Visualizacións de páxina totais

5 de dec. de 2012

LAURA MINTEGI | Conversa con:









Nada en Estela (Navarra) en 1955, licenciada en Historia e doutora en Psicoloxía, profesora da área de Didáctica de Lingua e Literatura na Universidade do País Vasco, publicou varios libros (narrativa, ensaio, biografía) e foi galardoada cos premios de novela Azkue, Cidade de San Sebastián e Jon Mirande.

Laura Mintegi Lakarra é académica correspondente da Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca), dende 2004 preside o PEN Club Euskal (adherido ao internacional) e colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. O seu traballo máis popular é sobre o namoramento: Sísifo maite minez, traducido a varios idiomas.

Politicamente, participou nas listas de Herri Batasuna ás eleccións ao Parlamento Europeo (1987 e 1989), e con Amaiur, nas xerais de 2011. En 2012, como candidata á presidencia do Goberno Vasco pola coalición Euskal Herria Bildu, a súa formación acadou 21 escanos, segunda forza política logo do PNV.

Que é e exactamente Euskal Herria Bildu? Que forzas integran a coalición e cal é a ideoloxía de cada unha delas?

Alternatiba, Aralar, Eusko Alkartasuna e a esquerda abertzale, ilegalizada no momento da creación de Euskal Herria Bildu e na actualidade en proceso de construción da súa propia organización política, baixo o nome de Sortu, compoñen a coalición Euskal Herria Bildu. As catro formacións recoñécense soberanistas de esquerda e contemplan unha coalición con miras que van máis aló do proceso electoral do pasado 21 de outubro.

Eusko Alkartasuna, socio no seu día do PNV, é realmente unha formación de esquerda?

Eusko Alkartasuna busca implementar políticas económicas baseadas na xustiza social. Todas as formacións integradas en EH Bildu evolucionaron nos últimos cinco ou seis anos. E o que se debe salientar é a súa cultura de diálogo: acadaron acordos e elaboraron conxuntamente un programa político de esquerda, un equipo de goberno con capacidade para gobernar (no caso de ter gañado as eleccións) con este presuposto programático, e un grupo parlamentario unido e enriquecido polas contribucións de cada unha das formacións.

No acordo estratéxico a longo prazo subscrito polas formacións integradas na coalición EH Bildu promóvese un proxecto de soberanía nacional e transformación social en busca de alternativas viables para facer da economía unha ferramenta da sociedade vasca, así como a busca da independencia tanto política coma económica a través dun novo modelo baseado na solidariedade, na súa opinión, cal é a vía adecuada?

Hai que xirar a política 180 graos para que dirixa a súa mirada ás persoas en lugar de dirixila aos poderes económicos. Hai ben tempo que a política vai ao pairo deses poderes que impoñen políticas neoliberais. A vía adecuada é a que propón EH Bildu: elaborar un programa plural escrito a moitas mans e cotexado polos axentes sociais, buscar a complicidade da maioría da poboación e implementalo, asegurando en todo momento a participación cidadá.

O PNV é unha formación conservadora coas mesmas pretensións do PP, pero en Euskadi. Nas pasadas eleccións conseguiu unha maioría insuficiente para gobernar. EH Bildu apoiará, talvez coa abstención, ao seu candidato a lendakari? En calquera caso, en que medida se involucrará EH Bildu no apoio ao PNV?

EH Bildu vai presentar a súa propia candidata na sesión de investidura do Parlamento Vasco, en decembro. A prioridade de EH Bildu non é apoiar a outro partido, senón pór as bases da política socioeconómica que busca lograr, e para o que empregará os medios institucionais ao seu alcance. Pero non só estes medios, senón que tamén a súa actividade será extraparlamentaria, na rúa, cos axentes sociais e con todos aqueles ou aquelas que teñan algo que dicir para avanzar nas políticas de esquerda.

Pensa vostede que o marxismo aínda non caducou ou parécelle que na actualidade a sociedade áchase totalmente desaxustada nun tránsito sen clases?

O legado marxista segue vixente e a súa contribución é indubidable. Durante o século XX ollamos o suficiente como para saber que algunhas praxes comunistas non funcionan e outras que si. Trátase de realizar unha aplicación axustada ao onde e ao como, pero aínda é válida a loita por unha sociedade máis igualitaria, máis xusta, na que as desigualdades sociais desaparezan e as persoas dispoñan das mesmas posibilidades de desenvolvemento e de vivir en harmonía, independentemente de onde naceran, do seu sexo, dos seus recursos e da súa capacidade intelectual.

Aposta abertamente pola independencia de Euskadi integrado na Unión Europea tal e como está asociado na actualidade o Estado Español, con máis pena ca gloria? Non hai outras solucións?

Apostamos por un estado vasco libre e europeo, a nivel de igualdade con outros estados do seu contorno, con participación nas institucións europeas. A actual Comunidade Europea non é a que máis nos agrada, e procuraremos que se recupere o espírito europeísta centrado nas culturas e nas rexións en lugar do predominio dos estados e dos poderes económicos. Pero iso será un labor colectivo que teremos que desenvolver pouco a pouco. Na actualidade, a independencia pasa por ser un estado.

Que vai suceder con Sortu? Integrarase na coalición ou dirixirá os seus pasos en solitario? En todo caso, cal será a súa liña ideolóxica?

Sortu está a realizar un proceso constituínte moi interesante na forma e no fondo. Por unha banda, está a crear un rearme ideolóxico da esquerda (tan necesario en Europa) e, por outra, elaborándose dende unha gran base participativa. A súa liña ideolóxica é independentista e de esquerda, e se integrará dun xeito natural na coalición EH Bildu, articulando a militancia da esquerda abertzale ilegalizada durante dez anos.

Dende unha perspectiva de esquerda, en paz, hai posibilidades reais de mudar a sociedade vasca de forma que as desigualdades desaparezan paulatinamente? Ou, polo contrario, o capital financeiro internacional que parece dominar a economía mundial impediríao a través dos seus vaivéns de mercado?

O capital internacional tentará evitalo e porá todos os medios ao seu alcance, e máis, para logralo. Pero estamos asistindo a unha muda de ciclo e xa nada será como antes. Hai suficientes síntomas como para predicilo. Os poderes económicos necesitan a pasividade da poboación, controlar a información, espallar medo, o sentimento de fatalidade e inevitabilidade e, en resumo, poboacións submisas. Os movementos iniciados no Magreb e que se estenderon a Europa, a resposta de países como Finlandia, o sentimento de fartura e, sobre todo, a profundísima crise sistémica indican que a muda virá de todas todas. Nestas necesítase unha esquerda capaz que saiba liderar esa muda.

Por certo, que é unha crise? Quen as provoca e por que se provocan?

Unha crise é a febre que indica a aparición dunha enfermidade. É a parte máis visible de que algo non funciona. As crises non son necesariamente negativas, só son quen avisan. Por iso é fundamental realizar un diagnóstico positivo sobre o que non vai ben. E por suposto, ter unha idea clara de cal é o modelo que se quere implementar no lugar do enfermo, cal é o obxectivo, a onde se quere chegar.

Retornando ao pretérito: Pagou a pena a insistencia de ETA en continuar coa súa campaña logo da denominada transición?

Non se pode falar nestes termos porque a pregunta é maniquea e leva implícita unha resposta de tipo moral. Mereceu a pena o franquismo? Mereceu a pena a negación dos pobos? Mereceu a pena prohibir unha cultura e a lingua, eliminar aos seus habitantes cando vemos que esa lingua sobrevive pese a todo? Pagou a pena? Xamais merece a pena a imposición, a negación, a violencia. Nunca e ningunha. Porque antes ou máis tarde as augas volven ao seu leito.

Que é ETA para vostede?

Unha organización armada que decidiu abandonar as armas para sempre e agarda polo diálogo para desaparecer definitivamente. Ninguén debería pór impedimentos para a paz. E menos por un cálculo de hipotético beneficio partidista.

Como considera a Arnaldo Otegi? Coida que no futuro Otegi estará á cabeza dunha formación de esquerda independentista?

É unha persoa comprometida, formada e consecuente, que, xunto a outras da súa ideoloxía, está a ser castigada por facer cousas que non se penalizan en ningunha parte de Europa, debido á súa actividade política pacífica. Alí onde estea, é un líder nato, e así foi recoñecido polo seus propios adversarios políticos.

O ministro do Interior ameazou coa ilegalización, insinuado que «está en marcha o contador», que vostedes debería tomar boa nota ao respecto. Parece que esixe máis condenas ca loas a ETA. Hai realmente liberdade de expresión cando se impoñen regras disuasorias?

Novamente a resposta vai implícita na pregunta. O problema deste goberno e o seu ministro é a súa incapacidade para entender o que é a democracia, o respecto das ideas, a actividade política normalizada. España ten a dereita máis rancia de toda Europa. E se en España non hai un partido de extrema dereita é porque está subsumido dentro do Partido Popular. Non calculan que alguén poida dicir algo que non lles gusta. Pois ben, seguiremos dicíndoo. Dicir non debe ser delito xamais.

Respecto á lingua, fundamental para un país: Non coida que cada vez é máis difícil que as distintas sociedades (Galiza, Catalunya, Euskadi) aposten polo seu idioma de orixe? Non é certo que nas áreas rurais vai envellecendo a poboación e nas urbanas as influencias alleas arredan o idioma propio, que é substituído polo máis privilexiado?

Dende que lembramos (e diso van xa varios séculos), xamais foi fácil a relación entre as linguas minoritarias e as dominantes. E pese a todo, persisten. Segundo o lingüista David Cristal, hai, entre outros, tres elementos imprescindibles para que unha lingua sobreviva: un plan político, diñeiro e a vontade da comunidade falante. E estou convencida de que este último elemento é o máis determinante.

Realmente existe algunha posibilidade de que non desaparezan estas linguas se non é mediante unha muda substancial do sistema político?

O obxectivo non é só que non desaparezan, senón que sexan linguas normalizadas de uso e de cultura nos seus respectivos territorios. E para iso, evidentemente, é imprescindible contar con resortes políticos. É máis, tampouco unha situación de independencia é garantía de supervivencia da lingua (véxase o caso de Irlanda). Débese deseñar un plan específico para garantir que a lingua sexa tanto un instrumento de uso en calquera ámbito social coma un vehículo transmisor de cultura. E iso hai que facelo dende agora, sen agardar á muda substancial. Isto é, a propia lingua é un elemento que axuda á muda.

Avánzase no campo literario vasco ou diminúe o número de escritores en euskera?

Os escritores e, sobre todo, escritoras, en euskera, aumentaron considerablemente nos últimos anos e gañaron en calidade. A industria do libro tamén gañou en profesionalidade. A carencia, compartida por outras culturas está na terceira pata, na recepción. Diminuíu o número de lectores pero o paradoxo é que aumentou o número de grupos de lectores que se reúnen semanalmente para comentar o que len. Trátase de lectoras e lectores activos, críticos e formados, que resultan moi gratificantes para as escritoras e escritores.

Traballa vostede nalgún libro?

Na actualidade, non. E coido que non o farei nun tempo.

Que lle interesa máis, a narrativa ou o ensaio?

Ambos campos, se ben leo máis ensaio ca narrativa, e a miña narrativa ten moito de ensaio.

Como contempla a situación en Galiza? Que lle parece Xosé Manuel Beiras e a súa opción de Alternativa Galega de Esquerdas, que inclúe a Esquerda Unida?

Gústame ser respectuosa cos procesos alleos. Coido que para a esquerda galega sempre foi especialmente difícil abrirse camiño nas políticas sociais, cun vencedor perpetuo nas furnas e unha socioloxía que vota unha e outra vez ao PP pese á política de abandono que impón á poboación galega. Dende o País Vasco resultounos incomprensible o triunfo do PP tras o desastre do Prestixe. Confío en que as esquerdas saiban atopar puntos de confluencia, porque á dereita non lle custa nada unirse para defender os seus intereses.

Cal é a diferenza entre Euskadi e Galiza a nivel social, dende o seu punto de vista?

Non hai dous pobos iguais. Diferénciaos a súa tradición, a súa cultura, e a propia orografía diferénciaos tamén. O asunto é que os pobos, sexan como sexan, busquen o xeito de coñecerse, respectarse e axudarse. O capital non ten fronteiras para o diñeiro, pero impón fronteiras ás persoas e manexa aos pobos en función dos seus propios intereses. Teríamos que ser conscientes diso e impedir que esas fronteiras separen aos pobos.

Coñece vostede a obra de Daniel Rodríguez Castelao?

Si, por suposto. E durante moitos anos tiven o seu debuxo autobiográfico de perfil enmarcado no meu despacho. Para as letras galegas foi moi salientable a revista Nós, que el contribuíu a fundar, e tamén escribiu en A Nosa Terra, revista que vexo de vez en cando grazas aos meus amigos intelectuais galegos. A Castelao debémoslle, en gran parte, o nacemento de Galeuzca (Galiza, Euzkadi e Catalunya) nos anos trinta, alianza política perpetuada hoxe na Galeuzca literaria que celebramos anualmente de xeito rotativo os escritores galegos, cataláns e vascos. Galeluzca permitiume coñecer e tratar aos xa falecidos e excelentes persoas Antón Avilés de Taramancos e Uxío Novoneyra, ao propio Beiras, a Pilar García Negro, dona á que admiro, a Miguel Anxo Fernán-Vello, á nova Iolanda Castaño, a Cesáreo Sánchez e a outros moitos escritores galegos, entre eles o magnífico Xosé Luís Méndez-Ferrín, un home interesantísimo, por certo.


LAURA MINTEGI
[Imaxe recollida de Euskal Irrati Telebista
Radio Televisión Vasca]


[Algorta, Getxo, 2 de decembro de 2012]