O presidente chileno Salvador Allende Gossens (Valparaíso, 1908-Santiago, 1973) faleceu en Chile o 11 de setembro de 1973 logo dun golpe de Estado apoiado pola CIA e dirixido polo xeneral Augusto Pinochet.
Co apoio das organizacións de esquerda integradas na Unidade Popular, Salvador Allende logrou os votos necesarios para establecer en Chile un goberno alternativo que levase ao país cara á denominada ‘vía chilena ao socialismo’. Unha das primeiras medidas do goberno popular foi a nacionalización do cobre, algo que EE UU non estaba disposto a consentir.
Na actualidade sábese xa con certeza que a folga do transporte chileno foi patrocinada pola axencia de contraespionaxe estadounidense. E coa axuda da á máis dura do exército chileno aprobouse o golpe de Estado que establecería en Chile unha das ditaduras militares máis sanguentas e abafantes do século XX.
Con todo, Salvador Allende (que na súa etapa como senador se encargou de facilitar a saída aos sobreviventes da guerrilla do Che Guevara en Boliva) defendeuse no pazo presidencial coas armas de man xunto a un grupo de colaboradores. Finalmente, dado que non dispuña do apoio apropiado para defender a Constitución, se quitou a vida nunha das estancias do pazo. Pouco antes de falecer dirixiuse á poboación a través de Radio Corporación ás 7:55 horas cun chamado aos traballadores para que «ocupen os seus postos de traballo, que concorran ás súas fábricas, que manteñan a calma e a serenidade». Nese momento, Salvador Allende aínda coidaba que a gornición de Santiago se achaba acuartelada con normalidade. E insistía en que, «en todo caso, eu estou aquí, no pazo de goberno, e aquí quedarei defendendo ao goberno que represento pola vontade do pobo». O presidente constitucional solicitaba unicamente que os traballadores se mantivesen atentos e vixilantes e que evitasen provocacións. Na súa inxenuidade, aínda agardaba pola resposta dos ‘rebeldes’, «que espero sexa positiva, dado que os soldados da patria xuraron defender o réxime establecido, expresión da vontade social, e agardo que cumpran coa doutrina que prestixiou a Chile e prestixia o profesionalismo das forzas armadas. Nestas circunstancias teño a certeza de que os soldados cumprirán coa súa obriga». Non obstante, no caso contrario, Salvador Allende contemplaba a posibilidade de que o pobo «se mobilice activamente, e que os traballadores nos seus lugares de traballo escoiten o chamado do seu compañeiro presidente da República coas instrucións precisas».
Pese a que, coma sempre, o pobo esixía armas coas que se defender, a ética de Salvador Allende non albiscaba con que a insurrección fose xeral e efectiva. E ás 8:15 horas insistía en que «se respectará a vontade do pobo», reflectindo que «as forzas leais acatarán o xuramento de obediencia e, ao carón dos traballadores organizados, afastarán o golpe fascista que ameaza á patria».
Ás 8:45 horas, Salvador Allende falaba xa de enfrontamento contra a maioría do exército chileno. Ás 9:03 horas, dende Radio Magallanes salientaba o paso dos avións sobre o pazo presidencial, salientando que «pagarei coa miña vida a defensa dos principios, que son caros a esta patria», pero mantiña á cidadanía fóra do conflito propiamente dito: «O pobo debe estar alerta e vixilante. Non debe caer en provocacións, nin tampouco deixarse masacrar, se ben debe defender as súas conquistas: o dereito a construír co seu esforzo unha vida digna e mellor». Pero o pobo estaba desarmado.
Contra as 9:10 horas, Salvador Allende coñecía xa o alcance do golpe e insistía en que «o pobo ten que se defender [...] pero sen sacrificarse. O pobo non debe deixarse esmagar nin martirizar, pero tampouco humillarse».
Estaba Claro que Salvador Allende non estaba conforme co golpe militar, mais tampouco quería que o exército esnaquizase á poboación. E pese a que os seus socios de goberno (o Movemento de Esquerda Revolucionaria e o Partido Comunista, entre outros) había ben tempo que lle solicitaran que se armase á cidadanía, o presidente chileno optou ata o final pola vía ‘pacífica’, que finalizou co seu último discurso: «Traballadores da miña patria: Teño fe en Chile e no seu destino. Outros homes superarán este momento gris e amargo no que se pretende a imposición da traizón. Saiban vostedes que máis cedo ca tarde abriranse novamente as grandes alamedas polas que camiñará o home libre para construír unha sociedade mellor. Viva Chile. Viva o pobo. Vivan os traballadores. Estas son as miñas derradeiras palabras, coa certeza de que o meu sacrificio non serán en van. Sei que, canda menos, será unha lección moral que castigará a felonía, a covardía e a traizón».
Miles de persoas foron asasinadas en Chile na vaga de terrorismo chileno-estadounidense a partir do golpe de Estado naquel 11 de setembro de 1973.