Visualizacións de páxina totais

10 de maio de 2013

Revista de Prensa [Venres, 10 de maio de 2013]









Todas as empresas do Ibex 35, agás dúas que parecen idiotas, actúan en paraísos fiscais. Grazas a iso, en vez de cotizar coma vostede e coma min, que somos parvos do cu, evaden legalmente os impostos. Significa que as institucións funcionan. Moitas desas empresas, presididas por filántropos incurables e persoas de misa e comuñón diarias, desvían a súa produción cara a paraísos onde a obra de man é barata porque as condicións laborais son de pena. En Bangladesh, por pór un exemplo, acaban de morrer esmagados máis de 500 obreiros que fabricaban os nosos pantalóns vaqueiros e os nosos fulares de cores nun edificio que ameazaba ruína. Tranquilos, ningún filántropo español irá ao cárcere por ese crime. As institucións funcionan.

A un señor que non podía pagar a prótese de xeonllo que necesitaba para a súa recuperación, arrincáronlla antes de que saíse do hospital. As institucións funcionan. A Xerardo Galeote, un tipo da Gürtel tan presunto coma Xesús Sepúlveda ou a súa daquela dona, Ana Mato, duplicáronlle o soldo (co diñeiro dos nosos impostos) cando á xente honrada comezaban a baixarllo. E é que as institucións (neste caso, o PP) funcionan. No hospital de Hellín operaron extraxudicialmente á nai do xerente (o que leva os números e talvez decida os despedimentos) por iso, porque as institucións funcionan.

Se queda algunha dúbida de que as institucións funcionan, aí está a ‘desimputación’, ou como se diga, da infanta Cristina, a muller que cría que con dous soldos de clase media era posible adquirir un pazo de clase alta. A infanta Helena, sorprendida nun open de tenis (onde, senón), a preguntas da prensa, declarou que ignoraba se se fixera xustiza, pero estaba feliz. Feliz, supormos, de que as institucións funcionaran.

IMAXES DE: FARID HOSSAIN e JULHAS ALAM | AP