Visualizacións de páxina totais

27 de maio de 2010

FOLGA XERAL

CCOO e UXT mobilizarán aos traballadores e convocarán unha folga xeral se non hai acordo coa patronal, se ben Toxo considera que «aínda é posible negociar». O secretario xeral de CC OO advirte, sen embargo, que «o emprego xerarao o investimento público e privado e non a reforma das leis». Méndez subliñou, pola súa parte, que «faremos o posible para lograr un desenlace positivo», pero «calquera recorte social ou laboral se considerará como unha lesión aos dereitos dos traballadores».

Nunha rolda de prensa expectante, ambos líderes sindicais consideraron que a aprobación do paquete de medidas de axuste aprobado hoxe no Parlamento (por un só voto) non ten sentido e é antieconómico. Tales medidas de axuste establecerán un crecemento menor do PIB, caerá en 2010, atrasará a recuperación económica e crecerá o desemprego.

9.000.000 millóns de persoas, entre funcionarios e xubilados, sufrirán as consecuencias de tales medidas. CC OO e UXT criticaron tamén a irresponsabilidade do presidente da CEOE, ao convidar aos empresarios a vulnerar o contido de acordos anteriores. «É perigoso perder o espazo acadado e se porá en marcha un escenario de mobilizacións na que están convocados os funcionarios para o 8 de xuño», indicou Toxo.

CC OO e UXT consideran que «os sacrificios que padeceron os traballadores en 2008 e 2009 se desbaratan co plan de axuste, un atraso, polo tanto, na economía, dado que gravita en exclusiva sobre as clases medias». Os representantes sindicais consideran tamén que «hai outra alternativa: repartir sacrificios, de xeito equitativo a través dunha política fiscal solidaria».

En todo caso, se a resposta do Goberno, «que consumou un cambio de carril na súa política», é a normativa mediante decreto lei, logo do que consideran unha «saída errónea da UE, que significará un atraso na recuperación da economía dos seus países e non se recortarán os déficits nos prazos previstos», tanto Toxo coma Méndez convocarán a os traballadores a unha folga xeral.





Salario exemplar

Por BRAIS DO CASTRO



Abraiante fiquei ao coñecer a soldada dun tal gobernador do Banco de España (que aproba o Ministerio de Economía). Este persoeiro exemplar que demanda a ‘sotto voce’ unha reforma laboral drástica (rebaixar considerablemente o poder adquisitivo e os dereitos dos asalariados ‘comúns), debería ter un pouco de vergonza: ruborizarse, como mínimo, e desaparecer discretamente. Alguén que ingresa anualmente 33 millóns de pesetas (dous millóns e medio ao mes, e 83.000 pesetas diarias, máis ca a mensualidade de moitos pensionistas) non pode esperar que persoas honradas contribúan cos seus escasos posibles (mentres el concede rebaixarse un 15% da súa bolsa). Sobre todo, porque se hai bancarrota nas arcas do Estado se debe a persoeiros coma el, que teñen bula institucional e se aproveitan da bondade natural do resto da sociedade.

Iría moi ben que ese Estado, que permite tamañas felonías, se fose a pique, que marcharan todos os gorróns e que non volvesen nunca.

26 de maio de 2010

HAI QUE FACER UN PLAN?


É o que Rajoy di: «Hai que facer un plan». Mais non explica qué clase de plan.

Plans hai moitos, incluso o Plan Galicia, que non se sabe para qué serviu. E agora o Goberno debe facer un plan. Será o plan B?

Cando o Deportivo estaba na Segunda División, de capa caída, logo dun deses partidos desastrosos que levaban ao club coruñés cara a Terceira División, un xornalista cominou ao entón adestrador deportivista Arsenio Iglesias a tomar medidas. Arsenio respondeulle axiña, sen pensalo: «Coma non sexa cunha regra!».

Pois ese plan que pretende o funcionario Rajoy, esas medidas que segundo el debe tomar con urxencia o Goberno, tampouco serán nada fáciles de tomar, agás que se utilice o sistema métrico decimal. Porque o que non ten solución non se arranxa por moito plan e máis demagoxia que se pretenda.

A reforma laboral solicitada por Rajoy, ‘para crear emprego’, comprende sobre todo o abaratamento do despedimento e o recorte de dereitos laborais. Isto é, de se concretar tal reforma, calquera empresario poderá contratar a quen lle pete, traballando de sol a sol e a baixo custe. Ese parece o plan de Rajoy, para empezar. Logo, seguindo as súas directrices, xa se sabe por onde continuará.

O plan e o sistema métrico decimal non parece que sirvan para moito máis que para favorecer novamente a incautación de plusvalía dos máis febles: os traballadores. E por moito que ‘parola parola’, o asunto da crise non se amaña cun simple plan.

En todo caso cómpre, como mínimo, que os políticos acaden algo de sentido común e que pensen máis na sociedade en xeral e non só neles mesmos; que se expresen como persoas maduras, adultas, razoables, discretas: como funcionarios ao servizo da sociedade e non para servirse dela.

En tempos de crise débense alixeirar as bolsas, precisamente, de quen provocan ou axudan a provocar tales crises: das grandes empresas e entidades financeiras (Repsol, Endesa, Iberdrola, Cepsa, Ferrovial, Telefónica, BBV, Banco de Santander, etcétera, etcétera, etcétera); débense eliminar gastos superfluos, como o militar (que xa parece isto a ‘Guerra das Galaxias’. Predícase por unha parte a globalización e por outra cada país individualmente produce o seu propio arsenal), e suprimir todo tipo de gastos impropios dun Estado exemplar.

En fin, que non sempre sexan os mesmos quen padezan o desprezo das grandes economías. Esas si serían medidas para intentar un acordo global. O resto é simplemente retórica. E fútbol e touros (circo, na antiga Roma): «Alegría, alegría, que fame non ha faltar!».