Visualizacións de páxina totais

13 de mar. de 2015

Aiatolás católicos
















A Conferencia Episcopal pretende a mesma categoría que os estados musulmáns: impor a relixión católica dende o cumio da pirámide. Á seita do catolicismo non lle parece ben un estado verdadeiramente laico, no que ordene a sociedade civil e a fe sexa relegada á intimidade propia de cadaquén. Aquí, neste cousa rara á que lle chaman España, as normas só serven para darlles volta e convertelas en moeda de cambio. O panfleto ao que denominan constitución está cheo de números e apartados incumpridos, tortos e revirados que os axentes do capitalismo utilizan ao seu xeito, segundo conveña aos seus propios intereses.
Aínda non hai moito, un mequetrefe baixiño, cun mostacho ben recortadiño, que asasinou a máis de duascentas mil persoas porque non eran do seu agrado, foi acollido pola santa igrexa apostólica e romana dándolle categoría de bispo (baixo palio), algo que ao señor do mostacho recortadiño parece que lle encantaba. De non ser militar, tería sido bispo. Gustábanlle os uniformes dos prebostes da curia. E á propia curia gustáballe o personaxe baixiño con voz afrautada e mostacho recortadiño, que colaborou no adormecemento dos habitantes desa cousa chamada España.
Pois así viviron durante corenta anos, xuntiños, en unión, bicos por aquí e por acolá, a curia e o ditador, embarcados nunha educación chea de taras, dende a que se proclamaba a todo tren a grandiosidade da fe católica á cabeza do militarismo máis facinoroso.
Tras a morte dese ditador con mostacho recortadiño, os axentes do capitalismo realizaron unhas sutís reformas que non mudaron a realidade intrínseca do sistema métrico decimal que construíra o mequetrefe con mostacho recortadiño. A curia debeu acomodarse tamén, un pouco, aos novos tempos para non perder totalmente a compostura. Cando xa se sentiu integrada e coa forza do seu camaleonismo, decidiu intervir para poñer as cousas nos seu sitio.

E aí está, tratando de impor a súa catequese. E os habitantes desa cousa chamada España, tan contentos.