A podremia do miolo débese, por exemplo, ao
feito de que alguén poida vender durante a campaña un programa que non está no
seu ánimo cumprir. Esa descomposición explica que a cidadanía, nin por si mesma
nin a través dos seus representantes, lograra evitar o atropelo. De aí vén
tamén a facilidade coa que se levou a cabo unha reforma laboral que retira os
dereitos á poboación traballadora. De aí as prácticas empresariais que fomentan
o medo crecente e a insolidariedade galopante no posto de traballo. De aí o
ataque impune aos colectivos tradicionalmente máis febles da sociedade: os
pobres, os anciáns, as mulleres, os nenos, os enfermos... De aí a privatización
do que era propiedade de todos, o aumento das persoas millonarias e o
crecemento atroz das desigualdades. Todo isto, que parece suceder fóra e ir
cara dentro, vén de dentro e se manifesta afora. Esa viaxe dende a medula á
pel, entendémolo agora, tivo varios momentos decisivos, un deles representado
por Zapatero, cando, aínda no Goberno, pactou o traspaso de poderes con Rajoy e
comezou a apalpar as pensións como un pederasta apalparía a un meniño. O meniño
está servido e a apalpadela continúa, agora sen apenas escándalo. Non nos
enlamemos nos síntomas (sobresoldos, comisións, contas suízas...). Todo isto
acontece porque parimos un monstro. A xustiza está de paso (Bárcenas acabará,
como Mario Conde, sendo unha estrela da tele). O mal, en cambio, veu para se
quedar.
«A xustiza está de paso» |