Si, moita aparencia, moito monarca, moito
presidente estatal, moita ministra e moito persoeiro interno, pero escasa ou
nula percepción da realidade.
Por que acontecen estas cousas? En que mans
estamos?
Parece que a Galiza lle toca todo: terra, mar
(o ‘Prestixe’, causou estragos na meirande parte da costa galega, 2002) e aire
(no accidente de aviación de Montrove, Oleiros, A Coruña, 1973, faleceron 85
persoas).
Neste país, propenso ás chapuzas, non hai
bágoas para chorar as iniquidades de tanto tirano afincado na poltrona.
O dito popular «ten que pasar algo para que
alguén tome cartas na asunto» desenterra a cotío verdadeiras composicións de
traxedia consentida. Debe pasar algo para que os técnicos se comprometan e
sexan capaces de enfrontarse con todas as garantías ao poder establecido e se
neguen, no seu caso, a asinar proxectos promovidos como válidos cando conteñen
sinais erróneas no seu trazado? Debe pasar algo para que se valore
suficientemente, con todas as da lei, se un determinado proxecto é ou non
necesario e, de ser así, se o investimento é o adecuado? Debe pasar algo para
que o persoal responsable dun grupo de persoas estea preparado e supervisado
axeitadamente? Debe pasar algo para que dunha vez por todas se esquezan os
recortes en asuntos de vida ou morte?
O Día de Galiza. O 25 de xullo de 1920, Irmandades da Fala
organizou o primeiro Día de Galiza aproveitando a solemnidade da data na que
Galiza festexa ao apóstolo Santiago. Lembrarao ‘A Nosa Terra’, órgano das
Irmandades da Fala na Coruña, o 25 de xullo de 1923: «Hai tres anos que
os nacionalistas vimos celebrando no día de Sant-Iago o Día de Galiza, día de
santidade en que os nosos corazóns renovan seu voto diante o altar da patria,
día de ledicia en que todos os galegos nos sentimos irmáns, día de esperanza en
mellores días, día en que as nosas almas voan cara os horizontes de días en que
aínda non viñeron, pero que virán, que xa se ollan no alén envoltos en brancura
de nova liberdade». O 15 de agosto dese mesmo ano, ‘A Nosa Terra’ insiste en lembrar como
nos anos 1920, 1921 e 1922 se celebrou libremente, sen obstáculos, incluso con «certa
esperanza de renovación e de crecemento dos símbolos patrióticos, dende a
bandeira, que chameaba libremente, ata o escudo, o himno e outros símbolos non
tan característicos, pero igualmente atractivos para os galegos, como a cruz de
Compostela». Corresponde, pois, ás Irmandades da Fala o mérito de ter destacado a
transcendencia do día 25 de xullo como o Día de Galiza.
Pouco durou a euforia, pois o endurecemento da
política da ditadura afectou directamente a este acontecemento, aos actos
públicos e, sobre todo, á publicidade dos símbolos. ‘A Nosa Terra’ no seu
editorial do 25 de xullo de 1924 expresaríao claramente: «Na imposibilidade
de o poder facer do noso gusto, e tal como debera, sírvanos de consolo (que
remedio senón conformarse!) a afirmación neste día de canto dixemos e
pensabamos na mesma data en tempos pretéritos, máis suaves e propicios, que
cobizamos para o porvir».
En 1925 ‘A Nosa Terra’ quéixase de non ter
podido facer máis en favor da propaganda galega. Música galega nos cafés da
Coruña, números extraordinarios nos xornais con algún artigo en galego e unha
cea de confraternidade dos militantes das Irmandades compoñen os escasos actos.
O 25 de abril de 1926, ‘Céltiga’ tamén lanzará a mesma queixa dende Bos Aires. Hai
que agardar á dulcificación rexionalista de 1930 para que retomen as bandeiras,
como aconteceu en Ourense na festividade do Corpus. E xa definitivamente
durante a II República producirase un período de riqueza simbólica como non
tivo Galiza en ningún momento da súa historia. Irmandades da Fala continuará a
súa propaganda e o 25 de xullo de 1931 poderá expresar novamente o seu
galeguismo. O Partido Galeguista, pola súa banda, realizará unha intensa propaganda
en favor do día e o mesmo 25 de xullo de 1931 exhibirá o seu galeguismo de
xeito entusiasta. En 1932, ante a necesidade de traballar a favor do Estatuto
Galego, o Partido Galeguista realizou un intenso labor de propaganda e de
celebración do Día de Galiza. ‘No día de hoxe’, folla editada polo Partido
Galeguista o 25 de xullo, en Ribadeo (Lugo), exaltaba á poboación a mostrar o
seu galeguismo. E con estas características celebrouse ata o ano 1935.
Día da Patria Galega. Os máis de corenta anos de réxime
franquista apagaron todos os ecos da exaltación galeguista. Con todo, en moitas
ocasións celebrouse a misa tradicional por Rosalía na compostelá igrexa de San
Domingos de Bonaval, lugar de cita anual dos galeguistas resistentes.
En 1968, a Unión do Pobo Galego (UPG), apoiada
pola Asociación Democrática de Estudantes Galegos e de xeito máis velado pola
organización galega da Fronte de Liberación Popular, convoca ao pobo galego
para que acuda a Compostela á concentración do nomeado Día Nacional Popular con
motivo do 25 de xullo. Un grupo de persoas que atenderon este chamado colocou
no paseo da Ferradura unha bandeira galega e unha gran pancarta coa seguinte
inscrición: «Viva Galiza ceibe e socialista».
En 1973 rexistrouse un chamado da Liga
Democrática Galega no que se manifestaba de acordo coas principais forzas
democráticas. En 1974, a
UPG espalla unha análise da situación política galega con motivo do Día da
Patria Galega, pero non se realiza chamado ningún.
A apenas creada Asemblea Nacional Popular Galega
é quen se encarga de convocar en 1975 o Día da Patria Galega a través de
pintadas e pasquíns esparexidas por toda Galiza, nas que se podía ler: «Galiza,
patria asoballada, patria das crases traballadoras, ten hoxe máis necesidade e
máis posibilidades ca nunca de que unha rexa e patriótica conciencia colectiva
das súas camadas populares reclame e loite pola solución dos seus problemas. A
concentración de San Domingos vai ser a proba da vontade dos patriotas galegos
de afirmarnos na nosa conciencia nacional e popular contra da asimilación e
explotación ás que o Estado colonialista español nos ten sometidos».
Centos de persoas acoden a este chamado, pero
o seu desenvolvemento viuse condicionado por fallos na organización e polo gran
despregue policial.
En 1976, a AN-PG insiste novamente na
conmemoración. Nun primeiro momento, súmanselle outras forzas políticas
galegas, se ben a AN-PG asumiu directamente a organización. Mentres, a Táboa
Democrática de Galiza pronunciábase a favor do Día de Galiza. Así as cousas, o
25 de xullo de 1976 realizáronse dúas manifestacións polas rúas compostelás:
unha composta por militantes da AN-PG e outra polos do Movemento Comunista de
Galiza, se ben ambas foron disolvidas polas forzas de orde pública.
En 1977 celebrouse o Día da Patria Galega con
dous chamados: un por parte do Bloque Nacional-Popular Galego e outro,
denominado unitario, polo Movemento Comunista de Galiza, Partido Socialista
Galego, Asemblea Popular Galega, Partido Carlista de Galiza e Partido do
Traballo de España.
O Bloque, ademais da manifestación, organizou
pola tarde unha festa na horta de San Domingos, en Compostela. Bautista Álvarez
(UPG), Iñaki Martínez (Partido para la Revolución do Pobo Vasco), Carlos Castellano
(PSAN [p] de Cataluña), Pedro Rocha (Liga Comunista Revolucionaria), Xesús
Arrizado (SOG), Francisco García Montes (ING), Ramón Valcarce (o cura das
Encrobas), etcétera, participaron nos mitins.
O Bloque conservou, xunto a outros colectivos, a paternidade do Día da Patria Galega.
Día da Soberanía? Na
actualidade, a grandes trazos, o 25 de xullo pouco ou nada representa para unha
Galiza de seu, independente e soberana. Galiza deberá ter o seu propio día en
tanto en canto se desgaxe do colonialismo doce que padece e sexa capaz de
asumir o seu papel como país en pé de igualdade co resto. Ese será o Día de
Galiza. O día da Independencia.