Visualizacións de páxina totais

4 de mar. de 2013

REVISTA DE PRENSA: 1 de marzo de 2013

-->







Como vostedes saben, este periódico é moi ben falado. Procuramos, por exemplo, non dicir que estamos ata os collóns para expresar que estamos fartos. E evitamos no posible palabras como merda. Así que cando a un lle entra gana de dicir que está ata os collóns de non ver máis que merda dende que se levanta ata que se deita, reprímese e pon que xa está ben, recoiro, de provocar. A ver se non é unha provocación o dos 38 millóns de Bárcenas, reunidos a base de levar a contabilidade dunha panadería polas noites e de vender enciclopedias a domicilio os sábados pola mañá. Como chamar, por outra parte, ao do seu falso despedimento e ao galimatías en diferido de Cospedal, que nun minuto é quen de dicir máis mentiras das que caben en dúas horas? E como dixerir o dos 21.300 euros mensuais que lle pagaban as mesmas persoas que a vostede e a min nos impoñen austeridade e nos recomendan aspirinas para a hepatitis? 21.300 euros, por certo, de vostede e meus, dado que o PP se financia cos nosos impostos. Por se non bastara, agora quizais teñamos que facernos cargo tamén do paro dese multimillonario e defraudador fiscal, valga a redundancia, que manexa a Rajoy como a un monicreque.
Pero o telexornal está empezando. Aínda non saíu a princesa Corinna botándonos en cara os traballos confidenciais que realizou para este pobre país sen cobrarnos un duro (grazas), nin emitido as imaxes desa nena con epilepsia á que Ana Mato condenou a morte. Aínda non apareceu o analista de quenda que cualificara a Monti de realista (dende que idea de realidade?) e a Peppe Grillo de pallaso (comparado, digamos, con Montoro?). Querido redactor xefe, é ou non é para escribir con todas as letras que estamos ata os collóns da merda que nos obrigan a tragar dende a mañá ata a noite?
Imaxe de Ataúlfo de Ferabrás