Visualizacións de páxina totais

11 de xuño de 2014

Hai vinte e oito anos (1986)


El Artylujio, un ensaio de publicación periódica realizado por Editores Piratas Reunidos en 1986, publicaba na súa última páxina un artigo de Xesús Trashorras relacionado co mundial de fútbol (no apartado ‘Informe sientífico’) que se asemella moito á actualidade. Reproducímolo a continuación.



Logo do pasado mundial comprobamos unha vez máis como os que dispoñen dos medios de comunicación —a televisión, por exemplo— controlan facilmente ás ‘masas’. Obsérvase que dun e doutro xeito continúa funcionando o vello método de ‘pan e touros’. Non é necesario lembrar que este sistema consiste en darlle ao respectable alegrías —masivas— populares e así arredar a atención doutros problemas de maior importancia.
En tempos de paro, folgas, terrorismo, etcétera, televisáronse cantidades industriais de partidos de fútbol.
Iniciar telexornais (primeiras páxinas en TV) falando de que a selección española xogará un partido de oitavos de final —e a un gústalle o fútbol— cando hai millóns de parados e os peiraos españois levan varios días paralizados por unha folga de estibadores, é canda menos inmoral.
Non é necesario sinalar a casual coincidencia do mundial coas eleccións do 22 de xuño.
Por suposto, o noso seleccionado foi elevado ao máis alto do podio. E, naturalmente, aos nosos fabulosos xogadores, conscientes do papel que realizaban nesta película, non se lles ocorre nada mellor que —antes de comezar un partido— pórse a discutir cantos millóns se embolsarán con toda esta montaxe.
Logo de ‘partirse a crisma’ acadan a cifra de quince millóns por cabeza (e en dólares) se gañan o mundial. Todo isto nun país no que os clubs están arruinados e é o Estado quen vai pagar os pratos rotos.
Talvez o diñeiro que custou a selección é politicamente rendible, dado que produce: «alegría, alegría, que fame non faltará».

Última de El Artylujio co artigo de Xesús Trashorras