Visualizacións de páxina totais

12 de xul. de 2013

Revista de Prensa ||| El País 12-07-2013








A semana pasada, neste mesmo espazo, dicíamos que a corrupción chagaba aos miolos. Trabucámonos: a corrupción vén do miolo. O que vemos son as manifestacións externas dese zume seminal que percorre as arterias do sistema, ou o que sexa isto que denominamos sistema.
A podremia do miolo débese, por exemplo, ao feito de que alguén poida vender durante a campaña un programa que non está no seu ánimo cumprir. Esa descomposición explica que a cidadanía, nin por si mesma nin a través dos seus representantes, lograra evitar o atropelo. De aí vén tamén a facilidade coa que se levou a cabo unha reforma laboral que retira os dereitos á poboación traballadora. De aí as prácticas empresariais que fomentan o medo crecente e a insolidariedade galopante no posto de traballo. De aí o ataque impune aos colectivos tradicionalmente máis febles da sociedade: os pobres, os anciáns, as mulleres, os nenos, os enfermos... De aí a privatización do que era propiedade de todos, o aumento das persoas millonarias e o crecemento atroz das desigualdades. Todo isto, que parece suceder fóra e ir cara dentro, vén de dentro e se manifesta afora. Esa viaxe dende a medula á pel, entendémolo agora, tivo varios momentos decisivos, un deles representado por Zapatero, cando, aínda no Goberno, pactou o traspaso de poderes con Rajoy e comezou a apalpar as pensións como un pederasta apalparía a un meniño. O meniño está servido e a apalpadela continúa, agora sen apenas escándalo. Non nos enlamemos nos síntomas (sobresoldos, comisións, contas suízas...). Todo isto acontece porque parimos un monstro. A xustiza está de paso (Bárcenas acabará, como Mario Conde, sendo unha estrela da tele). O mal, en cambio, veu para se quedar.

«A xustiza está de paso»







Ningún comentario:

Publicar un comentario