Nestes días en que a todo o mundo se lle enche a boca coa ‘democracia’, habería que trasladarse ao principio dos tempos para comprobar se tal vocábulo serve realmente para algo.
Hai dous séculos alguén sumamente coñecido expresaba xa a súa opinión científica sobre o parlamentarismo burgués, que serve para que «cada catro ou cinco anos o pobo resolva quen o vai a torturar durante ese período». Na actualidade é máis do mesmo, pero coa diferenza de que xa todo dá igual.
Tamén nestes días, «Os ‘borbóns’, ás quenllas» supuxo a consigna dun grupo de mozos que non compartían o xeito democrático dos que xogan con vantaxe.
Este tipo de opinións ofenden ao oficialismo, onte, hoxe e mañá, que non entende que se inxurie un elo da pirámide conformada polo xeneral Franco, bendicida pola denominada transición (ou isto ou o que tiñamos!).
Por esa regra de tres, dado que xa se está máis preto do pretérito ca do futuro, habería que restituír a figura do ditador, incluídas as súas efixies e demais trazos honoríficos, na historia de España e cualificalo como Ben de Interese Cultural.
E iso é o que se lle debe demandar ao poder estatal dado o seu fervor patriótico en defensa das directrices que blandiu contra vento e marea o criminal Franco.
«Os ‘borbóns’, ás quenllas» supón polo tanto unha frase illada que non representa á democracia, sobre todo á antidemocracia, que é o que defende o sistema métrico decimal sucesor da ditadura militar: entre os dous partidos ‘maioritarios’ no Congreso suman preto de vinte millóns de votos. Segundo o atado, para mudar a Constitución necesítanse dous terzos. Con isto xa está todo dito.
En calquera caso, «ás quenllas, os ‘borbóns’!».
A loita continúa.