Fíxense qué democracia é esta que antes de depositar o voto nas furnas xa se coñece o resultado. Por que será? Moi fácil: porque todo está amañado.
Sen sequera recorrer ao subterfuxio da lei electoral, que premia ás maiorías, hai unha cousa clara: trátase de que se continúe, perpetúe, o sistema de sempre: a escravitude.
E non é o caso de activar as conciencias para que contribúan á conxunción dunha sociedade solidaria, porque a brutalidade de centos de anos sen historia propia inchou os corazóns das nacións máis antigas.
E en Galiza andamos como andamos. A nosa identidade vaise minguando, perdendo, e a pouco que nos despistemos, de non nos defender, deixaremos de existir.
Esta é a democracia parlamentaria que premia aos inútiles, espelidos e, ás veces, ata aos criminais. Non é en realidade máis ca o poder dos especuladores, escravistas (ademais, nunha porcentaxe mínima, que iso si que ten bemoles), que a través dos seus ‘encantos’ fan bailar á serpe ao seu antollo. Cando, en todo caso, sería a serpe quen debería facerlles brincar a eles.
Trátase, pois, xa dunha vez e para sempre, de aprender a lección. ‘Hai que botalos’ definitivamente. Non votalos. E para iso cómpre facer camiño, andar e meterlles, como mínimo, o medo no corpo.
Neste caso, é revolucionario votar nulo, en branco ou a calquera das opcións progresistas minoritarias. Á dereita disfrazada e á de sempre, merda.
Nós estamos con Quilapayún [http://www.youtube.com/watch?v=LWlkWPXfvXc]: «O pobo unido xamais será vencido».
Pódese tardar. Pero hase conseguir. Non o dubidedes.