Visualizacións de páxina totais
3 de feb. de 2011
Cabodano do seu nacemento
Castelao escritor. Ricardo Carballo Calero e Carme García Rodríguez ilústrannos sobre a faceta de Castelao como escritor.
En 1922, coa publicación na colección Céltiga de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, xorde Castelao como narrador no ámbito das letras galegas. O paso do novo autor é o dun artista (un pintor de grandes esperanzas) e un humorista satírico que emprega o lapis ou a pluma para comentar as incidencias da picaresca política ou os desequilibrios da organización social do seu país. Agora, coa publicación de Un ollo de vidro, o proteico home de Rianxo se inscribe brillantemente no catálogo de prosistas que se esforzaban por entón en facer do galego un idioma suficientemente expresivo para servir de vehículo adecuado á literatura de ficción.
Castelao, nunha conferencia pronunciada en 1920 na Coruña (Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura) e publicada en 1961, dera a coñecer un prototipo da narración á que nos estamos a referir. Este relato sitúase nunha continuación con outros medios da obra gráfica que ata entón realizaba Castelao. Denominamos relato a esta obra, pero en realidade trátase dunha suma de breves historias xustapostas, técnica que logo empregará Castelao en Os dous de sempre. En Un ollo de vidro, de feito, hai funcionalmente dous narradores: o prólogo e o epílogo están narrados en primeira persoa e neles fala o autor, isto é, Castelao, o médico, o antigo estudante en Compostela. A narración das memorias parte dun ‘esquelete’, tamén en primeira persoa. Estas memorias están formadas por biografías de defuntos que o ollo de cristal, que non servira para nada en vida ao seu dono, ve e observa nun cemiterio de cidade. Polo que di o autor no epílogo, semella que pensaba completar esta obra cunhas memorias sobre un cemiterio rural, propósito que non se concretou. A obra está chea de alusións satíricas de tipo político e social. O final das historias, cun cacique convertido en vampiro, imprímelles un marcado carácter anticaciquil. Hai, como en case toda a súa obra literaria, ilustracións gráficas realizadas polo propio Castelao [embaixo, Castelao visto por Xavier Dans Mayor].
En 1926, na Coruña, publicado pola editorial Lar, aparece o primeiro libro de Cousas. Castelao reúne neste libro dezanove prosas narrativas que foran publicadas con anterioridade nalgún xornal ou revista. Todas, agás a primeira, A carón da natureza, están acompañadas dun debuxo que serve de ilustración e inmobiliza a historia narrada nun momento determinado da mesma. O Segundo libro de cousas, continuación do anterior, publícase en 1929 pola editorial Nós, na Coruña. Neste segundo volume, que consta de vinteseis prosas distintas das do primeiro, a editorial anuncia a aparición de novos libros de Cousas que, sen embargo, non se concretaron. En 1934 a editorial Nós, xa en Compostela, publica, reunidas nun volume, as ‘cousas’ publicadas nos dous anteriores. Nesta edición, a última realizada en vida de Castelao, se basean as edicións actuais. Trátase, pois, de corenta e catro prosas, cada unha ilustrada con un debuxo, e precedidas unha introdución titulada A carón da natureza. Nesta prosa, que non é unha ‘cousa’ senón un prólogo, Castelao conta como na natureza, na paisaxe, hai cousas que non pode pintar o pintor que soamente sexa pintor, ofrecéndonos exemplos:
«É no intre en que a terra, para se durmir, vaille virando as costas á luz e o fume das tellas, mesmo e leitoso, vaise esparexendo no fondo do val. Non é cousa do outro mundo pinta-lo que ven os ollos, que serán comestos polos vermes; pero na paisaxe hai máis cousas que fitar, pois naquel muíño cantareiro dous namorados danse o primeiro bico e naquel pazo do castiñeiro seco ouvean os cans.»
Para poder representar a paisaxe na súa totalidade, Castelao ten que ser tamén escritor, porque non pode renunciar a expresar estas cousas que non poden ser apreciadas nunha pintura, nun cadro. Esas cousas son as Cousas que nos brindará o autor de Rianxo. Como dar forma a esa substancia? Castelao, no último parágrafo do prólogo, di: Hai máis fermosura nas froliñas dos campos ca nas froles de xardín. Isto significa amor ao natural, pero non rexeite da cultura. A arte de Castelao é unha arte oculta, malia que de temática popular.
As prosas de Cousas son todas breves e presenta, xeralmente, unha temática aldeán ou mariñeira. As biografías poden ser simplemente descritivas («Chámanlle a marquesiña») ou apuntar un acontecemento («O rifante»). Ao carón das biografías humanas, aparece tamén algunha cuxos persoeiros son animais, caso de O burro non bulía nin chisco ou Manter un animal para comelo. O asunto do cadro pode ser un obxecto («Onde hai un cruceiro», «Na cova dos carcamáns»), se ben aínda neste caso sempre hai unha referencia ao ser humano: o obxecto representa a un ser humano. Hai tamén topografías: Camiño esquecido ou A ponte vella. Pártese dunha descrición de lugar pero, como xa o autor indicara no prólogo, na paisaxe hai algo máis ca o que ven os ollos: a historia dese camiño e os ‘amores e as traxedias que leva no lombo’ a ponte vella. A maior parte das cousas, incluídas as que presentan aparencia de contos, están impregnadas dun profundo lirismo. Son de contido dramático, por exemplo, Chamábanlle a marquesiña, Dous vellos que tamén tiveron mocidade; de contido cómico, Aínda eu non nacera, Romualdo era un home fino. O humor negro aparece tamén nalgunhas ‘cousas’: O alquilador, O vello Saramaguiño, Vou contarvos un conto triste (se ben hai algunhas que carecen de todo tipo de humor: A ponte vella ou Onde hai un cruceiro).
Castelao pon exquisita atención en axeitar a carga sentimental ao ritmo prosódico. Chámanlle a marquesiña esta escrita en versos paralelísticos. Cada período componse de dous hemistiquios, un deles constante (chámanlle a marquesiña) e outro variable, que contrasta co fixo. No versículo final, desdobrado graficamente, a orde dos hemistiquios está invertida, para marcar máis o carácter final do poema. Construcións paralelas, similicadencias, incluso versos perfectamente medidos, son recursos empregados por Castelao nas Cousas. Finais enfáticos, recorrencias rítmicas, paralelismos sintácticos, coidadas cadencias, dan carácter marcadamente melódico a esta prosa.
As Cousas constitúen a creación máis orixinal de Castelao, coas que atopou a súa forma de expresión literaria ata tal punto que podemos explicar formalmente toda a obra narrativa deste autor partindo delas. Un ollo de vidro, Retrincos e mesmo a novela Os dous de sempre están concibidos formalmente como ‘cousas’ máis ou menos distendidas, máis ou menos ampliadas, ou como series de ‘cousas’ xustapostas, coordinadas ou subordinadas. Se comparamos a prosa de Castelao coa dos seus compañeiros de xeración, vemos que, en intuición lingüística, no ritmo da frase, na coherencia do estilo, non hai quen o supere. A sinxela sintaxe que presenta a súa prosa, a claridade conceptual e a harmonía rítmica son produto dun laborioso esforzo, só perceptible, sen embargo, na análise filolóxica.
O galego empregado por Castelao nas obras puramente literarias é de gran calidade artística. Parte, para a elaboración deste galego, do galego popular, que por selección converte en literario. Así logra unha expresión de gran naturalidade e elegancia, evitando os dous grandes escollos que historicamente produciron tantos estragos nos prosistas galegos modernos: o vulgarismo chocalleiro e a artificiosidade hipercasticista.
En 1934 editáronse e imprimíronse en Compostela pola editorial Nós o libro de contos Retrincos, agora reunidos por vez primeira nun volume, pero xa publicados en parte anteriormente, e Os dous de sempre, a única novela que escribiu Castelao.
Os contos reunidos en Retrincos non son presentados como autobiográficos e están ordenados cronoloxicamente de acordo coa antigüidade das vivencias que narran. Así, O segredo e O inglés preséntannos ao Castelao que de neno vive na Pampa arxentina, donde os seus país tiñan unha ‘pulpería’ (tenda). É estudante en Compostela cando fai o cabezudo inspirado na persoa de Peito de Lobo. Cando Melchor, o taberneiro, o require para que faga un debuxo do seu fillo moribundo (O retrato), o noso autor xa abandonara o exercicio da profesión médica. E no último dos contos, Sabela, o narrador aparece como deputado a Cortes. Un ollo de vidro, Cousas e Os dous de sempre levan ilustracións gráficas de Castelao. Non ocorre así con Retrincos: as ilustracións que aparecen nesta obra non son orixinais de Castelao, senón de Maside. Como toda a obra literaria de Castelao, estes contos están coidadosamente escritos. Non son máis de cinco, e de dimensións reducidas, pero iso foi o que permitiu a Castelao pulilos, retocalos, axustalos de xeito que na versión definitiva teñen a perfección dunha obra mestra de artesanía. Son como ‘cousas’ desenvolvidas. O final de cada conto é de particular brillantez. Nestes finais culmina o proceso narrativo, a modo de clímax, e entón o conto acaba cunha nota aguda que corta de súbito a información, ou ben logo de que a acción alcanzara o cume do seu desenvolvemento, o autor escribe algunhas liñas máis, que conteñen unha reflexión, comentario ou epílogo que entraña unha distensión, un anticlímax.
En Os dous de sempre segue Castelao a mesma técnica empregada en Un ollo de vidro ou en Retrincos. A novela está realizada mediante a xustaposición de pequenas unidades narrativas, os capítulos, que tenden a ser completas en si mesmas e con desenlace propio. De todos modos hai maior unidade relativa, porque o dobre protagonista se mantén ao longo de toda a obra. Trátase dunha novela picaresca ou contén unha novela picaresca. As aventuras de Rañolas pertencen claramente a ese mundo e, malia que Pedro non sexa un pícaro, a súa vida é tamén contada a modo de novela picaresca. A dualidade de protagonistas, xa indicada no título, arrédanos do tipo corrente de novela picaresca, que soe ser de protagonista individual, como non consideremos o indispensable binomio amo-criado. Na portada da novela hai unha viñeta de Castelao na que aparecen un paxaro e un batracio, o primeiro pousado no alto dunha planta, o segundo acubillado baixo dela. O inconformismo idealista de Rañolas e o somnolento pancismo de Pedro poden ser vistos respectivamente como unha encarnación da actividade e unha encarnación da pasividade humanas. O primeiro representa a vida intelectiva e o segundo a vida vexetativa. O Rañolas é o home ‘pneumático e Pedro o home hílico’. A novela de Castelao trata de representar aos dous tipos humanos fundamentais.
Os vellos non deben de namorarse é a única contribución de Castelao ao teatro galego. Esta obra estreouse en Bos Aires en 1941 e foi publicada por vez primeira por Galaxia en 1935. Consta de tres lances, un prólogo e un epílogo. O prólogo é unha declaración do autor sobre a obra, e non é necesario aos efectos escénicos desta. Seguen os tres lances independentes, que son, en realidade, versións distintas do mesmo drama: tres historias de vellos namorados que acaban coa morte dos mesmo. Os persoeiros son distintos en cada lance, exceptuando o coro, formado por dez mulleres, que aparece nos tres, malia que con caretas diferentes. No primeiro lance, o boticario don Saturio, ‘vello namoradizo’, que pretende a Lela, ‘moza requentada na súa propia malicia’, se envelena con solimán ‘porque os vellos que se namoran das mozas novas buscan a morte’. No segundo lance, don Ramón é un ser degradado e morre dun xeito ignominioso por intoxicación etílica. No terceiro lance, os persoeiros son máis nobres, teñen maior valor moral. O señor Fuco é un labrego rico que pretende a Pimpinela, ‘rapaza bonita’ namorado do Mozo e cuns pais moi pobres. Casa co vello e este morre ‘farto de felicidade’. Este terceiro lance foi o primeiro que compuxo Castelao, e concibiuno orixinariamente como unha peza independente (nela trataba por vez primeira o motivo do vello namorado). O epílogo é unha escena de cemiterio na que os esqueletos dos tres vellos dialogan.
A escenografía xoga un importante papel na representación desta farsa. Os persoeiros van enmascarados. Os vestidos, os panos de cores que o señor Fuco regala a Pimpinela, os xogos de luces e outros artificios dan a esta obra un carácter de pintura animada, de espectáculo na que se mesturan literatura, musica, movemento e luminotecnia. [Compilación recollida da GEG]
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario