Visualizacións de páxina totais

14 de maio de 2015

URSS | 'Carne de canón'














Alberto Lobelle, en colaboración con Xurxo Chirro, presenta o documento ‘O Día da Vitoria’, fundamentalmente a través de material recollido dunha familia na que un dos seus membros participou na denominada ‘guerra patriótica’ (1941-1945).
Naquel gran masacre, no que habería que salientar abertamente que tamén foron cómplices os gobernos de EE UU, Reino Unido e Francia, por exemplo (incluída o da propia URSS), quen pagaron, como en todas as guerras, foron os labregos e cidadáns menos favorecidos. A daquela Unión Soviética mandou a combater a millóns de persoas contra o inimigo nazi. Pero antes diso asinouse un pacto de non agresión cun dos criminais máis crueis da historia. Por outra parte, tanto Francia coma o Reino Unido permitíronlle a Alemaña a militarización, coa creación dun grande exército singularmente equipado. E os EE UU mirou para outro lado, ata que non lle quedou máis remedio que comprometerse cos denominados ‘aliados’.
O Día da Vitoria, que conmemoran anualmente as institucións rusas, representa, con todo, o día no que os exércitos soviéticos derrotaron ao exército alemán despois de percorrer miles de quilómetros dende todos os lugares da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas ata acadar Berlín. Aquilo custou preto de vinte millóns de vidas humanas.
Alberto Lobelle rescata as lembranzas dun deses soldados que durante catro anos loitou para derrotar ao nazismo, mostra a celebración institucional dun grupo de camaradas e as aspiracións das novas xeracións para que as guerras desaparezan definitivamente da face da terra.
Porén, semella que non vai ser posible. Que a memoria será esquecida novamente. Mentres existan determinados intereses, algúns pularán a cotío pola guerra, que pagarán, coma sempre, os máis febles.
Velaí o caso da Ucraína.

https://www.youtube.com/results?search_query=d%C3%ADa+de+la+victoria%2C+alberto+lobelle



13 de maio de 2015

María Vitoria Moreno Márquez














A Sega (plataforma de crítica literaria) apostou por María Vitoria Moreno Márquez para celebrar o Día das Letras Galegas 2015 en contraposición a Xosé Filgueira Valverde elixido pola Academia Galega.
Filgueira Valverde, que colaborou coa ditadura franquista, mereceu os parabéns da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, se ben foi elixido pola mínima no plenario da Academia. Entre os outros posibles candidatos achábanse Manuel María —parece que moi nacionalista para algúns académicos— e Ricardo Carbalho Calero —lusista e independentista para outros—. Para boa parte da crítica, semella unha elección máis política ca intelectual.
María Vitoria Moreno Márquez (1941-2005) naceu en Valencia de Alcántara (Estremadura), se ben instalouse en Pontevedra en 1963 para impartir docencia en varios institutos da cidade galega, escollendo o idioma galego como lingua de comunicación e escrita literaria.
Publicou os seguintes libros: Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), Mar adiante (O Castro, 1973), No país dos contos (Galaxia, 1985), Literatura do século XX-COU (SM, 1985), Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), Anagnórise (Galaxia, 1989),  O cataventos (Sotelo Blanco, 1989), A festa no faiado (Galera, 1989), As linguas de España (Xunta de Galicia, 1991), Natalia (Tandem, 1997), E haberá tirón de orellas? (Galaxia, 1997), A brétema (Ir Indo, 1999), Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), Eu canto, ti cantas... (Xerais, 2005), Elexías de luz (Xerais, 2006, póstumo), Onde o aire non era brisa (Galaxia, 2009, póstumo).
Centrada especialmente na narrativa para nenos, deixou constancia da súa dedicación á lingua galega a través destas verbas recollidas por Xan Carballa: «Escribo en galego porque amo a Galiza, porque Galiza me deu moito, porque penso en galego, porque collín a causa dos pobres...» [A Nosa Terra, 2005].

A Sega considera que María Vitoria, que faleceu en Pontevedra, representa a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, «a decisión consecuente da palabra xusta. E con esta mesma vontade facémola nosa».