Visualizacións de páxina totais

1 de set. de 2011

FÓRUM METROPOLITANO DA CORUÑA








Malia que se trate do noso colaborador, Brais do Castro non vai saír ben parado nesta páxina coa nosa crítica característica.
Primeiro cómpre salientar que a nosa aposta por el (editando o seu libro ‘Contos que nunca tal foron’, que aínda non sabemos como imos amortizar dado o desinterese xeral) foi algo esaxerada: non produciu os efectos que agardábamos. Ilusos nós. A literatura non é unha arma previsible e tampouco fácil de asimilar, sobre todo en galego.
En segundo lugar, criticalo fondamente pola súa preguiza. Tan preguiceiro é que prefire acabar un relato cando apenas o ten comezado. E así non imos a ningures. Esixímoslle que escriba, que traballe máis, que contribúa coa súa prosa ao asentamento do idioma galego. Mostra diso é precisamente unha das súas ‘historias’ incluídas no seu libro, que de levar un titular sería o de ‘relato curto estendido’.

‘Contos que nunca tal foron’ é un conxunto de relatos curtos, que se inicia a partir dun primeiro, ao que lle seguen outros que van crecendo polo miúdo ata desembocar no definitivo, que conformaría unha auténtica historia interior desenvolvida nun ton que ás veces nos recorda a Boris Vian. Baixo o subtítulo ‘Qué fermosa festa nós sufrimos’, procrea nunhas quince páxinas unha visión infame do seu tránsito pola mecánica diaria. Ás veces con ironía, ás veces con agresividade, ás veces con insinuacións, desgarra de xeito agreste a propia condición de ser social. Os trebellos de fantasía percorren apuradamente esta historia con pequenos conatos de rebeldía cando aparecen os diálogos.
En definitiva, relato a relato, cada cal coa súa propia síntese: hainos verdes, amarelos, vermellos, azuis e mesmo en branco e negro. Un libro difícil de dixerir para aqueles acostumados a ler ‘planetas’ ou cun guión concibido de principio a fin. Trátase dunha metáfora completa en todos e cada un dos seus cantos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario