Visualizacións de páxina totais

5 de maio de 2014

Primeiro de Maio











A festa do Primeiro de Maio —agora denomínase festa—  quedou obsoleta. Trátase dunha data máis do calendario, incluída neses recursos eufemísticos subliñados como día mundial do/da/dos/das...
A pretensión orixinal que preconizaba a preponderancia da forza do traballo fronte ao capital, esfumouse. O propio capital acabou co seu contido dende o momento en que asumiu a data como parte do seu proceso de explotación sobre o asalariado.
Con todo, o sindicalismo oficial mantén o seu formalismo, festexando a data do Primeiro de Maio sobre consignas do século XIX. O oficialismo sindical propugna as mesmas pautas para os asalariados ca as consideradas fundamentais hai dúas centurias.
Na práctica, neste século, a sociedade en xeral non tería que combater por un salario digno, sanidade e vivenda, dado que xa xerou suficiente plusvalía como para ser autosuficiente e gozar dunha vida próspera sen recorrer á escravitude. E tería que avanzar con medidas que xerasen benestar para os países non desenvolvidos (de África, Asía e América Latina), escravizados con creces, e que merecen se lles resarza convenientemente.
Por exemplo, e abandonando a retórica propia dos encantadores de serpes, o primeiro paso debería encamiñarse á desaparición da especulación, do nazismo imperante nos denominados países occidentais ou ‘democráticos’, administrados por especuladores cuxa única fin e engordar as finanzas dun pequeno grupo de ditadores que, na sombra, poñen e quitan gobernos, tal e como lles conveña para incentivar os seus propios negocios. A seguinte medida sería a erradicación dos aparatos represivos (militares e todo tipo de forzas armadas, incluída a equipaxe bélica). Finalmente deberíase destinar a maior parte do presuposto universal a educación.
Isto é, basicamente, o que terían que esixir quen din representar aos asalariados para rematar definitivamente coa escravitude. O ser humano, de acordo coas súas aptitudes, proporcionaría o seu elo para a realización dun labor común que resultase beneficioso ao conxunto da humanidade.

'O cuarto Estado’, lenzo de Giuseppe Pelliza 
(1901, Galería de Arte Moderna de Milán)





Ningún comentario:

Publicar un comentario