Visualizacións de páxina totais

15 de mar. de 2011

Acoso empresarial



A oficina central de 1&1 Internet España S.L.U. (con sede en Madrid, rúa Narciso Serra 14) acosa aos seus usuarios de maneira ininterrompida. E no caso en que non poida acadar as súas necesidades, apóiase na empresa Infoscore, que non ten reparo ningún en recibir datos persoais (allea a Lei de Protección de Datos) e sumar arredor dun 50% na súa factura por encargo de cobro.

Esta asociación, Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate), contratou unha reserva de dominio en 2009 que venceu en 2010. Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate) decidiu non continuar coa reserva e enviou os correspondentes correos electrónicos dispoñibles na empresa 1&1. A empresa citada considerou que así non se daba por finalizado o asunto e insistiu en que non había anulación. Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate) entendeu que se había unha fórmula fácil e sinxela para contratar, a mesma debería ser para rematar.



Con todo, 1 & 1 reiterou o seu acoso (recibos ao banco, chamadas, correos electrónicos). E dado que Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate) non satisfacía as súas necesidades mercantís, contratou a unha empresa especializada 'para que nos puxésemos de xeonllos'. Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate) non o fixo nin o fará. O que está claro é que este tipo de empresas pretenden (o mesmo ca as telefónicas) castigar á sociedade coa fórmula da necesidade. E non o imos consentir.



Denunciamos tanto a 1& 1 coma a Infoscore, para que as administracións locais, autonómicas e particularmente a estatal teñan en conta que é necesario lexislar dunha vez por todas de xeito que as necesidades momentáneas non se transformen nun argumento de lesa lei para acosar aos usuarios.

13 de mar. de 2011

Traxedia en Xapón



Hai anos, cando aínda a noticia diaria era a denominada ‘guerra fría’, as minorías sensibilizadas xa denunciaban as consecuencias negativas derivadas de situacións inexplicables da natureza, caso dos terremotos.

Aquelas minorías ‘iluminadas’ tiñan en conta os almacéns nos que se acumulaban armas nucleares. E propugnaban que, no caso dunha muda imprevisible da natureza, aqueles artefactos destrutivos creados polo home suporían unha dobre traxedia para a humanidade.


Na actualidade, que se saiba, aínda non aconteceu tal, agás o caso de Xapón, onde as consecuencias naturais do último sismo determinaron o estrago dunha central nuclear. A pregunta é: Que tería acontecido se en lugar dunha central nuclear fose un silo de bombas nucleares?

Porque se argumentará que Xapón non dispón de armas de ‘destrución masiva’. Pero acaso os sismos entenden de lugares e situacións?

O acontecido en Xapón pódese dar en calquera lugar do planeta. E de seguro que non haberá cemento armado ningún, nin capa de aceiro de tripla lámina que impida que a natureza rebente cos silos nos que se almacenan miles e miles de armas de destrución masiva.