Visualizacións de páxina totais

6 de xul. de 2011

Cantigas de escarnio







Encántanme as persoas como a señora Pajín, que non dubidan en abrir a boca e botar por ela todo canto se lles ocorre sen pararse un chisco a pensar o que van dicir. Gozo coa súa retórica. E, polo mesmo, coido que tamén lle satisfará á sociedade en xeral, dado que somos animais de costumes.

Está claro que non é só a señora Pajín quen incorre nunha, como mínimo, indelicadeza cara á sociedade. E que non é o único político incapaz de comportarse como lle demanda a súa condición de hipotético servidor social. Sobre todo, cando explica que o que pretende é trasladar a súa condición de elite ao terreo dos menos favorecidos, porque non cadra.

Digamos, que a señora Pajín non é o único elemento sospeitoso de mofarse da cidadanía sen cortarse un cabelo. Como a señora Pajín hai miles de humanos nunha e noutra beira (masculinos e femininos). As súas gargalladas séntense de norte a sur e de leste ao oeste. E a diario aparecen máis, e máis, e máis. Semella que o asunto non ten arranxo de ningún xeito.

Se botamos unha ollada nas hemerotecas, veremos que en todas as épocas houbo aproveitados a moreas. Pero seguiron aproveitándose. E seguirán aproveitándose. Persoeiros como a señora Pajín, abondan. E de seguro que mañá, cando a señora Pajín estea xubilada, estarán aí ocupando o seu posto novas señoras ou señores Pajín.

En fin, encántame esta singular señora que pretende daquel xeito tan inocente coma profiláctico establecer unha equidade abstracta: co seu salario non resulta difícil exercer de proletaria.

O negativo é que ao proletario, malia que o desexe, non lle é posible exercer nin sequera de proletario. E moito menos de ricachón.

Paradoxos retóricos.





Imaxe recollida 

de GurusBlog


4 de xul. de 2011

Deputada Adán







Galiza cáese a cachos porque hai moita xente que non ten despacho nin garaxe, nin sequera alma (porque non lles dá tempo a coñecela),  e a súa formación está máis próxima á supervivencia ca a filosofía de Cartesius, se ben de xeito natural conviven moi preto das inquedanzas do francés (en tanto en canto que para sobrevivir utilizan as canles máis directas e sinxelas).

Claro que iso non se lle ocorrerá pensalo nunca a unha persoa tan ben formada e tan ben instalada no seu despacho e no seu garaxe coas paredes rotuladas de lendas anónimas. Á señora Adán dóelle a alma. A máis dun millón de galegos dóelles o corpo.

Galiza leva moito tempo rexida por todo tipo de caciques. Nun tempo con dereito de pernada, na actualidade con dereito de despacho. Pero seguen sendo caciques, porque pouco o nada fan para mudar as circunstancias dunha realidade infame que permanece instalada nas institucións dende hai séculos.

A señora Adán, para que non lle doa tanto a alma, debería traballar máis en busca da medicina que cure a dor do corpo de quen lle paga, dado que cobra boa soldada por ese labor. E esquecerse de momento da alma, porque agora mesmo o corpo é o máis importante.



Publicado en
‘Xornal de Galicia’
o 1 de xullo de 2011