Visualizacións de páxina totais

31 de dec. de 2012

Revista de Prensa ||| EL PAÍS [21 decembro 2012]









Se o ministro do interior, logo de se declarar incapaz de xestionalo por si mesmo, vendera a orde pública a Construcións e Contratas, pareceríanos un escándalo. O mesmo que se o de Defensa, logo de publicar a súa aversión ás armas de fogo, adxudicara o seu ministerio a Prosegur, e quen di Prosegur di Massimo Dutti ou Mercadona. De modo que cando un político confesa a súa impericia para aquilo polo que é levado e traído no seu coche oficial como un bebé no seu carriño, debería dimitir ou, no seu defecto, deberiamos dimitilo ipso facto. Regalarlle a sanidade pública ao teu curmán (metaforicamente falando, todos os beneficiarios son curmáns) é un xeito de corrupción, e o máis difícil de denunciar, pois como no conto A carta roubada, de Poe, desenvólvese diante dos nosos narices.

Así que imos comezar a chamar ás cousas polo seu nome. Enriquecer a unha empresa privada co diñeiro público destinado á sanidade ou á educación ou á xustiza, por non citar de novo a orde pública ou a defensa nacional, é pura e sinxelamente un crime, máis condenable se o criminal, a modo de coartada, confesa que é un parvo ao que non lle saen os números, agás cando se trata de cobrar comisións. Se é un parvo, que o retiren e poñan a outro capaz de xestionar o departamento.

As roldas de prensa posteriores ao Consello de Ministros dos venres non son unha mostra de talento moral, nin sequera de intelixencia escénica. Pero a Sáenz de Santamaría non se lle ocorreu aínda venderllas a Miguel Rodríguez, que ten unha empresa de publicidade e é máis ca un curmán. Quizais sexa unha cuestión de tempo: despois de todo, o presidente do Goberno privatizouse a si mesmo ao venderlle a súa xestión á banca alemá. Proclamouno el mesmo en sede parlamentaria: non son máis ca un mandado.


Imaxe de TVE