A inxenuidade de
asumir como propia calquera manifestación contraria ao considerado como politicamente
correcto non deixa de ser unha fórmula máis destinada ao esquecemento
individual dunha sociedade considerada racional pero que se move nos mesmos
parámetros irracionais do resto dos animais.
‘Todos somos tal ou
cal...’ non significa necesariamente que efectivamente sexa así, dado que non é
certo: cada quen é como é de acordo á súa propia realidade. E por moito que o
pretenda non vai mudar de personalidade só por incorporarse ao seo desa manda
con pretensións de arranxar o que ela mesma desarranxou, precisamente pola súa
actitude de manda.
Polo tanto, non
todos somos isto ou aquilo, cousa pola que deberíamos apostar a cotío, ofrecendo
a nosa propia personalidade en todas e cantas posicións sociais transiten polas
nosas vidas.
Porque as mandas,
xa se sabe, dispoñen dun patrón que controla o rumbo e decide quen é útil e
quen non é necesario.
O problema, o grave
problema sobre o asunto que nos ocupa, é que a dirección da manda, a dirección
do politicamente correcto, controla perfectamente a disposición dos gregarios
fronte ao medo individual, dado que é esa elite quen orixina todos e cada un
dos colapsos sociais co seu comportamento abertamente especulativo e
diferencial.
Coñecen vostedes a
algún patrón da elite financeira internacional invalidado en termos semellantes
aos do resto da manda?