Velaí a outro
xeneral, outro máis que non dubida en manifestar publicamente que, de non ir as
cousas polo seu rego, os militares terán que tomar medidas.
É a morriña dun
pasado ‘patriótico’, no que por riba de todo era aquela denominada ‘España,
unha, grande e libre’. Sen utopías independentistas. Só unha única e
indivisible España. E que ninguén coidase cousa distinta: fusilábano. Así de
fácil.
Pois aí está outro
psicópata máis, dos que abondan no sistema métrico decimal que conforma o
pensamento universal do imperialismo. Un psicópata que non dubida en pronunciarse
de xeito semellante aqueloutro que esnaquizou unha república democrática que
deu tránsito á feira monárquica actual. E non pasa nada. Aquí paz e logo
gloria.
Na súa desculpa
posterior, cara á galería, di que terxiversaron o seu discurso. E láiase de que
non se corroborase persoalmente con el. O que non di é que si se pretendeu que
explicase se quería mudar algo do que efectivamente dixo, pero non respondeu ás
mensaxes do informador para ratificar, ou rectificar, no seu caso. Iso, en
argot coloquial, na miña aldea chámano desculpas de mal pagador.
Chicharro Ortega
tería que ser cesado de facto, desposuído das súas prerrogativas de mando e de
soldada. Como mínimo. Psicópatas coma el son máis seguros nun cárcere, con
camisa de forza incluída.
Vaia por diante,
malia que sexa o final, que os exércitos non deberían ter cabida nunha
sociedade verdadeiramente democrática. As forzas armadas, sobre todo as
profesionais, conforman unicamente a defensa do bastión daqueles que dispoñen
da riqueza do dez por cento da humanidade.
Xeneral Chicharro ||| 'Diario de León' |
Iolanda Barcina
Angulo ||| O azulexado da servidora pública
O caso da señora
Barcina Angulo tamén é de tolemia. Fáltalle algún parafuso. Como ese conxunto
de seres humanos que se dedican a servirse en lugar de servir, a señora Barcina
constitúe un claro exemplo. No seu favor ten a desculpa que hai antecedentes
dabondo doutros que o fixeron peor, que roubaron máis e non lles aconteceu nada
grave. E, como moito, caso do Roldán ou do Conde, por exemplo, cando saíron do
cárcere aproveitáronse posteriormente do afanado e andan por aí sen ningún
pudor.
En calquera caso, a
señora Barcina Angulo inventou unha nova defensa para o seu aproveitamento
ilícito. Sen ruborizarse, explicou que, claro, tampouco era moito o montante,
dado que algúns profesionais da construción, caso dos que azulexan, gañaban
tanto coma ela nun mes. E dío tan campante. Coa súa boquiña de charón. Como se
ninguén a escoitase. Fermoso. Que podemos dicir fronte a iso?
Fodidos estamos!
Iolanda Barcina ||| Wikipedia |