Visualizacións de páxina totais
8 de feb. de 2011
Cabodano do seu nacemento
Castelao político. Segundo Afonso Álvarez Gándara, Castelao é o máximo líder do galeguismo só comparable con Alexandre Bóveda (fusilado nos inicios da guerra civil española), probablemente algo máis dotado ca Castelao para as análises políticas e, dende logo, cunha preparación en materia financeira que o habilitaba especialmente para a súa misión de condutor. Con todo, en militancia e en fe nacionalistas ambos os dous eran simplemente insuperables.
O carisma político de Castelao procede da súa obsesiva consecuencia galeguista, da súa pletórica testemuña persoal, das súas dotes proteicas e, sobre todo, de que Castelao, incluso na mocidade, foi inmensamente coñecido no país a través da súa vertente de caricaturista nos xornais. Nos seus debuxos xornalísticos hai unha protesta tan fonda e tan lúcida que o pobo de Galiza se acostumou moi cedo a se recoñecer nos seus ‘chistes’ e a tomarse enteiramente en serio as viñetas coas que Castelao apuntaba á medula do caciquismo e dos convencionalismos burgueses.
A vida pública de Castelao iníciase ao fío de 1910, dende as columnas do semanario de Rianxo El Barbero Municipal, do que foi fundador (xunto con Xosé Arcos, Ramón Rey Baltar e Eduardo Dieste). O semanario chegaría ata 1914 (o primeiro número apareceio o 17 de xullo de 1910) e malia que ostentaba o subtítulo de ‘semanario conservador’, no fondo achábase arredado diso. Castelao nunca se prestou a unha política conservadora. Acontecía que en Rianxo se precisaba combater ao caciquismo do secretario da Deputación Provincial da Coruña e lugartenente de Gasset, Manuel Viturro, o que entenderon acadarían os fundadores do xornal baixo o abeiro do ex ministro conservador, marqués de Figueroa, representado en Rianxo polo notable avogado Ramón Tojo. El Barbero Municipal secundaba sistematicamente as campás do fogoso abade de Beiro, Basilio Álvarez, á fronte da Liga de Acción Gallega, que levantou un efémero pero extenso e entusiasta sentimento agrarista.
O propio Castelao adheriuse á Liga de Acción Gallega en 1912.
Como test da temperatura esquerdista de El Barbero Municipal soe mencionarse o acendido eloxio que realizou Nákens dende as páxinas de El Motín, a propósito de certas manifestacións de laicismo de El Barbero Municipal, que no contexto político da época resultaban bastante significativas.
A adhesión de Castelao á Liga de Acción Gallega pode considerarse como o seu primeiro acto de militancia expresa, se ben a súa devoción polo labor do abade de Beiro non quere dicir que Daniel participase da visión pragmática e circunstancial da vida política que era propia de Basilio Álvarez. O mundo político de Castelao foi, dende o principio ata o final, pura e soamente, o galeguismo.
Logo do manifesto de Antón Villar Ponte (Nuestra afirmación regional), no que se defendeu afectuosamente o idioma galego e se preconizou a tese de Teófilo Braga [fotografía inferior] acerca da confederación ibérica, fundáronse na Coruña as Irmandades da Fala (18 de maio de 1916). Castelao unirase dende o primeiro momento a esta corrente e participará na Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo entre os días 17 e 18 de novembro de 1918, onde os representantes das Irmandades subscribiron un auténtico programa de redención nacional. En efecto, os reunidos se declaran dunha vez ‘nacionalistas’, non rexionalistas, reivindican a ‘autonomía integral da Nazón Galega’ e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, propoñen a Federación de Iberia e, sostendo o accesorio das formas de goberno, mostran a súa preferencia por aquela que «sexa máis doada pra chegarse á Federazón con Portugal». Finalmente, prometen nupcias de amor con outras soberanías, «contra as que non vai nin quere ir a soberanía nosa». Unha exposición pormenorizada de todo o documento non correspondería a este artigo, pero sintetízase para recoller aquelas ideas centrais ás que Castelao xa será fiel toda a súa vida: nacionalismo, federalismo, internacionalismo ou universalismo, pasando pola recuperación de Portugal para a familia dos pobos ibéricos. Como sempre sostivo o galeguismo, para esa entrada de Portugal, Galiza é a única porta.
Viuse xa que as Irmandades da Fala, pese ao seu nome que se corresponde cunha preocupación medular polo idioma, representan un vasto e fondo movemento nacionalista, no que milita constantemente Castelao. Nos anos seguintes, ata a ditadura, inícianse campás propiamente políticas, con postulación de candidatos nacionalistas ás Cortes (Porteiro Garea, por Celanova, e Lousada Diéguez pola Estrada). Castelao colabora co lapis de caricaturista, mentres outros ‘irmáns’ fano como oradores. Dende o comezo da ditadura (1923), o nacionalismo galego se acubilla no único campo habitable, o da cultura e a creación científica, como se faría logo, a raíz de 1940, e ese é o posto de Castelao, segundo se refire noutras seccións deste mesmo artigo. Cando a monarquía se achega ao seu final, iníciase a tarefa de converxencia republicana, celébranse reunións e pactos e formalízanse alianzas mediante organismos que hoxe chamaríamos ‘plataformas unitarias’. A este labor corresponden os pactos de Lestrove e de Barrantes. Castelao participou en ambos. En Lextrove (16-3-1930), republicanos galegos de todas as xeracións fundan a Federación Republicana Gallega, coa contribución de ORGA, Acción Republicana, Alianza Republicana e a Sección Gallega da Federación Universitaria Española (FUE). A nova organización declarouse federalista. Na xuntanza de Lestrove designouse é figura de ORGA Santiago Casares Quiroga [fotografía inferior] para que representase ás forzas republicanas de Galiza no Pacto de San Sebastián, co encargo de non conformarse con menos dereitos ca os que se acordasen no encontro para Cataluña. Designouse tamén a Xerardo Abad Conde para participar no mitin republicano da praza de touros de Madrid, previsto para o 23 de setembro seguinte. O 25 de setembro do mesmo ano celebrouse un novo acto no pazo de Barrantes. No correspondente documento insistíase no accesorio das formas de goberno, co que se recuperaba a liña da asemblea de Lugo de 1918. Algúns historiadores criticaron esta indefinición que, a finais de 1930, cabía considerar como un retroceso. Polo demais estampáronse alí conceptos permanentes da doutrina galeguista: «...Ao centralismo debe Galiza o seu estado de ruína, o seu atraso e o seu encadeamento [...] e forza declarar que o rexurdimento de Galiza está pendurado do recoñecemento da súa personalidade rexional, de acordo coa historia e co espírito da nosa terra: unha completa autonomía política e administrativa que dispoña de medios dabondo para lograr o seu engrandecemento».
Constituído en Ourense, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo [fotografía inferior], o Partido Nacionalista Republicano Gallego, Castelao, xunto a Paz Andrade e outros oradores, xa interveu no seu primeiro acto de propaganda, celebrado no mes de maio. Nese mesmo mes de maio, Castelao participa nunha operación política histórica: a asemblea convocada pola Federación Republicana Gallega para estudar e redactar as bases dun Estatuto Galego. A asemblea celebrouse na Coruña o día 20. As bases comezan con estas palabras: «Galiza é un estado autónomo dentro da República Federal Hespañola» [substituíuse a expresión con sabor a Irlanda do anteproxecto do Seminario de Estudos Galegos: «Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Hespañola»]. Castelao comenta aquelas palabras deste xeito: «Con este acto volveu a manifestar unha vez máis a vocación federalista de Galiza, e o documento alí aprobado foi o mandado moral e político que os deputados de Galiza levaron ás Cortes Constituíntes». En efecto, Castelao faría uso dese mandado, porque ía ser designado pola propia Federación como un dos candidatos con vistas ás eleccións constituíntes. A Federación Republicana Gallega acadou representación nas primeiras Cortes (16 deputados): Santiago Casares Quiroga, Antón Rodríguez Pérez, Salvador de Madariaga, Alexandre Rodríguez Cadarso, Antón Villar Ponte, Ramón María Tenreiro, Emilio González López, Ramón Suárez Picallo, Roberto Nóvoa Santos e Leandro Pita Romero, pola Coruña; Xerardo Abad Conde, por Lugo; Ramón Otero Pedrayo e Manuel MartínezRisco Macías, por Orense, e Bibiano Fernández-Osorio Tafall e Castelao, por Pontevedra.
De todo este elenco, só uns poucos continuaron nunha liña de absoluta fidelidade á causa nacional de Galiza. En rigor, os que foron disciplinados polo Partido Galeguista: Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Villar Ponte e o propio Castelao, malia que non cabe botar en saco roto a boa disposición de Bibiano Fernández-Ossorio Tafall. O resto do conxunto, ambientado pola ORGA, seguiu máis ou menos a Casares Quiroga na súa política ‘azañista’. Esta experiencia sobre o pragmatismo de ORGA deixou amargo poso en Castelao, que non se recata en comentar reiteradamente en Sempre en Galiza a inconsecuencia de Casares. E non sería esaxerado dicir que aínda hoxe planea sobre os dominios galeguistas unha desconfianza cara ás alianzas políticas alegres que, dalgún xeito, respira pola chaga de Castelao e do Partido Galeguista. Sen prexuízo de subsistir, á altura daquelas eleccións constituíntes de xuño de 1931, a plataforma unitaria representada pola Federación Republicana Gallega, o certo é que xa se constituíra un Partido Galeguista de Pontevedra, que en realidade postulara a Castelao, encabezando unha lista que compuñan tamén Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas.
O Partido Galeguista constituíuse na asemblea de Pontevedra entre os días 5 e 6 de decembro de 1931 [fotografía inferior]. A Constitución da República promulgaríase o día 9 dese mesmo mes, se ben xa definía as relacións co poder central en termos que houbo de contemplar o partido apenas fundado no programa aprobado neses días. Naturalmente, Castelao estivo presente na fundación, pero non formou parte da secretaría ni do consello executivo, porque o prohibían os estatutos, aos que, coma el, tivesen a condición de parlamentarios ou exercesen cargos políticos. En adiante, o Partido Galeguista sería o seu mundo. Tal é a identificación de Castelao co partido, que debe reproducirse aquí aquel conxunto de lemas que constituíu a súa declaración de principios:
«I.-Galiza Unidade Cultural: Afincamento das caraiterísticas da persoalidade galega (língoa, arte, esprito). II.- Galiza, povo autónomo: Auto-determinación política de Galiza dentro da forma de goberno republicán. III.-Galiza comunidade cooperativa: A terra para o traballo; o traballo para a terra. IV.- Galiza, célula de universalidade: Antiimperialismo, federalismo internacional, pacifismo».
Sendo deputado Castelao viaxaba a Galiza todos os xoves para se ocupar das cuestións que lle competían como militante do partido e infatigable proselitista, participando en especial na confección da propaganda mural e gráfica. O seu labor parlamentario mereceu xeral comprensión e respecto. Curiosamente un comentarista tan irónico e ás veces tan ácido como Wenceslao Fernández Flórez reservou para Castelao palabras de tenrura que poden resultar insólitas, procedendo de alguén tan arredado ideolóxica e biograficamente do líder nacionalista (Acotaciones de un oyente). Os autores soen comentar o seu cordial labor de galería, onde polemizaba con bo humor con Miguel de Unamuno, tan pouco permeable aos ideais nacionalistas de Galiza, Cataluña e Euskadi. Na súa primeira intervención parlamentaria, o 19 de setembro de 1931, ao soster unha corrección relativa ao texto do artigo 4º da Constitución, defendeu con grande emoción a lingua galega, á que veu cualificar como alma do ser nacional. Entre outras cousas, dixo entón: «O galeguismo é algo máis ca un partido político. E por ese algo máis que ten é polo que eu fun sempre galeguista. E de todos os problemas que interesan ao noso partido, ningún é para min máis importante que o que se refire á dignificación do idioma. Porque, señores deputados, se os galegos aínda somos galegos é por obra e graza da linguaxe, porque un cultivo estético e científico da nosa lingua vén ser a reconquista de todo canto tivemos e porque, perdéndose a nosa linguaxe, xa non nos quedaría ningunha esperanza de revivir». Cando se levantou a falar no Congreso nese primeira ocasión, recibiu unha grande ovación, o que é proba de que se lle atendía na Cámara con visible simpatía. Así mesmo interveu no debate para a aprobación do Estatuto Catalán, nun discurso no que proclamou o dereito de Cataluña á autodeterminación, pero propondo no contexto constitucional do momento fórmulas que protexeran á economía de Galiza dos privilexios arancelarios.
Con esta intervención e, en xeral, a liña que viña sostendo distaban de ser a doce parodia que algúns agardaban daquel simpático e humano caricaturista das húmidas provincias do noroeste, a prensa madrileña dedicoulle violentos ataques e, como réplica, Antón Villar Ponte organizou unha homenaxe de desagravio que lle tributou toda Galiza en Lugo, no mes de xuño de 1932. O erudito profesor portugués Rodrígues Lapa [fotografía inferior], ilustre filólogo e consecuente galeguista, ostentou no acto a representación da Universidade de Lisboa.
Outra das súas intervencións referiuse a un tema que lle preocupaba mo fondamente, como se exterioriza con abundancia nas páxinas de Sempre en Galiza: «A exención e inembargabilidade da pequena propiedade galega». Pero quizais a máis densa e máis política das súas actuacións fose a de maio de 1933, con motivo da interpelación ao Goberno dos deputados galeguistas, un tras outro, actuando en tándem, e na que Castelao tocou o tema secular do ferrocarril Zamora-Ouresne e o problema das comunicacións en xeral, arremeteu contra o caciquismo e o centralismo (con abondosas interrupcións de López Varela e Abad Conde) e se referiu ao Estatuto Galego, á política tributaria e aos problemas dos pequenos propietarios.
Con Castelao no Parlamento, aprobada a Constitución e constituído o Partido, os galeguistas centraron o seu labor no cumprimento dos requisitos constitucionais para a aprobación do Estatuto de Autonomía. No seu libro clave Sempre en Galiza, Castelao evoca un grande entusiasmo pola asemblea de corporacións locais convocada polo Concello de Compostela, que se celebrou nesa cidade entre os días 17 e 19 de decembro de 1932, con asistencia dos concellos e de todas as forzas vivas do país. No seu decurso, púxose de manifesto a vontade férrea e o talento luminoso de Alexandre Bóveda, que foi a alma da reunión. Aprobado o anteproxecto do relatorio, solicitouse do Goberno o decreto que habería de autorizar a celebración do plebiscito. É esencia, para entender a traxectoria política de Castelao, que a táctica do partido consistiu en gardar silencio (ata a chegada de mellores tempos) acerca da habilitación que supuña o decreto en cuestión, finalmente acadado con moitos esforzos o 21 de maio de 1933. En efecto, os galeguistas agardarían polo pacto electoral de 1936 para recruar a campaña polo Estatuto. Castelao perde o seu escano nas eleccións de 1933, logo da caída do goberno de Azaña. E durante o chamado ‘bienio negro’, tras o fracaso da revolución de Asturias e a frustración da insubmisión catalá, ábrese unha nova etapa na súa vida política. A xenreira de Lerroux e Gil Robles contra os autonomistas materialízase no desterro de Castelao e Bóveda, o primeiro en Badaxoz e o segundo en Cádiz. Tecnicamente, tratábase de traslados por conveniencias do servizo, dado que ambos eran funcionarios públicos, se ben era visible a intención de decapitar ao Partido Galeguista. Ambos os dous foron despedidos en Pontevedra por unha multitude entusiástica: unha contundente manifestación de popularidade e de solidariedade cívica co galeguismo. Dan testemuña da súa estancia en Badaxoz os artigos que datan dende abril ata outubro de 1935, cos que encabeza Sempre en Galiza. De que Castelao non estaba moi cómodo en Estremadura e de que vivía obsesionado pola necesidade de vixiar a Casares da fe o seguinte parágrafo dunha carta que dirixe a Ramón Martínez López, datada no ‘inferno de Badaxoz’ o 13 de novembro de 1935: «O casares estivo en Pontevedra, pero segundo me din non deixou aos amigos contentos. A que iría? Estou coa area na zoca». O goberno centrista de Portela Valladares puxo fin ao exilio de Castelao en 1935. Os grandes da política e da vida intelectual española réndenlle por escrito unha homenaxe de desagravia, que aparece asinada por Leopoldo Alas (fillo), Azaña, Besteiro, Bagaría, Álvaro de Albornoz, Antón Zozaya, Castrovido, etcétera. Entre os galegos figuraban Martínez-Risco, Emilio González López, Casares Quiroga, Viana, Federico Ribas, Máximo Ramos e outros.
As eleccións de febreiro de 1936, medindo o pacto electoral da Fronte Popular, convérteno novamente en parlamentario. Castelao refírese ao acordo formalizado entre o Partido Galeguista e Esquerda Republicana a finais de 1935, que comprometía a ambos sobre cláusulas como estas: ‘Republicanización de Galiza’, que comprometía aos galeguistas e ‘Autodeterminación política de Galiza’, que comprometía aos azañistas. Non cabe dúbida de que mediante a alianza da Fronte Popular, o Partido Galeguista atopaba a súa liña e é probable que o éxito operativo, consistente na votación plebiscitaria, non tería estado ao alcance das forzas do partido por si só e non se tería producido en condicións iguais sen o apoio dos grandes partidos de masas. Agora ben, a articulación da campaña propagandística si que foi labor principalísima do partido e a ela se entregou Castelao debuxando carteis (‘berros nas paredes’, chamáballes) e concorrendo a numerosos mitins.
Esta campaña absorbeu a actividade de Castelao durante os meses que van dende o 16 de febreiro ata o 28 de xuño, no que se plebiscita positivamente o Estatuto, cos seguintes resultados:
Coa esquerda a favor do Estatuto e a dereita coa abstención.
A actividade de Castelao para levar ás súas últimas consecuencias xurídicas e, polo tanto políticas o feito do plebiscito autonomista vai durar toda a guerra e toda a década que sobrevivirá. En efecto, o día 15 de xullo de 1936 está na comisión que entrega ao presidente das Cortes o texto plebiscitado do Estatuto. Para a súa entrada en vigor faltaba esencialmente a comprobación do cumprimento que se dera aos trámites e requisitos constitucionais e o acto de promulgación do Estatuto como lei do Estado español. A guerra civil estalou de inmediato. Castelao atribúe as dilacións posteriores das Cortes republicanas non só ao feito obxectivo da situación bélica, senón ao intento deliberado de impedir ou atrasar todo o posible a materialización xurídica da autonomía. Logo de ímprobos esforzos, Castelao consigue que o asunto do Estatuto cobre estado parlamentario, o que se realiza en sesión de Cortes celebrada en Montserrat o día 1 de febreiro de 1938. Castelao continuou as súas xestións ante o Goberno e o Parlamento no exilio. Castelao trataba de dar a maior formalidade posible ao feito autonómico, de tal forma que fose unha realidade política inmediata no caso de restauración da legalidade republicana. Así o Goberno no exilio, presidido por Giral lembrou ás Cortes extraterritoriais que estaba pendente o exame e aprobación parlamentarios do Estatuto galego, todo iso, na sesión do Congreso celebrada na cidade de México o 7 de novembro de 1945.
Na terceira xornada desa mesma sesión (o día 9 do mesmo mes e ano) constituíuse, tras un vivo debate, a Comisión do Estatuto Galego. Castelao ao dar a referencia, engade o seguinte comentario: «...e por resultas desto eu veño de ser ministro do Goberno que presidía Giral».
A guerra sorprendeu a Castelao en Madrid, que entre 1936 e 1939 canaliza a súa actividade política a través do Ministerio de Propaganda. Foi un dos organizadores das Milicias Galegas, ás que pertencía Henrique Líster. Tirou ao prelo o quincenal Nova Galiza, no que comezaron a se publicar os debuxos que servirían de base para os seus tres álbums de guerra de difusión ecuménica: Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos. Son debuxos de gran calidade, pero tamén de inmensa virtualidade política, por cuxa razón se citan neste lugar. En outubro de 1936 pronuncia un discurso en Barcelona, por invitación de la Generalitat de Catalunya. Por indicación do Goberno republicano viaxa a Moscova para expor as estampas da guerra civil, e tamén aos Estados Unidos e a Cuba para fomentar a unidade das entidades e comunidades galegas da emigración en torno ás ideas nacionalistas e á causa da Fronte Popular.
Neses meses insistirá moito na necesidade da unión por riba de matices ideolóxicos. Rematada a guerra, o 30 de xuño de 1940 embarca nos EE UU cara a Arxentina, a terra da súa primeira infancia. O recibimento da colectividade galega, baixo a presidencia do Centro Galego de Bos Aires foi apoteótico. Aí comeza a súa fértil etapa do exilio, na que desenvolve un vasto, constante e indiscutible maxisterio de galeguidade, mediante conferencias e artigos, conversas e, sobre todo, nesa etapa compón o seu libro Sempre en Galiza, considerado, con razón, como a biblia do galeguismo. A preimeira edición data do 10 de marzo de 1944, malia que na segunda engadíronse capítulos que rematou de redactar no paquebote ‘Campana’, en agosto de 1947. A súa enfermidade impediulle terminar a obra tal coma el a concibía. En 1944 créase o Consello de Galiza, en principio como fideicomisariado da vontade política do pobo galego e integrado inicialmente por catro parlamentarios galeguistas, entre os que Castelao figura como presidente. A entidade quedará aberta a calquera outro deputado no que primase a súa condición de galego sobre a disciplina de partido. Ao falecer Castelao, o ‘consello’ acordou deixar vacante a presidencia. En 1945 colabora con vascos e cataláns na fundación da revista Galeuzca, anagrama de Galiza, Euskadi e Cataluña, que se adoptaba como título en lembranza da alianza política en 1933 amparada co mesmo nome. Galeuzca existiu dende agosto de 1945 a xullo de 1946 e publicou 12 número integramente en castelán, como idioma accesible aos tres pobos concernidos na tarefa. Respecto ao cometido desta última, o editorial do primeiro número significa a finalidade de recoller «o principio de unión destes tres pobos seguindo o propósito de que integren con Castela (e, no seu caso, con Portugal), a Confederación que propugnamos».
Na sesión das Cortes extraterritoriais de México, de novembro de 1945, Galiza estivo representada pola minoría composta por Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos, Espidio Villaverde e Fernández Mato. A insistencia dos parlamentarios galegos propiciou a constitución da Comisión do Estatuto Galego. Viuse que Castelao se refire a esta sesión como o antecedente inmediato da súa designación para formar parte do Goberno no exilio presidido por Giral, que constituíu en 1946, con representantes de todas as tendencias da Fronte Popular, incluso do Goberno de Euskadi e da Generalitat de Catalunya e, como xa se dixo, do Consello de Galiza. No libro de Ramón Chao Rego Après Franco L’Espagne, publicado en París, refírese así á participación das forzas políticas de Galiza na composición do Goberno: «En 1940 celébrase a primeira asemblea do Partido Galeguista na clandestinidade, que decide a reconstitución do partido e a creación dun órgano de prensa. O PG contacta coas outras forzas da oposición e en 1943 convoca en Compostela ao PCE, ao PSOE, á CNT e a personalidades illadas da antiga Esquerda Republicana. Nesta reunión se reconstitúa a Fronte Popular de Galiza e se propón ao dirixente nacionalista Castelao para o cargo ministerial. De persoas que viviron directamente os feitos, recóllese a seguinte versión: ‘Por iniciativa galeguista, as organizacións democráticas do interior estiveron de acordo en solicitar a inclusión dunha representación galeguista no Goberno republicano do exilio e en propor a Castelao como ministro. A xestión realizouse en decembro de 1945 e se designou a Ramón Piñeiro para que expresase en Francia esta vontade das forzas galegas do interior, o que se fixo a principio de 1946. A candidatura opúñase á de Portela Valladares, que fora promovido pola dirección do PCE no exterior, e era apoiada de boa gana polo líder vasco Aguirre, entre outros, en razón do prestixio político que se supuña co que podía contribuír o ex xefe do Goberno republicano e ex ministro republicano e monárquico. Prevaleceu o peso moral e, unha vez cumprida a súa misión, foi detido en Madrid e condenado a seis anos de privación de liberdade’».
O 21 de decembro de 1947 Castelao defendeu cun discurso a unidade daquel amplo espectro de forzas representadas no Goberno do exilio, se ben a crise desa unidade era xa irreversible, acaso pola gravitación da guerra fría. A esas alturas xa está enfermo («o corvo», diría el). O cancro declárase en 1949 e falece o 7 de xaneiro de 1950, en Bos Aires, país no que continuou a súa testemuña de galeguidade ata a morte. Ata xullo de 1947 residira en París.
Pero a traxectoria política de Castelao non se pecha co ciclo da súa vida. O propio feito da súa morte e das súas exequias constituíu un considerable acto político no que se verteron salientables pezas oratorias: Gumersindo Sánchez Guisande, en nome do Goberno republicano; Xoán Lloréns, pola delegación catalá; Pedro Basaldá, polos vascos; Alonso Ríos, polo Consello de Galiza, e Eduardo Blanco Amor, pola colectividade galega en xeral. Tamén son feitos políticos póstumos de Castelao o ter merecido a dedicatoria de sendas prazas, que bautizaron co seu nome os concellos de Morón e Bos Aires, e dun monumento que acordou erixirlle o senado da Arxentina. O vintecinco aniversario da súa morte (1975) constituíu unha longa e permanente homenaxe do pobo de Galiza a Castelao, definitivamente convertido nun símbolo da patria galega.
Non cabe no marco dunha nota biográfica a exposición e menos aínda a valoración do pensamento político de Castelao. Máis prudente é remitir ao lector á súa ampla bibliografía política e, sobre todo, á ideoloxía do Partido Galeguista, que Castelao asumiu fondamente, e cuxa lacónica declaración de principios xa foi reproducida.
Xosé Manuel Beiras Torrado eloxiou xustamente a capacidade de síntese demostrada no seguinte parágrafo de Sempre en Galiza, que se transcribe polo que ten de representativo en canto ás ideas políticas de Castelao e pola validez do diagnóstico que contén mesmo nos nosos días: «Pódese dicir que Galiza é un país precapitalista, poboado por traballadores que viven dun mísero xornal, que eles mesmos sacan da terra ou do mar; sen industrias dabondo para absorber o excedente de poboación labrega e mariñeira; cun paro forzoso e cun déficit pecuniario constante, que se resolve pacificamente por medio da emigración. En fin, Galiza ten unha vida diferenciada dentro de Hespaña, cunha morfoloxía social e económica tan peculiares que, por representar problemas minoritarios, queda sempre á marxe da Lei xeral do Estado e das preocupacións xerais que a loita de clases representa no mundo capitalista».
Castelao insistiu sempre (fronte ao interesado tópico posto en circulación por un centralismo incomprensivo) en que o Partido Galeguista e el non eran separatistas, senón que o centralismo teimudo é o separador, e para dar fe do seu talante universalista pretendeu pechar o último capítulo de Sempre en Galiza, que chegou a escribir, con esta lista de principios que nos propón como síntese do seu ideario: Autonomía integral de Galiza para se federar cos demais pobos de Hespaña; República Federal Hespañola para se confederar con Portugal; Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea, e Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial. [compilación recollida da GEG]
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)