Visualizacións de páxina totais

31 de maio de 2010

'BUSCANDO O MILAGRE'

Bas Jan Ader


Era o que pretendía Bas Jan Ader (Winschoten, Groningen, Holanda, 1942) cando trataba de completar a segunda parte do seu proxecto In search of the miraculous: navegar nun bote de algo máis de catro metros dende os Estados Unidos de América ata Europa.

Bas Jan Ader viviu dende 1963, ata a súa desaparición en 1975, preferentemente en California. E foi o peirao de San Diego (California) quen o viu partir e outro peirao de San Diego (A Coruña) quen viu chegar seu bote (recuperado no medio do océano polo pesqueiro galego Eduardo Pondal).

A súa obra, unha combinación de crítica, traxedia e sarcasmo, propón a morriña manifesta na arte europea mesturada co soño americano, cunha sensación global de perda e tristura. Nun dos seus traballos aparece chorando: as bágoas caen polas súas meixelas nunha especie de cadro traxi-cómico.

O Centro Galego de Arte Contemporánea ten aberta dende o 28 de maio ata o 5 de setembro de 2010 unha exposición centrada arredor do seu traballo artístico, compilación acompañada dunha curtametraxe documental na que aparecen parte das testemuñas que lograron o rescate do bote do artista holandés, un traballo de Fílmica Galaica, realizado por Roi Carballido.

Segundo Pedro de Llano, comisario da exposición, o proxecto In search of the miraculous: trinta anos despois «céntrase no último episodio dunha vida creativa marcada pola aventura e por un constante e persoal desafío dos límites naturais e culturais. Cunha minúscula lancha deportiva enfrontouse en solitario á insuperable enerxía do océano co obxectivo de experimentar sensacións e percepcións que conducían a territorios descoñecidos, tanto no físico coma no psicolóxico. Lamentablemente, o resultado foi a súa desaparición. Pero o Ocean Wave, o bote no que o artista se dispuxo a realizar a súa obra póstuma, en xullo de 1975, foi atopado meses despois, semiafundido, no Gran Sol, polo barco pesqueiro Eduardo Pondal, con base no porto da Coruña».

Como curiosidade reflectir que, malia á proposta sociolóxica da época sobre o consumo de estupefacientes para investigar nas máis variadas formas de arte, Ader parece que permaneceu á marxe. Pedro de Llano aposta porque, «sen dúbida, Ader seguiu ao pé da letra o verso de Píndaro (...), mentres trataba de acadar o cabo de Land’s End, en Inglaterra: ‘Ou, miña alma, non aspires á vida inmortal, mais esgota o campo do posible’».


Ningún comentario:

Publicar un comentario