Visualizacións de páxina totais

19 de out. de 2012

Toca decidir










Dicía Carlos Marx que as eleccións burguesas só serven para que cada catro ou cinco anos o pobo decida quen o machucará durante ese período de tempo. Pese a que nos achamos no século XXI, o asunto do parlamentarismo burgués non estableceu premisa ningunha de muda con respecto ao século XVIII.

Por outro lado, parece que o imperialismo, a última fase do capitalismo, fíxose definitivamente co poder no conxunto da sociedade.

Unha vez constatado o que precede, só restan dúas alternativas: a primeira, esquecerse de todo e continuar o tránsito politicamente correcto polas vías marcadas polo sistema; a segunda, promover a desobediencia global (cada vez máis difícil) ata que as condicións de produción actuais deriven nunha transformación xeral da sociedade (crear novas xestións de vida que non contemplen a realidade produtiva actual).

No contexto do politicamente correcto hai que ter en conta que a loita vai ser desigual: o sistema goza de todos os mecanismos para que as formalidades acaden (con traxes de distintas cores, caso PP-PSOE, Partido Republicano-Partido Demócrata) os seus obxectivos, que é continuar co control no cumio da pirámide. Trátase, polo tanto, dunha loita perdida, dado que as xeracións de hoxe se acomodarán co paso do tempo, converténdose en parte do sistema escravizante contra o que loitaban.

No segundo caso dáse tamén o paradoxo da adicción ás ‘necesidades’ creadas polo sistema, das que case é imposible saír (carburantes, electricidade, artefactos condicionados, etcétera), se ben non sería tempo perdido, senón que a loita conduciría a outro tipo de vida que reduciría as necesidades sociais e ampliaría o campo intelectual. Talvez un camiño aberto a novas alternativas, polo que se podería afondar e que aumentaría paulatinamente as porcentaxes de combate social.

De acordo, postos na realidade, ollemos o que hai nos espazos que se integran na esquerda galega. Polo Bloque non se pode apostar, dado que xa gobernou e se aproveitou en maior ou menor medida desa parcela de poder. Alternativa de Esquerdas tampouco parece moi fiable (a fronte de Esquerda Unida contribuíu ao engorde do capitalismo no goberno español do PSOE, e faino aínda agora en Andalucía). Pola parte de ANOVA, a figura de Beiras pretende unha concepción propia sobre o modo de facer política (incluso a ‘machete’). Parece disposto a non entrar, no seu caso, nun goberno que non representa aos máis desfavorecidos, e permanecería, en teoría, na oposición, controlando as leis no Parlamento. Con todo, hai dúbidas. No programa conxunto (EU e ANOVA) non hai unha referencia exacta á independencia de Galiza. Ao carón de Esquerda Unida non sería posible.

Velaí a cuestión. Toca decidir. Neste caso, pola esquerda. Ou votalos ou botalos.