Visualizacións de páxina totais

14 de abr. de 2010

EGUNKARIA



















Liberdade de expresión


O xornal ‘euskaldunon’ Egunkaria, derrubado, esnafrado, esnaquizado e torturado polo sistema xudicial, revive sete anos despois do seu asasinato. Os togados fallan en contra do especial interese das asociacións Dignidade e Xustiza e Vítimas do Terrorismo, empeñadas en encadear aos responsables da publicación por máis de quince anos.

Estas asociacións acosadoras propuxeron a varios membros da garda civil como peritos-testemuñas, que agora sen embargo non lle merecen credibilidade á Audiencia Nacional por «non ter coñecementos técnicos, artísticos ou prácticos».

Unha chapuza, como tantas outras. A Audiencia valora tamén as declaracións dos procesados en relación coas torturas e malos tratos que sufriron durante a detención incomunicada: constata que «non houbo un control xudicial suficiente e eficiente das condicións da incomunicación», que no seu momento negou o ministro de quenda, interpondo unha querela contra os cinco ‘castigados’ por denuncias falsas de tortura e inxurias e calumnias contra a garda civil.

Martxelo Otamendi, director do xornal, denunciou ante as cámaras de televisión o trato cruel e inhumano que recibiran por parte dos uniformados: «Non hai dereito. A Xoán Mari Torrealdai, de sesenta nos, unha eminencia da cultura vasca, déronlle tremendas tundas; a Xabier Alegría practicáronlle sesións de ‘bolsa’, e a min tamén por dúas veces... Incrible que en 2003 existan semellantes buracos negros en institucións coma esta, e con semellante impunidade... Impórtalles pouco calquera dereito, dálles igual a túa situación, dálles igual que non saibas nada. É igual. Tes que dicir algo para saír vivo».

Malia que a destempo, a Audiencia Nacional vén de considerar inconstitucional os procedementos políticos, xudiciais e policiais que levaron ao peche do xornal Egunkaria e á detención dos seus promotores.

O único delito que cometeu Egunkaria foi utilizar o idioma de seu.

REPÚBLICA
















A Constitución española foi un amaño

Dende que a denominada ‘Transición’ negociou coa clase política ‘esta Constitución si ou quedamos como estamos’, truncouse a liberdade real dunha sociedade encadeada polo fascismo durante corenta e tantos anos.


Primeiro ataron todo o que o xeneral dispuxo no seu testamento: o ‘fillo’ de Franco, de primeiro. Punto número dous: monarquía a continuación. Estes dous puntos reflicten claramente a vontade dos redactores dunha biblia estatal que non deixa lugar a dúbidas, que expresado popularmente na nosa linguaxe galega tan específica, significaría ‘é o que hai’.

E é certo. É o que hai. Non hai máis. Son moitos e ben armados. E as posibilidades de botalos a todos cunha patada no cu, por exemplo, son escasas. Ademais teñen moitos dogmas que non queren que se lles toquen, e moitas truculencias tortas, caso por exemplo da laicidade do Estado. Se o Estado é laico por que o Goberno aproba funerais de Estado? E por que subvenciona á Igrexa Católica maioritariamente? Se a máxima representación popular a ostenta a sociedade a través do Parlamento, por que unha institución allea como é o Tribunal Constitucional pretende estar por riba do aprobado no Parlamento? Etcétera.

Este tipo de cuestións establecen de xeito claro que este sistema ‘democrático e monárquico constitucional’ non foi máis ca unha truculenta farsa herdada polos mesmos ‘fillos’ do franquismo e ‘abonada polos curmáns’ que agardaban a súa oportunidade para pillar parte do pastel (PSOE, PC, por exemplo). Antes de que iso acontecese, antes de que en 1936 un funcionario pagado pola sociedade decidise rebelarse contra esta, España era unha República, cun presidente elixido democraticamente. Isto é, o máis democraticamente posible, tendo en conta que sempre é difícil votar democraticamente dadas as desigualdades sociais. Pero era un presidente legal, elixido mediante sufraxio universal.

E, como mínimo, a sociedade merece respecto, que non se lle minta. A bandeira e a República non son máis ca símbolos, pero de momento serven como arma contra as imposicións. E, como dixera Salvador Allende, chegará un día, máis cedo ca tarde, en que o home libre poderá decidir a súa propia identidade sen ningún tipo de presións nin trampas de filibusteiros.

A fotografía de Clelia Zucca mostra a membros da Agrupación Republicana rememorando o 14 de abril na Coruña.