A estas alturas da película teríamos que
esquecer que hai sete anos (2007) a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia
concedeu unha axuda á produción audiovisual á produtora Directo de Información
y Divulgación, S.L. para a realización do proxecto da longametraxe ‘Setembro’
(guión de Xosé Manuel Bazarra ‘Sepi’).
A axuda, de 240.000 euros, distribuiríase en
tres partes: 10.000 euros para o ano 2007; 90.000 euros para o ano 2008, e
140.000 euros para o ano 2009.
A produtora Directo de Información y Divulgación, S.L.
reflectiu un investimento subvencionable de 808.834 euros no expediente ou
minuta.
O fundador da produtora Directo de Información
y Divulgación, S.L. (2006), Pastor Lorenzo Sola, administrador único, foi nomeado
en novembro de 2005 director de comunicación e relacións externas de Radio
Televisión de Galicia, cesando en xuño de 2009. A incompatibilidade
impediríalle, polo tanto, participar nun concurso público relacionado co seu
cargo. Marcelino Magán, que segundo as nosas fontes (fidedignas, de toda
solvencia, etcétera) representaba (senón oficialmente, si oficiosamente) á
produtora, foi polo tanto responsable, coa súa xestión, da liquidación da
longametraxe ‘Setembro’; que, finalmente, en 2009, xusto cando vencía o
terceiro prazo, o ‘director xente’ da
empresa dirixe unha carta ao director xeral de Creación e Difusión Cultural
«renunciando á percepción dos importes destinados a cada anualidade ante a
‘absoluta imposibilidade de obter os avais bancarios requiridos e optando polo
cobro do conxunto das subvencións concedidas unha vez finalizada a obra’». Isto
é, o director xerente non desbota en 2009, que nun futuro poderá acceder á
axuda á que el mesmo no seu escrito considera non estar capacitado.
Todo isto é real. Hai máis cousas. Se ben,
como sinalábamos, a estas alturas da película viríalle ben a algún estar
calado. Pero é o que hai.
Con todo, aquí estamos, cabaleiro.