Visualizacións de páxina totais

3 de xuño de 2010

PAJÍN













«Home branco fala con lingua de serpe», así reza o retrouso da canción de Xavier Khrae dedicada ao entón presidente do Goberno español Filipe González.

Á marxe de que sexa tamén válida para o actual presidente do Goberno, a número tres do PSOE, Leire Pajín, fala mesmo con lingua de serpe. Cando lle preguntan, responde coa retórica propia dos mentiráns, que remata cun medio sorriso de figurino. É estraño que alguén tan novo coñeza tan ben as artimañas propias dos camaleóns.

Da moza Pajín descoñecemos canto ingresa mensualmente pola súa colaboración extraordinaria no PSOE, pero deben ser algo máis dos 600 euros de salario mínimo interprofesional establecido polo Goberno.

A funcionaria Pajín a través do seu medio sorriso de suficiencia parece non sentir rubor ningún sobre o que esculpe a súa retórica bizantina (fría, vella, podre, estulta e torta). Semella que a moza funcionaria Pajín está xa integrada no grupo dos anciáns a piques de se xubilar.

E qué pena. Porque se este é o xerme que pretende acadar unha maior xustiza e equidade social, aviados estamos.

1 de xuño de 2010

Palestina



A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou en 2009 o seu presuposto para o bienio 2010-2011, que ascendeu a cinco mil cento sesenta millóns de dólares (os gastos por intervencións non están incluídos).


Estes miles de millóns de dólares utilízanse principalmente en cubrir as necesidades da burocracia da organización.

En 2006 a ONU contaba con 192 membros. Israel pertence á ONU; Palestina, non.

A Corte Internacional de Xustiza, con sede en Holanda, é o principal órgano xudicial das Nacións Unidas, sen embargo non é respectado polos EE UU.

Pese á posición ambigua da ONU, EE UU invadiu Iraq e a ONU mirou para outra parte.

EE UU financia ao exército israelí e apoia a súa política represiva e de terra queimada.

A ONU cala ou non recibirá a cota estadounidense.

31 de maio de 2010

'BUSCANDO O MILAGRE'

Bas Jan Ader


Era o que pretendía Bas Jan Ader (Winschoten, Groningen, Holanda, 1942) cando trataba de completar a segunda parte do seu proxecto In search of the miraculous: navegar nun bote de algo máis de catro metros dende os Estados Unidos de América ata Europa.

Bas Jan Ader viviu dende 1963, ata a súa desaparición en 1975, preferentemente en California. E foi o peirao de San Diego (California) quen o viu partir e outro peirao de San Diego (A Coruña) quen viu chegar seu bote (recuperado no medio do océano polo pesqueiro galego Eduardo Pondal).

A súa obra, unha combinación de crítica, traxedia e sarcasmo, propón a morriña manifesta na arte europea mesturada co soño americano, cunha sensación global de perda e tristura. Nun dos seus traballos aparece chorando: as bágoas caen polas súas meixelas nunha especie de cadro traxi-cómico.

O Centro Galego de Arte Contemporánea ten aberta dende o 28 de maio ata o 5 de setembro de 2010 unha exposición centrada arredor do seu traballo artístico, compilación acompañada dunha curtametraxe documental na que aparecen parte das testemuñas que lograron o rescate do bote do artista holandés, un traballo de Fílmica Galaica, realizado por Roi Carballido.

Segundo Pedro de Llano, comisario da exposición, o proxecto In search of the miraculous: trinta anos despois «céntrase no último episodio dunha vida creativa marcada pola aventura e por un constante e persoal desafío dos límites naturais e culturais. Cunha minúscula lancha deportiva enfrontouse en solitario á insuperable enerxía do océano co obxectivo de experimentar sensacións e percepcións que conducían a territorios descoñecidos, tanto no físico coma no psicolóxico. Lamentablemente, o resultado foi a súa desaparición. Pero o Ocean Wave, o bote no que o artista se dispuxo a realizar a súa obra póstuma, en xullo de 1975, foi atopado meses despois, semiafundido, no Gran Sol, polo barco pesqueiro Eduardo Pondal, con base no porto da Coruña».

Como curiosidade reflectir que, malia á proposta sociolóxica da época sobre o consumo de estupefacientes para investigar nas máis variadas formas de arte, Ader parece que permaneceu á marxe. Pedro de Llano aposta porque, «sen dúbida, Ader seguiu ao pé da letra o verso de Píndaro (...), mentres trataba de acadar o cabo de Land’s End, en Inglaterra: ‘Ou, miña alma, non aspires á vida inmortal, mais esgota o campo do posible’».