Visualizacións de páxina totais

9 de ago. de 2012

'Os berros do silencio'










Retorno ao asfalto logo dun tempo acubillado nunha cova, onde o único que escoitaba ao meu redor era o son invisible dalgúns morcegos que agardaban meterme o dedo no ollo. O que por outra parte non importaba dada a miña cegueira crónica.

Nas aforas notábase só a calor abafante dun verán que comezaba a dar os seus froitos case a destempo.

Acabáronse as cereixas. Haberá que agardar un novo ano, se é que vén, se quere vir (que lle dá moito medo), un ano que establecerá mesmo as fórmulas polas que se rexerá a nova sociedade.

Os próximos informáronme de contado: sobe a electricidade, a auga e todo canto o consumo propulsou para que nós, os cegos, enriquecésemos aos tortos.

Algo semellante, a cando decidín marchar e arredarme do mundo para illarme nunha cova.

Dixéronme tamén que Beiras marchou do BNG co seu ‘Encontro Irmandiño’, constituíu Anova, xuntouse coa Fronte Popular Galega (outrora guiada por Méndez Ferrín) e está a piques de asociarse a Esquerda Unida.

Pero aínda hai máis: un tal Xoán Bascuas (tamén provinte do BNG) inventou Máis Galiza, que en maio de 2012 converteuse en Compromiso por Galicia (parece que o ‘z’ non lles cadraba), e xunto a unha denominada ‘esquerda ecoloxista’ pretenden confabular un centro progresista e socialdemócrata.

Daquela, como mínimo, ademais do BNG, que segue nos seus trece, aparecen no espectro político estoutras dúas opcións de corte galeguista: Anova e Compromiso por Galicia.

O de Xosé Manuel Beiras recende ao canto do cisne, se ben cun certo romanticismo esquerdista. Pero o de Bascuas cheira claramente a torto no país dos cegos.