Visualizacións de páxina totais

31 de dec. de 2014

Pablo Iglesias














As rodas de muíño é certo que son moi xeitosas e moi amables, pero fanse duras para comulgar con elas, sobre todo para tragalas, que danan moito os tránsitos e dificultan a dixestión, recoiro. E, por riba, para os agnósticos, que algúns hai, resultan nulas dadas as características do humano en cuestión.
Isto vén a conto polo da soberanía. A soberanía é algo así como o acubillo dun, a casa dun, a gorida dun, o sitio dun, o lugar dun, o acomodo dun, a intimidade dun, a xestión dun, a continuidade dun, o etcétera dun. A soberanía é, en suma, a independencia dun para negociar en pé de igualdade cos demais, e incluso dar e recoller afectos reais e solidarios. Non é posible ter amizade con ninguén que invada a soberanía dun e lle diga como organizar a súa vida e como facer de ventre. Outra cousa será que, mediante acordo das partes, a casa dun dea acollida a máis humanidade soberana.
Esa é a primeira cuestión a salientar. A segunda trata da solidariedade. Se efectivamente cada quen dispón da súa propia soberanía na súa casa poderá ocuparse máis activamente da solidariedade cos demais humanos e avanzar co conxunto de todas as soberanías.
Ben, pois ao señor Iglesias hai que explicarlle o da casa dun, porque semella que anda algo perdido neste asunto. Para el, coma para o resto dos políticos profesionais, parece que non hai casa dun, que a casa é de todos. Pero só cando convén. Porque cando non interesa é a casa única e indivisible, na que só se acubillan os propios.
Ao señor Iglesias hai que explicarlle, tamén, que non por moito madrugar amence máis cedo, que persoas coa súa teima de soberanía hóuboas, hainas e haberaas. Que moi bonito iso de que a soberanía non é só unha bandeira. Que, en efecto, non é só unha bandeira. Pero tampouco é un imperio ingobernable. A soberanía é a conciencia de cada sociedade. A soberanía é o propio. A vida. A soberanía é o amencer e o lusco e fusco. A soberanía e o todo para un. É a propia liberdade individual e colectiva. A soberanía é a casa propia, a casa dun. A cultura. O primeiro que debe conquistar un ser humano para desenvolverse en pé de igualdade co resto dos seus conxéneres. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario