Visualizacións de páxina totais

8 de maio de 2014

'O carallo vinte e nove'












Que tipo de sociedade é esta? «Esas cousas». Argumentos do cómplice daqueloutros que mentres esixen escravitude para saír desa condenada crise provocada por eles mesmos engordan as súas contas bancarias ríndose a gargalladas, sen disimulo, de todo canto se lles pon por diante.
«Esas cousas». Está claro que o señor que se expresa dese xeito, esquilmando descaradamente para o seu beneficio e para os seus propios, coñece perfectamente a fórmula. Trátase dun deses listos que —debido á escasa orientación crítica educativa proporcionada polo sistema—, durante as etapas da vida dunha persoa, veñen mostrando a súa capacidade para aproveitarse do resto dos seus conxéneres: na primaria, na secundaria, no instituto, e no seu paseo pola universidade acadan o seu definitivo selo programático: a vivir, que son dous días e que se fodan os demais.
O difícil de entender é cómo llo permite esa gran maioría de mortais, que non son listos pero si máis sensibles e intelixentes. E que o saben. Cómo é posible que o mundo, en xeral, trague con todo, que non se farte un ano tras doutro de que lle furen o cu cun fungueiro e sen anestesia. Entendo que se a xente goza, non hai problema. O que non acerto a comprender é a protesta posterior, polo baixiño. Porque «a cousa» ten moita miga.


Ilustración de Castelao (1925)












5 de maio de 2014

Primeiro de Maio











A festa do Primeiro de Maio —agora denomínase festa—  quedou obsoleta. Trátase dunha data máis do calendario, incluída neses recursos eufemísticos subliñados como día mundial do/da/dos/das...
A pretensión orixinal que preconizaba a preponderancia da forza do traballo fronte ao capital, esfumouse. O propio capital acabou co seu contido dende o momento en que asumiu a data como parte do seu proceso de explotación sobre o asalariado.
Con todo, o sindicalismo oficial mantén o seu formalismo, festexando a data do Primeiro de Maio sobre consignas do século XIX. O oficialismo sindical propugna as mesmas pautas para os asalariados ca as consideradas fundamentais hai dúas centurias.
Na práctica, neste século, a sociedade en xeral non tería que combater por un salario digno, sanidade e vivenda, dado que xa xerou suficiente plusvalía como para ser autosuficiente e gozar dunha vida próspera sen recorrer á escravitude. E tería que avanzar con medidas que xerasen benestar para os países non desenvolvidos (de África, Asía e América Latina), escravizados con creces, e que merecen se lles resarza convenientemente.
Por exemplo, e abandonando a retórica propia dos encantadores de serpes, o primeiro paso debería encamiñarse á desaparición da especulación, do nazismo imperante nos denominados países occidentais ou ‘democráticos’, administrados por especuladores cuxa única fin e engordar as finanzas dun pequeno grupo de ditadores que, na sombra, poñen e quitan gobernos, tal e como lles conveña para incentivar os seus propios negocios. A seguinte medida sería a erradicación dos aparatos represivos (militares e todo tipo de forzas armadas, incluída a equipaxe bélica). Finalmente deberíase destinar a maior parte do presuposto universal a educación.
Isto é, basicamente, o que terían que esixir quen din representar aos asalariados para rematar definitivamente coa escravitude. O ser humano, de acordo coas súas aptitudes, proporcionaría o seu elo para a realización dun labor común que resultase beneficioso ao conxunto da humanidade.

'O cuarto Estado’, lenzo de Giuseppe Pelliza 
(1901, Galería de Arte Moderna de Milán)