Visualizacións de páxina totais

29 de xan. de 2011

Mobilización na Coruña (Xaneiro 2011)

Cabodano do seu nacemento















Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo (A Coruña) o 30 de xaneiro de 1886 e faleceu en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950.


De Castelao, como é coñecido popularmente, ademais do humano, hai tres aspectos principais a considerar: o artista, o escritor e o político.


Con respecto á súa faceta artística, Luís Seoane considera que foi con motivo da exposición dos debuxos do álbum Nós no Círculo de Artesáns da Coruña (1920) cando se produciu o primeiro anuncio dunha posible arte galega que representase no seu aspecto formal as peculiaridades ou distinción da cultura de Galiza e que se achegase no seu aspecto humano ao seu pobo.




Dende inicios do século XX un grupo de artistas viña representando, primeiro en pequenos cadros de xénero e logo en grandes cadros de costumes, adulteradas a gusto do público, unha Galiza folclórica, allea á súa realidade social. Pronunciaron conferencias no decurso desa mostra Vicente Risco [na fotografía inferior], Xaime Quintanilla, Xohán V. Viqueira e o propio Castelao. Os catro oradores formularon propósitos estéticos moi definidos con respecto a unha posible arte galega. Na actualidade pódese afirmar que aquelas aspiracións continúan a preocupar á maioría dos artistas galegos.


Talvez fose a arte de Viqueira a máis coñecida, divulgada uns dez anos antes no libro antolóxico que publicou a Editorial Nós de Compostela. Castelao xa pronunciara no Ateneo de Madrid (1910) unha conferencia titulada Algo acerca de la caricatura, acentuado o carácter social desta, reflectindo, nunha frase reiterada polos críticos de arte daqueles anos e por cantos escribiron por entón sobre este xénero de arte, a caricatura, que «o ceo visto a través da fenda dun hórreo di máis da fame dun ano ca un artigo de fondo», resumindo en xeral a finalidade que el mesmo lle daría no futuro á obra humorística, engadindo anos máis tarde esta outra reflexión: «Diante das mágoas da terra asoballada calquera humorista de boa cepa galega ten de converterse en satírico ou ironista», que completaba os seus propósitos. Logo de 1920 concretou algo máis as súas conviccións con respecto á arte en xeral, subliñando o xuízo que lle merecían as novas escolas (xurdidas en distintas partes de Europa dende o século XIX ) que, á parte dos medios, revolucionaban a mesma finalidade da arte. Na súa posterior viaxe de estudos por Francia e Alemaña expresou as súas opinións en Do meu diario, publicado en varios números da revista Nós (entre 1922 e 1923), así como na conferencia menos divulgada Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura.



Nos primeiros debuxos que Castelao publica en Vida Gallega advírtese a influencia que exerceron neles os debuxantes de L’Assiette au beurre, revista francesa, e de Simplicissimus, alemá, que evidentemente contribuíron á súa formación, se ben, ao contrario ca eles, o seu humor era intranscendente, choqueiro, e renegou desas caricaturas en anos posteriores, cando comezou a concretar un debuxo moi persoal extraído da realidade galega e a madurecer os seus coñecementos dos graves problemas económicos e sociais que afectaban ao pobo, entre os que salienta o dos foros, institución remota pero vixente a comezos do século XX, e os gravames de diverso tipo que afectaban abusivamente aos labregos.


Nos debuxos de El Barbero Municipal, de Rianxo, anunciárase o propósito de contribuír coa súa arte ao espertar do pobo galego. En canto á forma, esta foi moi lentamente acollida na súa época de estudante nos apuntes de labregos, mendigos e inválidos que vía no Hospital Real de Compostela [na actualidade, Hostal dos Reis Católicos], pola súa condición de estudante de medicina, e dos traficantes de gando, labregos e tamén esmoleiros, cegos, etcétera, da feira de Santa Susana. Os seus debuxos, despoxados en xeral, do claroscuro, de acordo ás conviccións físicas máis acentuadas do home galego e as referidas en xeral á súa indumentaria e aos ademáns máis familiares.



En Bos Aires ditou, para o prólogo dun posible tomo que reunise os albumes publicados, dende Nós ata os da guerra civil española, esta foi a frase reveladora dos seus propósitos, que indica ao mesmo tempo a formación do seu estilo: «Atopei aos meus modelos na Porta das Ánimas de Compostela, onde paisanos, vestidos de calzón curto e pucha reberetada, axuntábanse as mañás dos domingos», «a materia de estudo, nas Ánimas, no mercado de Santa Susana, entrábame así, ao mesmo tempo, polos ollos e polos oídos». Con seguridade que deses apuntes xurdiu a maxistral colección de debuxos de cegos, publicada principalmente nos xornais Galicia e El Faro de Vigo, xeralmente os domingos, seguidos dunha copla de cego, ás veces redactada por el mesmo, cando non era popular, na que se aludía a sucesos políticos e sociais das décadas dos vinte e trinta. Mesmo os grandes debuxos a lapis, co mesmo tema que moitos anos despois deseñaría no seu desterro de Bos Aires.



Xuntamente coa personalidade acadada no seu debuxo influíu nel o modernismo, sobre todo nas súas ilustracións, aspecto moi salientable da primeira etapa da súa obra. Cómpre sinalar exemplos moi característicos, destacando entre estes as tapas de Nós e as ilustracións a libros de Cabanillas, estendéndose esa influencia aos gravados en madeira e linóleo, procedemento este último que el mesmo importou de Alemaña, como moi eficaz, polo seu minguado custe, para carteis, independentemente do alto valor gráfico do gravado en linóleo para xéneros como a estampa e a ilustración. Sen dúbida, a arte gráfica de Castelao, debuxo humorístico e satírico, divídese en dúas etapas: unha primeira que vai dende os debuxos de Nós ata Cincoenta homes por dez reás, as súas ilustracións e os debuxos que dan lugar aos seus tomos de Cousas, e outra segunda que xorde logo da guerra civil española. Na primeira etapa, á parte dos libros citados, deben incluírse as ilustracións de libros, debuxadas e gravadas, e a súa pintura ao óleo. Na súa obra máis popular Cousas da vida, seleccionada por el mesmo nunha publicación titulada Almanaque de El Faro de Vigo e nos tomos publicados por Galaxia con ese título que usaba para os debuxos diarios da súa colaboración Cousas da vida, primeiro en El Noroeste da Coruña e máis tarde en Galicia e El Faro de Vigo, e as súas Cousas publicadas moitas delas en El Pueblo Gallego, antes e despois de ser recollidas en libros, móstrase a obxectividade da súa representación e a súa capacidade para reproducir xentes e actitudes, establecendo as características máis notables dos persoeiros que representaba, xeralmente labregos. «Castelao tivo un extraordinario poder de tipificación. Non dicimos que non vexa a persoa, pero nela tende inmediatamente a descubrir o tipo, e a súa arte gravita de seguido cara ao típico, non, evidentemente, como un antropólogo, senón como un artista, e un artista xenial, guiado á vez por vivas cifras de recordo e repentinas adiviñacións», escribiu acertadamente Rafael Dieste nunha conferencia: La estética pictórica de Carlos Maside.

 A Castelao [á esquerda, imaxe da casa de Rianxo na que pasou parte da súa vida] preocupáronlle sempre, máis ca os problemas técnicos da arte, aqueles medios máis eficaces para espallar o que supuña urxente transmitir en cuestións que afectaban á moral ou a problemas políticos e sociais. Por iso a súa satisfacción cando descubriu en Alemaña o gravado en linóleo como medio eficaz para a propaganda, logo tan cultivado en Pontevedra para estampas e ilustracións, e o seu debuxo nos xornais, nos que sabía unir a eficacia do debuxo e a lenda que o acompañaba. En Cousas da Vida inflúe en Castelao a retranca labrega, da que el mesmo significou nunha entrevista de Bagaría, o outro gran debuxante humorista catalán, moi amigo seu: «A retranca é unha defensa que empregan os desenganados. Úsana soamente os vellos. Non é un defecto de raza, porque os pobos non teñen defectos. A min paréceme que de se cultivar os defectos poden trocarse en virtudes. Xa ves: o humorismo dos galegos cultos non é máis ca retranca cultivada». Castelao consideraba que o seu deber como debuxante era interesar o máis posible a un público maioritario para servir mellor a Galiza, deducindo do pobo unha arma moi eficaz: a retranca. Un aspecto a salientar do Castelao desa primeira época, á parte das acuarelas (foi un grande acuarelista), é a súa pintura ao óleo, da que fican algúns exemplos valiosos e pouco coñecidos do público. No óleo insiste no tema dos cegos e incorpora a figura humana á paisaxe galega, por vez primeira na pintura galega contemporánea e cun sentido distinto ao dos cadros de xénero do século XIX (nos que en xeral se mostra ao home representando unha escena cun fondo de paisaxe). Castelao como pintor proba estar moi arredado na súa concepción de Galiza de Álvarez de Sotomayor, pintor de opulentos interiores ou de grandes escenas folclóricas, por pór exemplos, e de Lloréns, paisaxista que soubo recoller a paisaxe de Galiza e mesmo a súa humanidade sen apenas o home se representase nel. Home e paisaxe únense nos cadros de Castelao.


Non lle bastou con realizar a paisaxe humanizada produto do traballo do home, como Lloréns e outros paisaxistas, senón de situar ao home na paisaxe onde se desenvolve. Entre os exemplos que restan deses óleos lembrar o que forma parte da colección de pintura do Centro Galego de Bos Aires, onde el mesmo se autorretrata como un vello esmoleiro cego que, precedido dun guía, segue un sendeiro de paisaxe da ría. Titúlase Camiño da festa de Guadalupe. [ilustración final] Os tolleitos e esmoleiros compartiron, cos cegos, a predilección de Castelao para os seus temas pictóricos. Talvez foron os modelos atopados á porta da igrexa das Ánimas de Compostela, no Hospital Real desa cidade, e atopounos exhibindo as súas miserias formando fileira á entrada das romarías e das feiras, na súa época, magoándose da súa situación e implorando a caridade, os que serviron para os seus óleos. Soubo manterse arredado da servil preocupación académica e naturalista dos seus contemporáneos. A súa foi unha arte realista, cuxa maior comprensión atoparíaa entre o grupo de pintores que se destacarían máis tarde, arredor de 1930, como Souto, Maside e Colmeiro, entre outros. Castelao trataba de facer unha pintura que se podería denominar realista popular. Sufría a situación social e económica dos labregos, das xentes humildes de Galiza, simbolizando con estes e aqueloutros da porta das Ánimas a situación de Galiza, creando unha especie de coro clásico da gran traxedia que lle atormentaba, como tamén fixeran Valle Inclán, ao que admiraba.



O pintor Corredoira, o máis preto a Castelao na década dos vinte, cando lle fixo o retrato colgou da súa gorxa un medallón coa efixie do grande escritor. [Compilación recollida da GEG]