Quen foi Alexandre Bóveda? Pois un galego do
século pasado, que naceu en Ourense e se estableceu en Pontevedra, xa con
traballo como funcionario do Estado.
Centrámonos no período negro de ‘Hespanha’
(como a definían os arredistas). Nese tempo en que tanto Cataluña coma Euzkadi
pretendían, como mínimo, gozar da súa propia autonomía nun marco federal do
Estado.
Vale, pois, seguindo a Bóveda, propúxose que
Galiza non fose menos ca vascos e cataláns. E con moita teima logrou que o
galeguismo se agrupase nun partido baixo o nome de Partido Galeguista.
O PG, que contaba nas súas fileiras con
persoeiros coma Castelao, participou nas eleccións xerais de febreiro de 1936
englobado na Fronte Popular (que gañou as eleccións), malia a escasa simpatía
que Bóveda lles tiña ás organizacións de esquerda españolas. A promesa de que
unha vez gañadas as eleccións se aprobaría o Estatuto contribuíu ao cambio de
actitude de Bóveda.
O caso é que pouco despois de mudar o Goberno
en Madrid, e deposto o monarca, un xeneral ben coñecido rompeu a baralla e
esmagou a democracia das furnas. A Bóveda, que non saíra de Pontevedra,
prendérono. E logo dun xuízo sumarísimo foi condenado a morte.
Esta é a grandes trazos a historia de
Alexandre Bóveda. En ‘A fazaña da liberdade’, traballo de Fílmika Galaika, hai
moita máis información sobre Bóveda. Xosé Manuel Beiras, Xusto Beramendi,
Bautista Álvarez, Xavier Vence, Avelino Pousa (falecido), Isaac Díaz Pardo
(falecido), Uxío Diéguez, etcétera, completan noventa minutos de contribucións á
figura dun galeguista liberal que axudou a pór as bases dunha Galiza solidaria e
soberana que hoxe aínda está por construír.
Nas imaxes, Seném Outeiro, á esquerda, e Roi Carballido, responsables da produtora coruñesa |
Ningún comentario:
Publicar un comentario