocación do ambiente rural a que se refire a obra, senón tamén pola súa adecuación a esta, ao mundo do autor tan querido por Castelao. Algún tempo antes proxectara os panos de fondo para a Sociedade Filarmónica de Pontevedra. Ese mesmo ano ou en 1932 realizou os bosquexos para Pimpinela, que máis tarde constituiría un dos cadros escénicos de Os vellos non deben de namorarse. A medida que esta obra creceu en importancia realizou proxectos de decorados e figurinos, que adaptaría ás novas escenas da obra definitiva redactada naqueles países nos que viviu con motivo da guerra (en Barcelona, navegando polo Báltico, Nova York e Bos Aires), onde se estreou en 1941, non sen antes engadirlle as caretas previstas en Pimpinela e que realizou en colaboración co escultor compostelán Domingo Maza, que as modelou seguindo os seus debuxos, decorándoas Castelao. A mesma alegría de cor que salientaban os decorados e vestidos de Pimpinela caracterizaron os da totalidade de Os vellos non deben de namorarse, o mesmo quen as caretas que engadiu e que soubo caracterizar, con rostros singularmente galegos nos seus trazos, aos persoeiros da obra. Tanto nas súas decoracións de Divinas palabras, coma nas da súa propia obra Os vellos non deben de namorarse, Castelao probou o seu coñecemento dos recursos escenográficos, destacando sempre a súa ben definida personalidade. Soubo aproveitar a cor viva e vibrante que admirara nos ballets ruso se nunca foron máis fermosos os vestidos, entón aínda populares en Galiza, coman o escenario do teatro de Bos Aires.




Castelao foi un gran pintor, como se pode percibir a través das súas obras ao óleo e á acuarela, e proba ademais na escenografía esa calidade de pintor, malogrado pola case cegueira e pola necesidade, imperativa nel, que sentiu sempre de se obrigar a realizar unha arte que servise ao seu país, con debuxos satíricos, que lle pareceron sempre máis eficaces para axudar a corrixir os males do seu tempo en Galiza. Nesta inquietude sentiuse moi preto dos artistas gráficos alemáns, que admiraba a través das revistas satíricas e pola sobras expostas por eles, que vira nas súas visitas aos salóns de exposición se museos na súas viaxes por algunhas das cidades de Alemaña. A Castelao gustáballe citar os debuxos e gravados da alemá Käthe Kollwitz, de máis idade ca el, que debuxou e gravou aos traballadores do norte do seu país loitando pola mellora das súas condicións de vida, como Castelao trataba de facer cos labregos de Galiza. Nótase algún parentesco en parte da obra gráfica de Castelao coa obra da artista alemá sen que se poida falar de influencia técnica ningunha, nin sequera de parecidos físicos en canto á figuración dos seus persoeiros, nin nos xestos nin na expresión. En Castelao a actitude irónica foi sempre invariablemente unida á súa actitude sentimental. Era ao mesmo tempo que un grande ironista, unha persoa que expresaba os seus sentimentos, xuntamente con esa ironía, pola situación de Galiza e pola desdicha das súas xentes.



Käthe Kollowitz expresaba unicamente o seu sentimento imprimíndolle unha extraordinaria forza ao debuxo e sen ironía. Quizás o parentesco de Castelao con ela se faga máis evidente nos gravados que realizou para ilustrar libros de escritores contemporáneos seus. Só afinidade de concepción, pois Castelao foi moi persoal e resulta moi difícil, case imposible atopar influencias notorias en calquera dos xéneros que cultivou. Pódese, claro, falar e escribir sobre parentescos, o que tivo con Goya nunha etapa da súa arte, de acordo coa súa mesma vida, ou antes, con algúns debuxantes humoristas franceses ou alemáns. Escribiuse sobre a influencia de Forain en canto aos pés que acompañan os seus debuxos, pero coidamos que, a pesar da mestría do debuxante humorista francés, ao que Castelao admiraba, foi a retranca dos labregos galegos a que lle influíu realmente. En xeral, a improvisación nestas cuestións dalgúns xornalistas e escritores amigos seus fixo que se divulgasen nomes de debuxantes menos orixinais ca Castelao, menos integrados cos seus pobos, sen evocación redentora e reformadora algunha, a propósito del, confundindo as achegas comúns na arte a unha determinada época e a unha xeración que non pertencen a ninguén en particular, coa personalidade do artista.



Castelao foi unha gran figura da arte galega, comparable con calquera dos seus contemporáneos europeos se se establece a relación debida entre medios e propósitos. Dende outro punto de vista foi quizais a máis relevante personalidade artística da Galiza da súa época, se atendemos á integración que realiza, nunha parte moi importante da súa obra, entre literatura e arte gráfica, incluíndo a súa oratoria. A obra de arte, novela, narración, teatro, o mesmo ensaio e as súas conferencias, parecen xurdir do seu modo de ver de artista plástico, parece como se a pintura fose a orixe de cada creación súa. Poderíanse establecer numerosos exemplos concretos. Pero non foi unicamente a máis salientable personalidade artística galega dunha época, senón a máis alta personalidade, se reflexionamos na conxunción da súa vida e obra realizada e en relación cos fins que se propuxo.




Cómpre sinalar como final en canto a súa obra de artista plástico a súa preocupación polo libro no seu aspecto gráfico. Foi o primeiro que na Galiza do século XX se ocupou do libro integrando nel maqueta, caracteres tipográficos, papel, brancos na páxina, composición de cubertas, etcétera. Mesmo volvendo a divulgar as antigas letras romanas, chamadas ‘romanas antigas’ e que en Francia o lionés Perrin volvera a utilizar para a impresión de obras de arqueoloxía. Letras aparecidas en abundancia en Galiza nos laúdes dos sepulcros dos primeiros tempos da conquista galega por Roma. Estas letras non só as empregou para as tapas dos álbums e libros, senón que estendeu o seu uso a libros de escritores da súa xeración e a revistas coma Nós. A partir de Castelao, durante bastante tempo, parecía ser o tipo de letra obrigado para marcar a galeguidade dunha publicación. Algúns exemplos de calidade do libro galego da década dos vinte aos trinta débense a Castelao, como ocorre coa ilustración de obras literarias dese período, gravada ou debuxada, e cos carteis de propaganda política e literaria, así como algún que deseñou para a propaganda do Estatuto de Galiza ou, en Bos Aires, para unha conferencia súa sobre Valle Inclán. Nos poucos anos que concorreu ao Salón Nacional de Pintura en Madrid e ao Salón de Humoristas, a obra de Castelao constituíu unha sorpresa para a crítica de arte española, e débese engadir que á bibliografía sobre el que correntemente se cita con motivo da súa arte, hai que agregar multitude de artigos publicados en xornais de Madrid, Barcelona, e en publicacións portuguesas e americanas, nos sesenta pouco coñecidas, nas que se revelaba a admiración que se sentiu polo grande artista galego, acrecentada hoxe polo máis universal coñecemento da súa obra. [Compilación recollida da GEG]

Ningún comentario:

Publicar un comentario