Visualizacións de páxina totais

28 de maio de 2011

Barça. 4 - Madrid, 3






Esquecéndonos das do franquismo, o Barça acaba de lograr a súa cuarta Copa de Europa (1991-92, 2005-06, 2008-09, 2010-11) superando xa, por unha, ao Madrid (1997-98, 1999-00, 2001-02).

Nunha final xustamente redonda, o equipo catalán, ‘més que un club’, como reza o seu slogan, foi quen de bater a un desconcertado Manchester, incapaz de recoñecerse a si mesmo.

Pese a que se trata dun xogo, neste caso débese subliñar a condición singular que dende hai tempo manteñen os afeccionados do Barça nunha dinámica de enfrontamentos contra o seu principal adversario español: o Madrid.

O Barça, que aínda co franquismo propiciaba a súa causa diferenciada do resto de equipos españois, agás o Athletic Club de Bilbao, moito máis preto da súa propia idiosincrasia, debeu enfrontarse de maneira permanente ao equipo auspiciado polo centralismo español, nutrirse de futbolistas relevantes e conservar parte do seu sentido catalán, que acadou o seu punto culminante cando Guardiola foi nomeado adestrador do Barça.

Na actualidade, o Barça defende o seu escudo con futbolistas alleos, caso de Alves, Mascherano, Milito, Afellay, Keita, Abidal, Adriano e algún máis. A cambio conforma boa parte do seu equipo con futbolistas formados na súa canteira: Messi, Pedro, Thiago, Bojan, Jonathan dos Santos, Busquets, Xavi, Iniesta, Piqué, Puyol, Jeffrén, Valdés, etcétera. Destes últimos, os denominados ‘canteiráns’, oito participaron na final de Wembley. E logrou o triunfo precisamente grazas a dous deles: Pedro e Messi.

No primeiro tempo, excepción dos primeiros dez minutos, o Barça dominou practicamente o encontro. E pese a que o Manchester pretendeu facer unha presión constante sobre o Barça, non se pareceu en nada aos partidos contra o Madrid, onde as provocacións e a violencia constituíron a demora principal destes enfrontamentos.

Na segunda parte, máis do mesmo: o Barça dominou de principio a fin.

O primeiro gol foi fabricado por Xavi, que estendeu a Pedro, para que este rematase facendo inútil a estirada do porteiro.

No segundo gol, logo dun pase de Iniesta, Messi golpa o balón dende fóra da área.

No terceiro, é Messi quen lle dá a Busquest o pase para que Villa defina de xeito certeiro.

É que ademais o Barça é outra cousa: un exemplo de rebeldía, un símbolo contra o poder establecido.






Imaxe de Ollo Crítico (ACD)

27 de maio de 2011

Brutalidade 'democrática'







Hai unha historia indeleble, que se escriba ou non, reflicte o acontecer diario e deixa a pegada determinante desta humanidade chea de contradicións. O mundo áchase dividido, onte, hoxe e, con seguridade, se unha convulsión externa non o remedia, mañá, en dúas ‘razas’: ricos e pobres. É certo que algúns estudosos da simetría consideran que hai unha raza intermedia denominada clase media. Pero todo iso é mentira. Tal clase media é xustamente o elo para que os ricos, que por certo son unha porcentaxe ínfima da humanidade, poidan seguir manexando os fíos do seu sistema. E para iso inventaron a ‘democracia’.
Pero ese invento, denominado de xeito tan rimbombante democracia, non é real, non serve porque non se axusta ao seu significado. Trátase dun vocábulo utilizable soamente polos ricos para que os pobres continúen coa súa escravitude permanente e se limiten única e exclusivamente a agardar a que a vida sexa algo máis fácil para eles. Pero seguen a ser pobres e escravos.
A raza intermedia, entre Pinto e Valdemoro, por exemplo, para nos entender, tamén é pobre, pero non o sabe. Os intermedios coidan que traballando para o patrón, gabando a súa omnipotencia, algún día chegarán tamén a ser parte do sistema: capataces do patrón como mínimo, malia que sexa nas proximidades da fin da súa existencia.
E esa é a cuestión, a grandes trazos. De aí a necesidade de orde, de presenza policial, para defender o territorio dos ricos. E quen mellor para a súa defensa que os intermedios.
E a onde queremos chegar con isto? Pois ao que denominan eleccións ‘democráticas’. Porque non é certo, non son democráticas. Trátase das eleccións financiadas polos ricos que contentan aos intermedios (unha gran porcentaxe que fai imposible superala independentemente e libremente por alternativas singulares) con esas prebendas propias dos negociantes (antigamente, cando se roubaba cambiábase area por pedras preciosas), caso por exemplo do que denominan seguridade.
Aí aparece a vixilancia policial. A policía vixía primeiro as mansións dos ricos, logo as dos intermedios que, dalgún xeito, procuran o benestar dos ricos. E cando o sistema comproba que aparecen cambios na súa rutina, non dubida en restablecer as condicións anteriores, con todas as armas ao seu alcance.
A brutalidade policial é consecuencia de algo moi sinxelo: que nada mude.
A democracia é o de menos. A ditadura, con ou sen eleccións, é xustamente isto. 













Imaxe de EFE / TVE

26 de maio de 2011

A esvástica cerebral de Rouco Varela







Referíndose aos mozos que non contemplan o futuro tal e como o promove a caste política, afirmando que os seus problemas non teñen que ver unicamente coa situación de desasosego que se está a vivir, senón que proveñen do máis fondo «da súa alma e do seu corazón: aí estarían os problemas máis serios».

Na alma, que aínda non se sabe que é, estarían os problemas da sociedade, ademais de no corazón, que realiza a función de control e motor da física humana.

Esta caricatura de persoa pretende neste século que se comulgue con rodas de muíño. E así opinan algúns dos que espertaron con esta nova revolucionaria do líder español da secta cristiá.

«Este si que ten un problema no máis fondo do seu cerebro», «Coido que a xente ten máis problemas coas súas hipotecas que coas súas almas. Entre outras cousas, porque está demostrado que as hipotecas existen...», «O moinante saíunos psicoanalista, que alguén lle regale un libro ao psicópata este», «E ti, Rouco, non tes alma?», «Xa, xa, se coñecemos a historia: apelar á alma para se aproveitar do corpo», «Que pesado é este Rouco... O seu debeu ser unha gaiola enconada na súa puberdade. Vai pegarlle pedos a unha lata... Ou mellor, retírate e le a historia dos Borxia», «O que faltaba, o gardián das almas», «E ti a que vés, a me indignar máis? Non tes idea nin a terás na túa santa vida do que esixen os indignados. Vai para o inferno!!!», «Rouco di que os indignados teñen problemas coas súas almas e el non ten problemas de conciencia nin de diñeiro... Haberase visto semellante parvada», «É un punto de vista como outro calquera, todo problema pódese analizar dende varios puntos de vista (económico, político, sociolóxico, psicolóxico, material, espiritual, artístico, etcétera). Agora ben, unha vez dito isto, suxírolle a Rouco que mire no interior do seu propio corazón, dado que na súa expresión mostra constantemente un rostro que non parece en paz e harmonía consigo mesmo nin cos demais, a miúdo, na casa do ferreiro coitelo de pau», «Este? Como din no meu pobo: para pouca vergonza, ningunha», «E ti tes problemas coas súas armas, Rouco?», «Rouco di que os ‘indignados’ teñen problemas coas súas almas. Ollo, coidado! Esta cousa monstruosa pode ser o ‘filósofo’ de cabeceira do Goberno se o PP gaña as eleccións xerais. Moito coidado, que o asunto é como para botarse a tremer», «Si, un dos problemas é que as súas almas non atopan traballo, son almas en paro e sen proxección e entón vólvense protestonas. Polo demais, o corazón ben, grazas», «Pois claro que se trata tamén dun problema espiritual! Este sistema fai do ser humano unha parodia do que realmente é e os seus dirixentes e voceiros son sistematicamente absolvidos de todos os seus pecados. Rouco absolve e se pon ao carón dos que máis pecados inducen a cometer, porque a fin de contas este mundo materialista e mesquiño éo todo para os teóricos e capitalistas, que son os principais mecenas da súa igrexa e a miúdo quen suplen as baixas vocacións. Veu Rouco dunha familia humilde? Que é iso de escandalizar aos febles de espírito? Non é a miseria a principal fonte de escándalo? Por que eles son tan ricos? Ai de quen escandalice a estes meniños...!», «Estou farta de que a xente se atreva a realizar diagnósticos sobre as vidas dos demais. Xa abonda de intentar colonizar a intimidade das persoas», «Como di a canción, ‘déixame en paz que non me quero salvar, no inferno non se está tan mal...’». Etcétera.

Alma: Parte espiritual do ser humano, que a relixión considera separable do corpo e inmortal.
Corazón: Órgano de natureza muscular, responsable da circulación do sangue, nos animais, que está, no caso do home, na parte media esquerda da cavidade do peito.
Espírito: O que constitúe a vida psíquica, intelectual e afectiva dunha persoa.
Espírito santo: A terceira das tres persoas divinas da Santísima Trindade. 

    










'Contos que nunca tal foron', libro de Brais do Castro