Como vostedes
saben, este periódico é moi ben falado. Procuramos, por exemplo, non dicir que
estamos ata os collóns para expresar que estamos fartos. E evitamos no posible
palabras como merda. Así que cando a un lle entra gana de dicir que está ata os
collóns de non ver máis que merda dende que se levanta ata que se deita,
reprímese e pon que xa está ben, recoiro, de provocar. A ver se non é unha
provocación o dos 38 millóns de Bárcenas, reunidos a base de levar a
contabilidade dunha panadería polas noites e de vender enciclopedias a
domicilio os sábados pola mañá. Como chamar, por outra parte, ao do seu falso
despedimento e ao galimatías en diferido de Cospedal, que nun minuto é quen de
dicir máis mentiras das que caben en dúas horas? E como dixerir o dos 21.300
euros mensuais que lle pagaban as mesmas persoas que a vostede e a min nos
impoñen austeridade e nos recomendan aspirinas para a hepatitis? 21.300 euros,
por certo, de vostede e meus, dado que o PP se financia cos nosos impostos. Por
se non bastara, agora quizais teñamos que facernos cargo tamén do paro dese
multimillonario e defraudador fiscal, valga a redundancia, que manexa a Rajoy
como a un monicreque.
Pero o telexornal
está empezando. Aínda non saíu a princesa Corinna botándonos en cara os
traballos confidenciais que realizou para este pobre país sen cobrarnos un duro
(grazas), nin emitido as imaxes desa nena con epilepsia á que Ana Mato condenou
a morte. Aínda non apareceu o analista de quenda que cualificara a Monti de
realista (dende que idea de realidade?) e a Peppe Grillo de pallaso (comparado,
digamos, con Montoro?). Querido redactor xefe, é ou non é para escribir con
todas as letras que estamos ata os collóns da merda que nos obrigan a tragar
dende a mañá ata a noite?
Imaxe de Ataúlfo de Ferabrás |