DESASTRE
Por Xoán Xosé Millás
Os membros do Constitucional deberían aceptar que se en catro anos non foron quen de decidir sobre se un texto se axusta ou non a dereito, algo raro lles pasa a eles, malia que culpen ao texto. En catro anos pódense gañar dúas oposicións a xuíz, pódense ter varios fillos, pódese escribir unha obra mestra, pode un morrer 200 veces. En catro anos un neno convértese en adolescente, un adolescente en novo, un novo nun home. En catro anos pódese casar un e descasar, pode aprender inglés, facerse experto en viños, arruinarse, enriquecerse, reproducirse, morrer e descomporse na tumba. Catro anos dan para moito, por favor. Estamos a falar de catro nadais, catro semanas santas, catro cursos escolares, catro vacacións de verán. Non quere un pensar que os xuíces do Constitucional non traballen, pero deberían explicar por qué traballan tan a modo, por qué van a ese ritmo. Ás veces dá a impresión de que o seu reino non é deste mundo.
E non é no único no que se parece ao Vaticano. Un pode imaxinarse a moitos dos seus membros exercendo de Papa e ao Papa exercendo de xuíz Constitucional. Falan igual, argumentan igual, se relacionan cos pobres mortais igual e seguramente teñen as mesmas inclinacións políticas. Sen saber nada de leis, pensa un que o Constitucional debería funcionar coma un individuo. A min danme a xulgar o Estatut (Deus non o permita) e gústame ou non me gusta, ou gústame e non me gusta á vez, o que implicaría negociar comigo mesmo. Pero de pagarme por iso, non me levanto da mesa ata lograr un pacto. O Constitucional non pode mostrarse como unha instancia esquizofrénica, con dous ou tres vidas incompatibles en marcha. Se non consegue acordos consigo mesmo, que se pegue un tiro en vez de pegárnolo a nós. [EL PAIS, 23 de abril de 2010]
Visualizacións de páxina totais
28 de abr. de 2010
27 de abr. de 2010
VIDAS TRUNCADAS
Frank Isaac País García
(Santiago de Cuba, 1934-1957). Fillo de galegos de Marín (Pontevedra) que emigraron a Cuba, cursou estudos de arquitectura e graduouse como mestre na Escola Normal de Mestres de Santiago de Cuba. Integrado no Movemento 26 de Xullo e considerado ‘mártir da revolución cubana’, salientou como un dos principais dirixentes da Asociación de Estudantes e do movemento latinoamericano da reforma universitaria. No Bloque Revolucionario Estudantil Normativo, constituíu a Federación Local de Centros de Segundo Ensino e promoveu o Directorio Estudantil Revolucionario. A súa postura en contra da ditadura de Fulxencio Batista levouno a solicitar armas para defender o goberno democrático de Carlos Prío Socarrás. Pese ás súas influencias cristiás, entregouse plenamente aos ideais revolucionarios da época, fundando a Acción Revolucionaria Oriental (logo denominada Acción Nacional Revolucionaria) co fin de organizar a loita armada contra a ditadura.
Frank País, que promoveu xunto a Fidel Castro o Movemento 26 de Xullo (1955), foi designado xefe de ‘acción e sabotaxe’ e dirixiu o levantamento armado en Santiago de Cuba (1956) en apoio dos expedicionarios arribados a Cuba dende México no iate Granma. Detido e xulgado pola súa participación nas loitas contra o réxime, logo de ser absolvido grazas á presión popular, dedicouse especialmente á organización e apoio á guerrilla rebelde na serra Maestra, así como a espallar a insurrección en toda a illa.
Un mes despois da morte do seu irmán Xosué, Frank País foi abatido nunha calexa de Santiago de Cuba en circunstancias aínda non aclaradas. En resposta ao seu asasinato, declarouse unha folga xeral en Cuba e o seu soterramento organizouse como un desafío á ditadura de Fulxencio Batista, coincidindo coa máis ampla manifestación popular coñecida ata entón na cidade oriental cubana. [Ilustración de Xavier Dans Mayor] ***
26 de abr. de 2010
ABRIL LIBERTARIO
Na Casa das Atochas da Coruña
Restan uns días para o remate das VII Xornadas Anarquistas baixo o título de Abril Libertario. Na Coruña é a Casa das Atochas quen acolle os actos finais: Debate sobre macrobiótica (xoves 29) e Insubmisión ás penas de multa (venres 30).
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)