Visualizacións de páxina totais

7 de ago. de 2013

Christine Lagarde ||| Fátima Báñez


 








Lagarde

Cousas da vida, dicía Castelao. Ou simplemente, cousas. Claro que si, que son cousas as que acontecen a cotío sen que movamos un só membro dos nosos músculos. Que ben. Somos felices. Xantamos perdices. Móvense diante de nós mostrándonos a nada cunha man pechada e din que de abrila aparecerá a maxia que nos levará cara ao confort, cara á sociedade maxistral, liberal, ampla e duradeira. O máis fermoso que se viu xamais. Son magos, moito máis magos ca os lendarios Merlín e compañía. Moito máis, ao menos para eles, para os seus petos, para os seus asuntos, para os seus propios negocios.
 Pois aí tedes á señora Lagarde (que gardará?) apuntando un pouco más á comunidade asalariada. Acórdanse da escravitude? Aínda non hai moito prendían ás persoas e obrigábanas a traballar de sol a sol sen contribución ningunha. Parece que algúns pretenden retornar aquilo. E os precedentes acentúanse.
A señora Lagarde, que sucedeu a outra persoa de semellante catadura, recibe dese denominado fondo (de voitres, talvez) 324.000 euros anuais (uns 54 millóns das antigas pesetas). E a señora Lagarde, que é francesa, onde o salario mínimo dobra ao salario mínimo español, pretende que a comunidade asalariada española rebaixe o seu salario un dez por cento. Así, ela e os seus camaradas especuladores poderán instalarse en España a prezo reducido. Acordan aquela xeira do turismo franquista?
Ben, pois esa é a película da especuladora Lagarde. Báixense un dez por cento os salarios e así quedará máis para nós.
A señora Lagarde (o mesmo que seu antecesor, que debeu renunciar polo escándalo de agresión sexual) é investigada por autorizacións de pagos con fondos da banca pública.
Será difícil que sexa involucrada dada o seu poder financeiro. Pero vese ás leguas que carece de ética, pese a que sexa ‘legal’ o que ela trama.

Báñez

A señora Báñez vén de nos recomendar que fagamos como en Cuba, por exemplo: denunciemos aos nosos veciños, aos nosos coñecidos, aos nosos amigos. A señora Báñez arenga á sociedade a delatar, a través dunha caixa do correo anónima, ás persoas que talvez cometan unha fraude á seguridade social. Está moi ben que se preocupe diso, que os empresarios non contraten sen as debidas garantías e que os perceptores de subsidios non fagan trampa con traballos non declarados para poder subsistir. Claro que si. Lembran a posguerra? “Ese é comunista, préndano!”. E se facía coas súas alforxas. Pois isto leva trazas se ser algo semellante. E de certo non vai servir para recadar máis. Pois xustamente nese mundo subterráneo, apenas hai que recadar. Sobrevívese. Como moito.
A señora Báñez faría ben en se preocupar da súa propia familia, dos seus irmáns responsables dunha construtora, imputados no caso dos ERE fraudulentos. E se realmente desexa recadar, que acuda ás grandes empresas, como o Santander ou o BBVA, que son quen gañan cartos a moreas.
Que deixe de actuar de cara á galería e promova a ética no seu propio partido.