Visualizacións de páxina totais

5 de nov. de 2011

Propaganda oficial







A propaganda oficial non para de programar datos económicos convulsos, isto é, a sociedade está a piques de retornar á escravitude total e, ademais, co beneplácito xeral dos lexisladores (que non nos esquezamos, en teoría representan á globalidade).
Parece que, como a economía vai mal (esa economía impulsada polos grandes malfeitores financeiros), o acadado pola sociedade a través de múltiples loitas seculares, xa non vale: a partir de agora imos cara a atrás.
Pois iso, a diario, a propaganda oficial ‘propagandea’ durante vinte e catro horas que o mundo se vai ao carallo, que non hai dispendio para todos e que a sociedade debe concienciarse de que a recolleita de cotón vai ser premiada cun pouco de auga con cloro e unha porción escasa de pan duro.
E temos que asumilo. Dicir amén, grazas pola súa contribución ao meu estómago. E logo durmir baixo un teito de palla a carón dunha morea de escravos coma nós, arredor dunha fogueira (tamén galano do patrón) para nos quentar durante o frío inverno. Pero, ollo, o galano é só para que non morramos de frío e o patrón non quede sen escravos.


3 de nov. de 2011

Revista de Prensa / La Opinión-Coruña (31-10-2011)









Alguén pode crerse que o salvaxe linchamento de Gadafi, o frío asasinato de Ben Laden ou a brutal execución de Sadam Hussein fortalecen, dignifican ou xustifican aos vencedores destas guerras? Os vencedores esgrimiron, para avaliar as súas cruzadas, a defensa de valores fundamentais: a liberdade e os dereitos humanos, a protección dos civís inocentes, as ansias democráticas dos pobos e incluso a defensa e o pulo de canto significa civilización. Con estas proclamas conseguiuse o apoio ou, polo menos, a comprensión da opinión pública e dos cidadáns de boa fe para desenvolver as súas operacións militares, que presentaron como necesarias e ineludibles para a convivencia, a paz e a seguridade mundial. Pois ben, aquí están os primeiros resultados tanxibles e ben concretos, que o din todo das fondas motivacións impresentables destas operacións. Degradáronnos a todos, quebraron a nosa razón moral e, como consecuencia, os efectos desta orxía de morte deron como resultado máis morte, máis ‘libertinaxe’, máis desprotección dos inocentes, máis corrosión e corrupción das democracias e, apuntemos isto ben, máis inseguridade para todos. Poderemos crernos razoablemente que estamos no ‘o eixo do ben’? Se toleramos, calamos, comprendemos, desentendémonos ou deixamos que sucedan estas cousas, que reaccións igual de degradantes e viles poderemos agardar como resposta e que argumentos nos quedan para poder condenalas ou para combatelas por inmorais? Non nos queda outra que asumir a chamada lei da selva e que saia o sol por onde deba saír.
Os xestores deste sen sentido esgrimen a razón política, como se esgrimía a razón de Estado para perpetrar o crime, por riba da ética. O sofisma é antigo, porque a razón ética é tan esencial para a política, que sen ela, a política sinxelamente é inxustificable, dado que os individuos non poden delegar o uso da nosa forza e da nosa ira para que, ao final, non fagan outra cousa que envilecernos, que é como matarnos. E de democracia, nin falamos.