Observo apampada os movementos daqueles que
pretenden ser ‘califa no lugar do califa’ sen ruborizarse nin unha miga. Por
exemplo, o caso máis recente é o de Madrid, onde o tan gabado vocábulo
democracia áchase desamparado, a piques de ser asasinado por un aguerrido mozo
con pretensións nada claras.
Se ben eu coido que os políticos profesionais
son unha caste que debería desaparecer para que as persoas se gobernasen por si
mesmas no seu propio barrio, na súa pequena comunidade, sabedoras de qué pé
coxeamos cada quen sen necesidade de axentes propagandísticos comedores de
cocos, decidindo entre nós todo canto teñamos que decidir, sen regras escritas,
mudando de póla cando nos pareza oportuno sen que todo estea atado e ben atado,
paréceme moi pouco ético e incluso antiestético que un aguerrido mozo que se
chufa de que gañou a súa coroa de patrón grazas ao ben que lles sorbeu o siso
aos seus subordinados, agora dispoña que a sucursal madrileña, que seguiu o
mesmo camiño ca el, deba morrer asasinada por mor da súa disposición propia de
ilustrador de coplas liberais.
Este é un mundo así, no que mozos aguerridos e
presuntuosos aprenden dende moi novos o xeito de esmagar ao subordinado polo
pracer de lograr ser califa no lugar do califa para finalmente empobrecer un
pouco máis a máis xente e enriquecer moito máis a menos xente. Este é o
aguerrido mozo, nótaselle ben de que vai.
Pero a propaganda non queda aí. A propaganda
continúa sen misericordia enchendo as cabezas daqueles que camiñan ergueitos
para poder matar a friaxe, castigo das empresas eléctricas en comandita co
actual califa. A propaganda é contumaz, tan contumaz que entra polos ósos, sobe
pola espiña dorsal e vaise polo nariz. A propaganda é dura de roer. Ás veces
doe tanto que mellor e quedar quieto un anaco e logo marchar ao bar de sempre a
tomar dez ou quince litros de cervexa, a conta.
—Apúntamas nunha barra de xeo.
Claro que as máis das veces o cantineiro non
traga. E unha ponse a ler o xornal, e o xornal di moitas parvadas con tortilla de
propaganda. Porque, claro, a propaganda está en todo: na lata de sardiñas, no
leite para o café, na sesión de tarde Rintintín, nos ollos negros, negrísimos
dese fermoso corcel que solicita amablemente mentres fixa a súa ollada no panel
dos bolos suízos unha esmola para sobrevivir un día máis. Está claro que isto
non lle importa a un mequetrefe que se dedica a ameazar aos contribuíntes. Nin
tampouco á baronesa que se xacta de telos ‘calado’, non precisamente por pechar
a boca.
En fin, lembranzas do franquismo cando había
que escribir entre liñas para que non se decatase a censura de que lle
estabamos chamando asasino a aquel asasino que deixou en herdanza aos seus
fillos e netos de hoxe. Que aínda, a maiores, hai que subvencionalos, malia que
formalmente xa non estean para moitas festas.