Visualizacións de páxina totais

18 de xan. de 2013

Revista de Prensa ||| EL PAÍS [11 xaneiro 2013]










Como se deduce do orballo que sobre a xestión das caixas continúa a sobordar á prensa, foron moitos os cómplices que por acción ou omisión, e sempre pola pasta, conducíronas á ruína. Agora ben, o labirinto informativo, tan confuso, tráenos á memoria a imaxe destas teas de arañas sometidas a un tratamento de LSD que tanto xogo fotográfico deron hai anos nas revistas científicas. Ignoramos se os conselleiros e demais responsables das caixas se metían un ‘tripi’ diario, pero vendo a Rato con aquela cara de abraiado tocando alegremente a campaíña na sede da Bolsa uns días antes do desastre de Bankia, temémonos o peor. Iso si, drogado ou non, debeu alucinar cando co seu currículo ofrecéronlle traballo na Telefónica. Por qué?, preguntaríase. Ou quizais non, quizais el coñeza a resposta, que sen dúbida é de cárcere.
E aí andamos nós, tentando desensarillar a tea de araña louca coa que foron caendo coma moscas individuos de dereitas e de esquerdas e de medio centro, sen mencionar aos que pasaban por aí e que se favoreceron ao parvo das inxestións masivas de ácido lisérxico dos nosos próceres. Que pintaban na Caixa Madrid, maldita sexa, os concelleiros de CCOO e de UXT e do PSOE e de IU, a parte de mover o rabo e pór a man? En que pensaban os seus dirixentes? Por que o xuíz non chamou a declarar a Esperanza Aguirre, que se gababa de ter quitado do consello a un ‘fillo de puta’ para meter a outro, como quen muda de sitio os mobles da sala? Onde estaba o Banco de España cando toda esa panda de chourizos asinaba a cegas o que se lle puña por diante? E por último, comerase Telefónica a todos os imputados de delitos tan graves ou repartiranos entre si o resto das empresas privatizadas, para que a corrupción non se concentre tanto?

Rato tocando a campaíña ||| RTVE








16 de xan. de 2013

Gas Natural Fenosa









Con nocturnidade e aleivosía, a empresa Gas Natural Fenosa multiplica unha e outra vez as súas finanzas grazas ás necesidades dunha sociedade sen capacidade para impeler tanto furto permanente.

Malia que lles solicites que baixen a potencia, que non necesitas tanta, parece que non teñen présa ningunha. A resposta é que aínda hai prazo, claro, para seguir cobrando.

Non hai por onde collelos, primeiro porque agora quen desexe preitear deberá pagar (ás veces máis do que un desexa protexer), e segundo porque non é posible o enfrontamento cunha empresa amparada pola normativa.

Fíxense: Hai ben pouco, habitualmente, un pagamento mensual de electricidade non superaba cada dous meses uns trinta euros. Pois na actualidade a media mensual está nos cincuenta euros, mínimo (sen facer ningunha loucura: prender a lavadora de cando en vez, a cociña ou un pouco a calefacción para quentar o cuarto...). E nin sequera esquilman de xeito periódico, non: fano como lles peta: 3 de abril, 2 de maio, 8 de xuño, 5 de xullo, 31 de xullo, 4 de setembro, 2 de outubro, 18 de decembro, 20 de decembro e 31 de decembro. Tres recibos no propio mes de decembro. E non crean que son números baixos (48,16 euros; 43,64 euros, e 55,64 euros). Cando lles replicas, logo dunha hora de tentativas a un teléfono de pagamento (así lles renda máis) para dar con alguén que explique o porqué de tal loucura, contestan moi amablemente que está todo ben, que é así e non hai que facer. Todo correcto.

«Porque non me quedan xa caixas de dinamita, gasteinas todas loitando contra tanto mangante, porque se non plantáballes unha alí, na súa sede, a todo o consello», díxolle un dos moitos sufridores, aburrido de gastar as enerxías en loitar contra tanta parvada. Parece que á amable interlocutora, que anteriormente tratara de convencelo de que todo era polo seu ben, non lle pareceu adecuado e colgoulle o teléfono sen máis.

Extorsión é a utilización da violencia, «a ameaza ou o engano contra unha persoa, co fin de obter dela algún proveito». Esta é a fórmula á que recorren moitos dos abastecedores dalgún dos elementos ‘obrigatorios’ na vida social actual: primeiro engánante coa súa necesidade e baixo custe e logo, se non pagas, ameázante co corte de subministro, así morras de frío, fame ou sede.
Sede de Gas Natural Fenosa en Barcelona ||| RTVE








  


14 de xan. de 2013

Proxección no Castelo de Castro Caldelas








Na véspera doutra edición da Festa dos Fachos de Castro Caldelas (Ourense), Fílmica Galaika presenta o vindeiro venres (día 18 de xaneiro de 2013), contra as oito do serán, o seu traballo ‘Lume de fachos’. Será no castelo de Castro Caldelas.

‘Lume de fachos’ pretende descubrir «dende unha perspectiva antropolóxica» unha das moitas festas tradicionais galegas, neste caso a Festa dos Fachos, que data do ano 1753. Parece que a súa orixe débese á peste que azoutou a comarca de Caldelas. A veciñanza, como función desinfectante, considerou a utilización dos fachos para loitar contra a peste. Fálase tamén de alucinacións, de que algúns veciños «viron a Deus, que lles comunicou que a peste remitiría de lle erixir un altar a San Sebastián. Cousa que parece que fixeron e a peste parou». De aí vén o día dos fachos. Tratábase dunha celebración moi masculina: só participaban homes.

Na actualidade, ademais da produción dos 400 fachos (sementados, segados e mallados polos propios veciños ao estilo tradicional), os organizadores da festa prometen 4.000 chourizos e 500 litros de viño.

O documental ‘Lume de fachos’ foi dirixido por Seném Outeiro e producido por Roi Carballido.

Imaxe de FÍLMIKA GALAIKA