'O falar non ten cancela'
Talvez a gran maioría da sociedade española goce coa denominada Festa Nacional na que un home dirime cómo matar a un touro, algo politicamente correcto.
Arguméntase que o touro está destinado ao sacrificio, xa que se cultiva como touro de lidia. Independentemente diso, o touro, unha vez sacrificado no coso ante a mirada dunha multitude afervoada, servirá para engrosar a intendencia da industria cárnica e outras nimiedades.
Ben, pois dende a miña miúda cancela, e pese a non ser precisamente vexetariano, négome a validar tal comportamento sádico do home da capa e a espada, malia que brillantes líricos e prosaicos pensadores profesasen e profesen unha santa e prolífica confesionalidade cara a tal afección. E, polo tanto, dentro da mesma lóxica, cando hai noticia de que un toureiro ten unha contrariedade derivada do corno dun touro bravo, nin me sinto ben nin me sinto mal. Dáme igual. E iso non é politicamente correcto.
Pásame outro tanto coa belicosidade industrial, esas guerras santas provocadas polas industrias de armamento: guerreiros uniformados, armados ata os dentes, combaten contra exércitos inexistentes, pobres, escasamente fornecidos e humillados nos seus propios territorios. Non se trata de salvar ao mundo, senón de disfrazalo con múltiples artimañas, que xeran, nos máis dos casos, xenocidios encubertos. E eu négome tamén aquí a ser politicamente correcto. Nin me parece ben nin me parece mal a morte dun soldado, acaso unha simple estatística como tantas outras que aparecen a cotío reflectindo datos sobre baixas (tanto en ocupacións denominadas de alto risco coma en accidentes de circulación, por exemplo). O paradoxo é que no caso da guerra, algúns consideran o touro como símbolo de orgullo e virilidade. / Brais do Castro (Imaxe: AP)
Visualizacións de páxina totais
5 de feb. de 2010
3 de feb. de 2010
Memoria Histórica
Pazo de Meirás: Memoria Histórica
Os sucesores do ditador Franco parece que agora aceptan abrir o pazo de Meirás (Sada, A Coruña) ao público, logo de que os seus recursos xurídicos en contrario non acadasen o resultado apetecido. Os sucesores do ditador Franco parece que ignoran que o pazo pasou ás mans do falecido xeneral por mor dunha colecta organizada polo daquela gobernador civil da Coruña, Xulio Muñoz, xunto co banqueiro Pedro Barrié de la Maza (entre outros), que se encargaron de adquirir ás herdeiras de Emilia Pardo Bazán as torres de Meirás, duplicar a superficie de xardíns e fincas anexas e dirixir os traballos de reforma e acondicionamento para finalmente obsequiar ao ditador ferrolán cunha suntuosa residencia na que acubillarse durante as súas estadías de verán en Galiza.
As reformas financiáronse co diñeiro dos cidadáns, vía institucións públicas e unha suposta colecta popular, na que as autoridades fixaron a cantidade do donativo a entregar ‘de xeito voluntario’ ou mediante un desconto obrigado dun día de soldada nas nóminas dos funcionarios e empregados de empresarios adeptos ao réxime.
As torres de Meirás construíronse por encargo de Amalia da Rúa Figueroa e Somoza, nai de Emilia Pardo Bazán, sobre as ruínas dunha fortaleza medieval derrubada polas tropas napoleónicas en 1809. En 2008 o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.
En 1938 Franco recibiu as torres e unha extensión aproximada que representaba a metade do espazo actual. Nun dos parágrafos do documento de doazón reflíctese, na prosa xenuína da época, que a provincia da Coruña realiza a ‘ofrenda’, doazón das torres de Meirás «ao fundador do novo imperio, xefe do Estado, xeneralísimo dos exércitos e caudillo de España».
No momento da compra non había muros exteriores, agás a entrada principal, como tampouco moitos dos elementos que conforman a propiedade actual do pazo. Sábese que ao pazo, que mercou a ‘xunta’ aos herdeiros lexítimos, incorporáronselle as propiedades ‘doadas’ polos cidadáns, inscritas no rexistro de Betanzos a nome de Francisco Franco Bahamonde e «a súa familia». Polo que se refire aos terreos próximos ao pazo, expropiáronse sen misericordia moitos outros, co fin de anchear a estrada de Santa Cruz a Meirás. Ás propiedades adicionais, adquiridas baixo ameza ou extorsión, dado que en moitos casos non houbo contribución económica ningunha, engadíuselle unha casa co seu terreo destinado á construción dun depósito de auga para o servizo do pazo, a uns 150 metros da entrada principal.
O modelo de financiamento do pazo de Meirás consistiu en descontar das nóminas dos funcionarios do Concello da Coruña e da Deputación Provincial unha porcentaxe do seu salario (editáronse tamén uns bonos de contribución ‘voluntaria’, nos que as autoridades fixaban as cantidades). Dadas as circunstancias, é de supoñer que a maioría contribuíu por medo.
Élles difícil de entender, entón, aos sucesores de Franco que o réxime morreu e o medo desapareceu? Élles difícil de entender a estes sucesores que o pazo de Meirás é unha propiedade do pobo da Coruña? Élles difícil de entender que a memoria histórica determina que esa propiedade foi o resultado dun saqueo e que polo tanto se debe restituír aos seus lexítimos propietarios?
Ou é que pese a todo aínda nos achamos nun réxime fascista encuberto?
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)