Visualizacións de páxina totais

16 de nov. de 2012

Lei igual a trampa: Tempos extraordinarios, decisións extraordinarias










Niso é no que se encobren: «trátase dunha decisión extraordinaria». Din aos catro ventos, utilizando os medios propagandísticos de seu, que son todos. Hai que recortar de aquí e de acolá. E ese ‘de aquí e de acolá’ correspóndelle a esa gran maioría que normalmente pousa o seu voto na furna de quen lle mingua a súa capacidade de benestar. Pero esa gran maioría non aprende. Período tras período electoral continúa coa súa teima. Así parece imposible mudar nada. E case non queda forza para combater coas mesmas armas das que dispoñen os ‘catedráticos’ da oligarquía financeira e os seus representantes políticos. Non hai cor. A propaganda establécese nas conciencias da sociedade universal convertendo ao humano nun ser co cerebro automatizado (noutrora dicíase que lle lavaban o cerebro).

Medidas extraordinarias nun tempo extraordinario. En efecto, trataríase diso se houbese solidariedade. Novos tempos, novos xeitos. Pero non é así. A solidariedade brilla pola súa ausencia. O grupiño principal que ostenta o poder real representado nos políticos de quenda, segue a engrosar a súa caixa blindada con saqueos e saqueos de corpo e conciencia ao resto da humanidade. Non importa pasar por riba dela. Acomódaa ao seu discurso e dálle pan e circo. Parece que de momento basta. Semella que o ser humano é tolerante de por si ata límites insospeitados. É posible que a propia hipocrisía destes usureiros actuais promova a construción de novas conciencias que finalmente saian do automatismo e decidan forzar a situación ata propiciar outra revolución.

Vén sendo hora.

xesdasreviravoltas@gmail.com