Artes plásticas
Chelo Facal (A Coruña, 1953) cursou estudos de
técnico superior de Cerámica Artística na Escola Paulo Picasso da Coruña, realizou
cursos de gravado, modelado e escultura e foi galardoada co Premio
Internacional de Cerámica do Museo Pazo Módena (Italia, 2003). Editora da
publicación mensual El Artylujio
(1986) e colaboradora no semanario A Nosa
Terra, Chelo Facal realizou mesmo as ilustracións para os libros To be continued... (Manuel Carballido,
1990) e Kitaro / Ti (Brais do Castro,
Novos Vieiros, 2001).
Os seus comezos na actividade pictórica
represéntana a través dunhas disposicións anárquicas reflectidas na década dos
oitenta, período no que a súa pintura flúe impulsivamente e produce de xeito
prolífico, louco e divertido: emprega óleos, ceras tintas, lapiseiros,
acuarelas, pasteis, acrílicos, anilinas ou barro; realiza gravados e tenta
familiarizarse coa escultura en pedra sen perder de vista o traballo co vidro.
Na década dos noventa, o seu labor é menos impulsivo, máis estático e máis
técnico, que abandona a principios de 1996 para retornar cara o seu primeiro
pulo dos oitenta (mesturado coa técnica dos noventa, que complementa a súa
creación).
Pregunta.- Na actualidade, como te situarías?
Resposta.- Hai unha necesidade interna, á que lle son totalmente fiel, de
reordenación de enerxías. A inspiración ou manifestación dunha obra forma parte
desta nova reordenación. E para expresala utilizo, xunto coa miña propia
aprendizaxe, técnicas e pescudas recorridas ao longo dos anos de labor. E, á
vez, áchome aberta a novas propostas e xeitos que complementan esta enerxía.
Cando un vive como artista, todo aparece como color, son, espazo e forma.
P.- Segundo a crítica, a túa arte pictórica oriéntase cara un
expresionismo suave. Pero tamén aparecen na túa plástica outras presenzas.
Algúns preséntanas como ‘arte pop’, «cunha acusada tendencia á arte visual do
cómic». Cal é a túa propia definición?
R.- Cómpre salientar que malia que cada época e cultura crean a súa propia
arte, áchanse condicionadas por un sistema de valores, iconas e múltiples
significados que lles son propios. Somos unha influencia de todos os nosos
coñecementos, tanto conscientes coma inconscientes. Trátase, polo tanto, dun
conxunto de detalles, da influencia por todo canto acontece ao noso redor,
polos nosos propios coñecementos, tanto conscientes coma inconscientes. E esa
relación, xunto coa arte, conforman o reflexo desa harmonía que somos nós nesa
ligazón con canto nos arrodea.
P.- Primeiro a pintura, logo a escultura. Quen influíu na túa decisión de
achegarte á escultura? E como xurdiu?
R.- É tan extensa que non é fácil de explicar nun trazo, se ben podo dicir
que responde a unha necesidade de continuar aberta a esa enerxía, abandonando
as diferentes manifestacións e avanzando en distintas direccións.
P.- Hai inspiración realmente ou pintar ou esculpir é unicamente unha
forma como outra calquera de realizar unha obra, sen máis? Existe realmente a
arte?
R.- A verdadeira arte é unha liberación na selva do noso egoísmo, malia
que só sexa durante un instante. Libéranos dos hábitos mentais repetitivos.
Unha obra de arte ten ese poder. A esta expresión artística poderíaselle denominar
arte ‘sacra’. Evidentemente, tamén existe outra ‘arte’, á que se lle podería
configurar como arte decorativa.
P.- Que é para ti a color? Que sentido teñen as cores nun lenzo?
R.- Se ben considero que todo son indicadores da verdade e a beleza, hai
obxectos que, debido á súa excelencia, me devolven a esa verdade e a esa
fermosura. E, para min, a color é unha desas singularidades.
P.- Que tipo de materiais empregas na escultura?
R.- Utilizo ferro, madeira, barros de baixa temperatura, con chacota e
gres, e chacota de alta. Nalgún momento traballei con cartón pedra.
P.- Nestes días exhibes a túa obra (pintura e escultura) no Colexio de
Médicos da Coruña. Que é o que propós nesa mostra?
R.- Sería interesante que a mente do espectador, nunha primeira ollada,
abandonase o proceso conceptual culpable de definir, e que non dividise o que
non está dividido. Que quedase libre dos seus pensamentos e do excesivo sentido
de si mesmo. Que observe e se relaxe e reencontre as enerxías e viva un reflexo
da harmonía que gozamos en común co que nos abeira.
P.- Finalmente, como ve unha artista á sociedade actual? Débese
comprometer ou o seu traballo debe transcender unicamente no mundo do etéreo?
R.- A sociedade actual é un sego do que somos nós mesmos como individuos
separados. Non debemos esquecer que a sociedade conformámola nós. O artista,
como calquera outra persoa, se busca honestamente no seu interior, verase
reflectido no mundo exterior. E, por conseguinte, na súa propia obra.
Chelo Facal exhibe a súa obra no Colexio Médico da Coruña
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario